28/06/2012

O tratado fiscal europeo é inimigo da democracia. Por iso votarei en contra

Sahra Wagenknecht. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña. Sahra Wagenknecht é membro do Bundestag alemán, vicepresidente de Die Linke e do seu grupo parlamentar. Publicou varios libros sobre cuestións económicas, o último Freiheit statt Kapitalismus (Liberdade en lugar de capitalismo). 



Decantados definitivamente a vella SPD e os Verdes ao lado populista do suicida pacto fiscal europeo proposto por Merkel, a única voz parlamentar da razón económica e da xustiza social no Bundestag alemán parecen ser xa só os deputados da Linke.

A chanceler alemá, Angela Merkel, resultou chave á hora de decidir o curso da política europea respecto da crise. O tratado fiscal e o Mecanismo Europeo de Estabilidade (o ESM) son un intento de ditar indefinidamente esta política aos países de Europa. Esta estratexia ignora, con todo, dous feitos fundamentais. En primeiro lugar, só despois da crise financeira mundial de 2008 comezaron a aumentar as débedas do Estado, debido á recesión global e aos paquetes de rescate bancario. Non é certo que os países europeos viviran por encima dos seus medios. En segundo lugar, a política de crise ignora o feito de que os intensos recortes orzamentares teñen repercusións negativas sobre o crecemento económico.

No peor dos casos, este tipo de política leva á recesión. En Grecia levouse esta política ao extremo. Nos últimos anos, a economía grega esborrallouse en 20%, o que habitualmente sucede só en tempos de guerra. O desemprego xuvenil de Grecia, do mesmo xeito que o de España, chega hoxe até o 50%. O resultado consiste nun brusco descenso dos ingresos tributarios que conduce a un crecente aumento da débeda do Estado grego, a pesar de todos os recortes do gasto. Esta política, namentres, levou á recesión a toda a zona euro. A Comisión da UE prevé un crecemento negativo para 2012.

Aplicar o tratado fiscal nunha situación así coaccionaría ao conxunto de Europa a recortar orzamentos durante décadas e con iso estrangularía de modo permanente o crecemento económico. Ningún país da eurozona -coa excepción de Finlandia e Estonia - satisfaría os criterios do tratado fiscal en 2011. Isto quere dicir que 98% da economía e a poboación da eurozona víronse suxeitos a recortes orzamentarios case automáticos en 2012, con Bruxelas controlando a súa posta en práctica. O tratado fiscal é inimigo da democracia porque ningún goberno electo tería a posibilidade de revogar esta política ao ditado. O tratado internacional non permite unha terminación unilateral. O seu incumprimento levaría a procesos xudiciais ante o Tribunal Europeo e por ultimo ao pago dunha multa por parte do país en cuestión. O tratado fiscal constitúe unha escandalosa privación da vontade da poboación

É estraño que de todos os gobernos sexa o de Alemaña a forza impulsora deste dislate. Á fin e ao cabo, foi Alemaña a que a comezos dos anos 30 experimentou de primeira man unha política que levou á catástrofe, primeiro o noso país, e logo ao mundo enteiro. Unha política carente de toda solidariedade resulta tamén incomprensíbel, pois o capital alemán é o que por medio dunha agresiva política de exportacións beneficiouse moi porriba da media da moeda común desde que entrou en vigor. Por esta razón é polo que resulta importante lembrarlle a Merkel sempre que se poida o seu destrutivo papel. Moitos son os que de momento consideran os acontecementos de Europa un perigo para a economía mundial. As declaracións dos xefes de goberno no cume do G20 mostraron isto con claridade. Peor mesmo resulta, por suposto, que esta política divida a Europa e destrúa o futuro do pobo.

A fin de romper o círculo vicioso, faise necesario deter o tratado fiscal e a política de recortes orzamentares que o acompaña. Doutro xeito, todas as decisións destinadas a engadir impulsos para o crecemento só poderán considerarse follas de parra. Non se poden conseguir unhas finanzas públicas sólidas mediante un tratado fiscal que estrangula o crecemento e os ingresos fiscais. Os orzamentos do Estado só poden equilibrarse aumentando os ingresos estatais mediante unha estrita redistribución da riqueza. As elevadas débedas en ascenso e a riqueza desigualmente distribuída son dúas caras do mesmo problema, que pode resolverse adecuadamente con tributos aos millonarios e ás ganancias elevadas. Co tratado fiscal, non se poderá aplicar unha política alternativa durante moito tempo, pois o tratado estabelece de modo explícito que resulta primordial a consolidación orzamentaria mediante os recortes do gasto.

Por esta razón, votarei en contra da ratificación do tratado fiscal e do programa de rescate permanente no Bundestag alemán, xunto co meu grupo parlamentario, Die Linke (A Esquerda). De aprobarse, o que por desgraza é probábel, dado que os demais partidos de oposición no Parlamento alemán cederon na súa postura, tomaremos accións legais e presentaremos recurso ante o tribunal constitucional alemán.


Postar um comentário