27/03/2011

Eses farsantes xenocidas

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe



Mohamed Hassan é etiope. Activo nos movementos estudantís do seu país cando da revolución socialista do 1974, graduaríase en ciencias políticas en Exipto e logo en administración pública en Bruxelas, e máis tarde exercería funcións diplomáticas por Etiopia nos anos noventa. Está considerado como un dos millores coñecedores contemporáns do mundo árabe e musulman, e ten colaborado en diversas obras encol do nacionalismo árabe e dos movementos islámicos, ademáis de ser co-autor dun título de referéncia sobre a invasión de Irak (L'Irak sous l'occupation, 2003).
Na recente entrevista que vou glosar brevemente para vós, Hassan tracexa unha diagnose ao meu ver moi lúcida do conflito que desencadeou o ataque militar imperial contra Libia, contextualizado tánto nun esclarecedor repaso do seu pasado histórico -"para entendermos correctamente os acontecementos actuais cómpre situármolos no seu contexto histórico"- canto na análise das suas analoxías e desemellanzas cos procesos coetáneos en Tunisia e Exipto.
Para empezar, posiciónase fronte ao rexime de Gadafi sen conmiseración algunha: "En Libia, o rexime de Muhamar Al-Gadafi é corrupto, monopoliza unha grande parte da riqueza do país, e sempre reprimíu severamente calquer tipo de oposición". Portanto, no plano político interno, no que atinxe ás liberdades democráticas e á conduta do rexime, as analoxías cos casos exipcio e tunesino son claras. Porén, tanto en Tunisia coma en Exipto, o detonante da rebelión cívica foino a degradada situación económica e social, bruscamente exacerbada polo impacto combinado da crise e das "receitas" ultraliberais, ao que lle puxo o ramo a crise alimentaria -como xa teñen sinalado os analistas máis solventes. Mais nese plano a situación libia era ben diferente.
Nefeito. Os recursos do petróleo, nacionalizado por Gadafi hai xa catro décadas, non só enriqueceron á "elite do poder": alén de finanzaren un crecemento económico que levou a renda per capita a un nivel duns 11.000 dólares -malia que as desigualdades na sua distribución seguen a ser grandes- e absorbeu inmigración de forza de traballo -no canto de padecer unha sangría emigratoria coma os países da contorna- tamén foron investidos en sistemas gratuitos de ensino, saúde e servizos públicos e sociais que situaron a Libia no "índice de desenvolvemento humán" máis alto de África. Aínda hai só catro anos que Tony Giddens -o célebre asesor de Tony Blair no invento da famosa "terceira vía"- profetizara que "Libia será en duas ou tres décadas unha Noruega do norte de África: próspera, igualitaria e progresista". Nada menos -cousas veredes!.
De xeito que, como di Hassan, "as condicións sociais das xentes en Libia son millores ca nos países viciños. A esperanza de vida en Libia é maior que no resto de África. Os sistemas de saúde e educación son bós. Xa que logo, en Libia non se dan as mesmas condicións obxetivas (internas) que deron lugar ás rebelións populares en Tunisia e Exipto". Daquela, cómo se esprica o que está a acontecer?. As claves da resposta sitúanse primordialmente, neste caso, no plano político externo ou, noutras verbas, na dimensión xeopolítica da "cuestión Libia", e para a sua cabal intelixibidade non abonda con analisar o panorama presente: compre repasar a traxectoria histórica desa "cuestión" dende o s. XIX, cando Libia era unha provincia do Imperio Otomano, e especialmente dende a longa guerra de resistencia liderada polo lexendario Omar Al-Mukhtar, "O león do deserto", contra o exército de ocupación italiano no tempo de Mussolini. Hassan fai, na entrevista, un excelente relato interpretativo que, obviamente, non podo reproducirvos hoxe eiqui -se cadra outro día.
