I. A DOUTRINA DOS "DOUS MUNDOS" (II)
O primeiro enunciado da tese dos "dous mundos", como dous espazos sociais completos en si mesmos e recíprocamente excluíntes, faino o socialdemócrata marxista alemán Wilhelm Liebknecht nun seu discurso de 1871 -o ano seguinte ao da Comuna de Paris. Domènech* recólleo textualmente: "O mundo dos proprietarios e o mundo dos desposuídos, o mundo do capital e o mundo do traballo, o mundo dos opresores e o mundo dos oprimidos, o mundo da burguesía e o mundo do socialismo: dous mundos (...) que non poden coexistir, de xeito que un diles terá que desprazar ao outro".
O proceso, ao que me referín o día pasado, de disociación interna da "nova sociedade civil" configurada a raíz da Revolución Francesa acadara o seu ponto de fractura na Revolución do 1848. E, como tamén dixen xa, o veloz desenvolvemento industrial acelerara a sua polarización en duas novas clases antagónicas: as emerxentes clase obreira e grande burguesía industriais. Á altura da Comuna de Paris do 1870, consumárase xa a "creba da sociedade civil postrevolucionaria": xa que logo, a definitiva caducidade dos vellos ideais revolucionarios republicáns de "confraternización democrática" -da fraternidade, pois- no seo do "terceiro estado" e a sua sustitución polos da revolución proletaria.
Ora, simultáneamente á Comuna, a derrota francesa na guerra fanco-prusiana, coa subseguinte parella de fulminantes procesos conducidos por Bismarck -o económico da expansión industrial do Rhur e o político da unificación alemá- trasladaron a Alemaña o foco máis dinámico da "loita de clases" proletariado-burguesía (industriais): eis o contexto no que xurde o devandito enunciado inaugural da tese dos "dous mundos" pronunciado por Liebknecht. Mais a sua formulación a efectos programáticos vaise facer no proceso conducente á unificación da socialdemocracia alemá: no programa do famoso congreso de Gotha, do 1875. E vaise facer en termos rotundamente contundentes -pero reducionistas, eis o problema. Veleiqui os tendes: "A liberación do traballo debe ser obra da clase obreira, fronte á cal tódalas demáis clases non forman máis ca unha masa reaccionaria". Pero, de ónde procede esa visión?.
As duas orgaizacións obreiras, até daquela enfrontadas, que se van fusionar en Gotha, érano o Partido Obreiro Socialdemócrata e a Unión Xeral Alemá de Obreiros. Liebknecht lideraba, con Bebel, a primeira, seguindo direitamente o pensamento de Marx, inda vivo no entón -morrerá no 1883. En troques, a segunda era liderada por seguidores de Lassalle -morto dez anos antes. Lassalle, outrora discípulo de Marx, rifara logo con il e enfrontaraselle no tocante á estratexia de alianzas da clase obreira. Marx acusaba a Lassalle e os seus de sectarismo. Chegou a escribir que Lassalle "deulle dende o principio á sua axitación -coma todo home que pretende ter unha panacea para as coitas das masas- un caráiter relixioso sectario. De feito, toda secta é relixiosa" -recalcara.
Nas negociacións cara a fusión, a correlación de forzas era favorábel aos lassalliáns. Polos marxistas levounas Liebknecht -Bebel estaba na cadea. E fixo demasiadas concesións en custións ideolóxico-políticas cruciais. Unha delas foi a que asumiu a reducionista análise lassallián da estrutura de clases formulada na frase devandita. Marx arremeteu na sua famosa e demoledora Crítica do Programa de Gotha, con tres acusacións primordiais: as de ser obreirista, estatista e escasamente internacionalista. Precisamente a primeira delas é a que denuncia a improcedencia da tese dos "dous mundos".
A crítica marxián desa tese comezaba remitíndose á aseveración, contida no Manifesto do 48, de que "de tódalas clases que hoxe -no 1848- se enfrontan á burguesía, só o proletariado é unha clase realmente revolucionária", poisque "as demais clases decaen e extínguense coa grande industria", mentres que o proletariado é "o produto máis característico dela". Ora, no Manifesto -comenta don Carlos- a burguesía, por ser mesmamente a "portadora da grande industria", resulta "concebida como unha clase revolucionaria fronte aos feudais e aos estamentos medios (...) que non son senón resultado de modos de produción anacrónicos". Daquela é un disparate metelos "xunto coa burguesía" no saco de "unha masa meramente reacionaria". Iso primeiro. Logo, por outra banda, "o proletariado é revolucionario fronte á burguesía porque, formado il mesmo no eido da grande industria, tenta mudarlle o caráiter capitalista que a burguesía pretende perpetuar". Mais no Manifesto engadíase que "os estamentos medios tórnanse revolucionarios por mor da sua progresiva proletarización". Daquela volve ser un disparate metelos "xunto coa burguesía", e máis tamén cos feudais, no saco de "unha masa reaccionaria". E enfin, Marx sublévase contra a identificación, que fai o programa de Gotha, antre "povo traballador" e clase obreira. E guíndalle este sarcasmo: "En primeiro lugar, a maioría do "povo traballador" en Alemaña está composta por campesiños, e non por proletarios".
A primordial relevancia desa rotunda descalificación da doutrina dos "dous mundos" atinxe á estratexia das alianzas de clase cara un proceso revolucionário. En primeiro lugar, Marx é consciente de que, naquil contexto, o "inimigo principal" político non coincide co "inimigo de clase" do proletariado nas relacións de produción que o vencellan antagónicamente coa burguesía industrial, dado que, na instancia política estrita, ou sexa, no aparello de estado do II Reich, o do Kaiser Guillerme II, está instalado un rexime semi-absolutista dominado pola vella clase dos "feudais" -como os latifundiarios Junkers prusiáns- e non un rexime liberal-burgués: a cámara de deputados é pouco máis que un adorno parafernal, o governo noméao o Kaiser e só perante il responde, non perante a cámara, e un e outro, agás casos moi especiais, poden "pasar" por completo dos acordos parlamentares. Xa que logo, o primeiro que compre facer é derrubar ese rexime pra construir as institucións nas que o partido do proletariado poda ter unha presenza políticamente eficaz e librar a batalla polo poder fronte á burguesía. Mais, precisamente, os lassalliáns pretenden o contrario: unha alianza con Bismarck para -sinala Domènech- "atenazar á pequena burguesía democrático-radical meridional e máis á grande burguesía nacional-liberal renana, e en troques obter da monarquía semiabsolutista prusián certas concesións en materia "social" ". Ou, nas verbas de Marx, "que Lassalle falsificara tan toscamente o Manifesto Comunista só se esprica polo afán de desimular a sua propria alianza cos adversarios feudais e absolutistas da burguesía".
Mais, en segundo lugar, botar no saco dunha soa e mesma "masa reaccionaria" ao campesiñado -inda maioritario nas clases traballadoras, como relembra Marx- á pequena burguesía comercial e mesmo industrial, aos "estamentos medios" urbáns, e ás demáis clases subalternas, todos xuntos e remexidos coa grande burguesía e os "Junkers" nun xigantesco e amorfo caixón de xastre, facer iso cos potenciais aliados da clase obreira estrita, supuña condeala ao illamento, facerlle carregar en esclusiva coa angueira transformadora que só lle correspondía liderar -e finalmente choer, ao cabo, a vía revolucionária.
No entanto, a doutrina dos "dous mundos" consolidaráse no programa de Kautsky para o congreso de Erfurt do 1891 -malia ter pasado á historia como o congreso do "retorno" a Marx. Pasada a crise finisecular do XIX, rematada a "belle époque", nas vésperas da Guerra do 14, a unificada socialdemocracia alemá -o SPD- será o partido con meirande presencia no Reichstag. No tecido social, será unha rede impresionante que abranguerá tódalas dimensións e facianas da vida e a cultura da clase obreira. Será un auténtico "mundo", un planeta coa sua propria atmósfera que gravitará sobre si mesmo. Mais un mundo isolado. A Gran Guerra e o impacto de revolución soviética esgazaráno. E cando sobreveña a involución contrarrevolucionaria de entre-guerras, ficará espido fronte á "masa reaccionária" sorbida e amalgamada no outro "mundo" polo grande capital monopolista meiante a fabricación dos nazi-fascismos e a "resistíbel ascensión" dos Arturo Ui de turno: asediado, non sobrevivirá á semellante arremetida. A revolución proletaria no centro do sistema, a construción do "mundo do socialismo" no corazón do capitalismo, ficará adiada "sine die". Inda fica adiada hoxendía, mesmamente.
*Reincido en seguir, "sin permiso" do autor, coma no artigo precedente, o fío de Ariadna de Antoni Domènech, El eclipse de la fraternidad, Crítica, 2004
Nenhum comentário:
Postar um comentário