Manoel Santos
Ocorréuseme emular o meu admirado Boaventura de Sousa Santos, un dos sociólogos máis eminentes e, en suma, máis clarividentes do planeta, no título deste artigo, un laído de indignación contra a inxustiza na terra nosa, ou no mar noso. Ese mesmo mar que hai case oito anos mudaba azul por negro, sal por fuel oil, roupas de augas verdes por monos brancos e, en definitiva, ondas de biodiversidade por morte e desesperación. O mar do Prestige e a terra de Nunca Máis.
O profesor portugués escribía hai uns meses un artigo titulado O fascismo financeiro, reproducido no suplemento horizontal Altermundo, sobre as empresas de rating, creadas para avaliar a situación financeira dos Estados e os riscos e oportunidades que lles ofertan aos investidores internacionais. Como saberán, estas empresas -Moody"s, Standard and Poor"s, Fitch Investors Services, etc.- dedícanse entre outras cousas a cualificar os Estados, ou o que é o mesmo, a asignarlles de xeito bastante arbitrario unha nota sobre a súa saúde financeira. Citando a Thomas Friedman, Santos lembrábanos: "Se é verdade que os EUA poden aniquilar un inimigo utilizando o seu arsenal militar, a axencia de cualificación financeira Moody"s ten poder para esganar financeiramente un país, atribuíndolle unha mala nota". Con este exemplo, argumentaba a súa afirmación de que a crise da democracia era resultado da presenza dun fascismo social, unha de cuxas formas era o fascismo financeiro, ou o dos mercados, que é o máis virulento de todos polo seu poder de destrución, xaora que fala da completa rendición da democracia diante das necesidades de acumulación do capitalismo.
A nova que vimos de saber estes días, segundo a cal unha xuíza de Nova York desestimou por segunda vez a demanda interposta polo Estado español -daquela Estado aznariano- contra a empresa ABS, que no seu día certificara o vello monocasco do Prestige como apto para transportar aquel chapapote mortal, ten moito que ver con este tipo de fascismo social, que toma aquí a forma de fascismo xudicial. De feito, ABS (American Bureau of Shipping) é unha especie de aseguradora que, ao cabo, funciona como as anteditas axencias de cualificación. As súas decisións, ou notas, son as que fan que determinadas empresas teñan en conta un ou outro navío para o transporte de mercadorías. ABS pode causar estragos, xa sexan financeiros, ambientais ou mesmo sociais, mais cando se trabuca, como evidentemente aconteceu no caso que nos ocupa, non teñen responsabilidade ningunha.
Mais se o fascismo xudicial existe, xa sexa polas decisións-imposicións que toman os maxistrados ou polo inxustificábel e desesperante adiamento das causas, tamén existe un fascismo político, o mesmo que fixo que o Goberno Aznar decidira interpor a demanda nos Estados Unidos no canto do xulgado de Corcubión. Disque o Estado español gastou uns 30 millóns de euros na infrutuosa demanda, o que non pareceu abondar para corroborar ese dito ianqui que afirma que: "A xustiza existe. Porén, canta xustiza podes pagar?".
Nenhum comentário:
Postar um comentário