Mais sen facermos retrospectiva histórica, abonda agora coa diagnose da conxuntura actual que vos transcribo a seguida. "As potencias imperialistas están en declive mentras que outras forzas van en aumento. (...) En resume, o imperialismo está en crise" -eis a "crise de hexemonía" que desemboca en "caos sistémico", Arrighi "dixit". Nese contexto, "a revolución de Tunisia pillou realmente por solpresa a Oucidente. A caída de Mubarak aínda máis. Washington tenta recuperar a sua influencia sobre eses movementos populares, pero o seu control esváese. En Tunisia, o primeiro ministro Mohamad Ghanouchi, un produto directo da ditadura de Ben Ali, estaba destinado a controlar a transición efectuando un cambio ilusorio, mais a determinación do povo obrigouno a renunciar. En Exipto, os EEUU contaban co exército pra manteren un sistema aceptábel, mais en moitos cuarteis de todo o país os oficiais novos están a orgaizárense en comités revolucionarios en apoio do povo exipcio -incluso arrestaron a algúns dos oficiais relacionados co rexime de Mubarak. A rexión podería íreselles das mans aos EEUU. A intervención en Libia permitiríalles crebar o movemento revolucionario e evitar a sua propagación ao resto do mundo árabe e África. E outro perigo para EEUU é a posíbel aparición de gobernos anti-imperialistas en Tunisia e Exipto. Se iso sucedese, Gadafi xa non estaría isolado e podería incumplir os acordos suscritos con Oucidente. Libia, Exipto e Tunisia poderíanse unir para formaren un bloque anti-imperialista. Con todolos recursos que posuen, especialmente as grandes reservas de divisas libias, os tres poderíanse convirtir nunha potencia rexional importante, probabelmente máis importante ca Turquía".
Certamente hai tamén claves internas peculiares, nas que Hassan non lle aforra graves responsabilidades a Gadafi. Primeiro, no seu enfoque da revolución libia. Enfoque "teórico", ou doutrinal: "A teoría desenvolvida no Libro Verde é un remexido de anti-imperialismo, islamismo, nacionalismo, capitalismo de Estado e outras cousas". Logo, na posta en prática: "Non se pode ter éxito nunha revolución se non se desenvolven a harmonía nacional, a xustiza social e unha distribución equitativa da riqueza. Porén, Gadafi non eliminou as práticas discriminatorias (tribais) que formaban parte da tradición libia dende moito tempo atrás". Ademáis, "tampouco Gadafi construíu un partido político acaído para implementar a revolución. A revolución libia convirtíuse no proxecto dun home. E cando se abríu unha fochanca entre o líder e o seu povo, a forza e a represión viñeron encher ese oco. O exceso seguíu ao exceso, a corrupción extendeuse, as diferencias tribais cristaizaron". Mais Hassan tampouco lle aforra duras críticas á oposición: "Quen son? Cál é o seu programa? Se realmente queren emprender unha revolución democrática, por qué recuperan as bandeiras do rei Idris (o "rei títere" imposto por británicos e franceses en 1951), símbolo da época na que a Cirenaica (o leste do país onde está Bengassi) era a provincia dominante?. Non se pode provocar unha guerra civil no proprio país sen poñelo en risco de balcanización".
E o colofón: "As potencias oucidentais e o movemento denominado de oposición (...) non están interesados nunha solución pacífica ao conflito. Mais os efectos dunha intervención da OTAN serían desastrosos. Xa vimos o que ocorreu en Kosovo ou Afganistán. Polo demáis, a agresión militar podería alentar aos grupos islamistas a entraren en Libia e convirtírena nun segundo Irak. Xa hai grupos armados en Níger que ninguén puido controlar. A sua influencia podería extenderse a Libia, Chad, Malí e Alxeria. Coa intervención militar, o imperialismo está a abrir as portas do inferno. O povo libio merece algo millor que ese movemento de oposición que está a afundir o país no caos. Cómprelle un movemento realmente democrático que sustitua ao rexime de Gadafi. En ningún caso merecen os libios unha agresión militar. Porén, as forzas imperialistas en retroceso semellan dispostas a unha ofensiva contra-revolucionaria no mundo árabe. Atacar a Libia é a sua solución de urxencia. Mais están a se dispararen nos pés".
Polo momento, xa o vedes, disparan contra civís. Digamos millor: contra uns civís determinados, disque en defensa dos "dereitos humanos" de outros civís determinados tamén. Reprodúcese outravolta aquela sinistra distinción entre "menschen" e "untermenschen", humanos e "sub-humanos". Irakís, afganos, palestinos, saharauis son "untermenschen", son sub-humanos, seica. Tamén os rebeldes desarmados de Bahrein, do Yemen. E os libios non armados contra o rexime. Aos seus agresores, a ONU non lles declara a guerra. Inxénuo de min, como llela ía declarar!: sería unha inefábel auto-declaración de guerra dos nazis de arestora. Eses farsantes xenocidas -digo eu.

Nenhum comentário: