16/04/2011

Indagacións sobre a cidadanía (VI): participación política (II).

Raúl Asegurado Pérez, do seu blog Blog dun irmandiño


Como máis ou menos tentei clarificar na achega anterior, imos tentar introducirnos na participación social ou política crítica; por tanto non a un conceito de participación social entendida unicamente coa posta en acto do dereito de cidadanía, é dicer o voto, senón como unha forma de asumir a cuestión pública na vida cotiá, nun lugar concreto, nun momento concreto, asumindo o poder real que ten o pobo, as persoas que o integran, para vertebrar a realidade social desexada. A participación social como a capacidade de ser autónomos, libres e responsábeis do devir da sociedade, en contraposición cos poderes fácticos analizados nos novos centros de poder, cos valores impulsados polo neoliberalismo, etc…
En moitos textos teóricos da ciencia político-social cando se fala tanto de votar como de participar, úsase en termo de control. Controlar aos poderes públicos, á xestión dos gobernantes, á clase política en xeral. “Cidadáns máis activos e vixiantes poden controlar mellor aos seus gobernos” di Francisco Herreros Vázquez (2005: 3), e traballa a idea do control e acceso á información, xa que afirma que os cidadáns máis activos terán máis información para poder exercer o control dos axentes políticos.
Nos poderes sociais a nível local estase a prantexar como forma de goberno a construcción dun proxecto social no que a sociedade civil teña un papel protagónico. Para ser consecuente con esta formulación os gobernos municipais deben atopar fórmulas para que o pobo participe na xestión administrativa: discutindo as medidas a adoitar, definindo prioridades e fiscalizando o quefacer do goberno e das súas diversas direccións administrativas. Por outra parte, ao mesmo tempo que creaban espazos institucionais para a participación popular, deberían contribuír ao desenvolvemento da organización autónoma da cidadanía.
De tal xeito, a participación democrática alén do voto está moi vencellada á cuestión da información das persoas, só existe democracia con xente igualmente informada e por tanto estamos a falar da necesidade dun mínimo de politización da sociedade civil. Mais sen entrar neste campo de análise, imos a facer unha achega á participación cidadá e a canles alternativas de democracia:
O propio Zubero (1996: 73), citando a Melucci, afirma que unha condición necesaria para a democracia seria a existencia de “espazos públicos independentes das institucións de goberno, do sistema de partidos e das estruturas do estado”. Esta concepción, diametralmente dista do esquema de democracia ao uso que circunscribe a participación aos procesos electorais e reserva a as organizacións sociais un papel subalterno, lexitima e revaloriza as accións de participación colectiva.
A participación entrou a formar parte do linguaxe político contemporáneo e fíxoo de maneira que podemos atopala citada en casos tan dispares como un programa de desenvolvemento impulsado polo Banco Mundial e nunha campaña de presión política pola abolición de a débeda externa dos países empobrecidos. Neste caso, usaremos o concepto de democracia participativa como expresión, por unha parte, da nosa crítica aos límites da democracia formal, e por outra, como unha proposta para a afondación da democracia.
Esta democracia participativa que algúns prefiren chamar substantiva, incentiva o crecemento da cidadanía e permítelle establecer as súas prioridades. Seguramente a adopción de procedementos democráticos deste tipo demostraría que as demandas da poboación teñen pouco que ver coa construción de estradas ou complexos turísticos.
A democracia participativa, en contraposición á democracia representativa implica a presenza activa dos suxeitos sociais como forma de converte-las súas demandas en vontade política. Supón unha posibilidade de participación cidadá que transcende o sistema de partidos políticos, recoñecendo de facto, a pluralidade de actores sociais. Tamén implica a definición de novos espazos de participación, máis alá das citas electorais puntuais. En definitiva, recrea unha nova cultura política en ruptura co autoritarismo, o clientelismo político ou a corrupción. Promovendo con elo o impulso de procesos de transformación social orientados á superación das asimetrías sociais e o cambio nas tendencias de exclusión social crecente.
En liña con estes novos mecanismos de articulación da sociedade, mecanismos que promoven oportunidades para cada individuo e garanten unha democracia substancial, o Nobel de Economía Amartya Sem (2000: 21) afirma que a calidade de vida das persoas, e por tanto o seu benestar, dependerá da capacidade para elixir o seu modo de vida. Dende este punto de vista, a liberdade como posibilidade de actuación, como capacidade de decidir, como expresión da eventualidade de participar, constitúen un valor en si mesmo que permite pensar nas persoas como axentes e como fins do desenvolvemento, coma suxeitos do seu propio futuro. Esta concepción do desenvolvemento humano implica incrementar a liberdade e a participación das persoas para ampliar as súas capacidades e por tanto, esixe o impulso de procesos sociais, económicos e políticos baseados nunha democracia participativa.
A construción desta democracia é constitutivamente alicerzada desde a cidadanía na súa propria praxe autoxestionaria, non é unha construción da vontade dos gobernantes, é por iso que esta comeza pola conquista do poder social novamente por parte da cidadanía, que consciente dos factores que a influencian comezan a dar respostas, tanto a nível individual, a nível colectivo e a nível institucional, creando as súas proprias ferramentas, como por exemplo, unha maior consciencia dos recursos naturais e dos límites do crecemento ilimitado do capitalismo, a creación de cooperativas de consumo, o artellamento de redes sociais que traballan pola consolidación de modelos bancarios ou parabancarios alternativos etc…, É certo que o traballo está encetado, e o futuro desta nova forma de entendermos o espazo colectivo está nas mans da cidadanía, única e exclusivamente.
Promover unha cidadanía activa debe traducirse no fortalecemento de organizacións impulsoras de transformacións políticas e sociais que permita avanzar cara unha síntese emancipatoria ancorada na sociedade. Para elo, fai xa unha década, Jorge Riechmann propúñanos como método, a Ideación mancomunada de proxectos, de programas, de plans, na que participen distintos movementos sociais, organizacións políticas e segmentos da sociedade civil, de modo que os implicados poidan recoñecerse no resultado e facelo seu en forma de obxectivos para a súa actuación sociopolítica (Riechmann, 1992). Desta maneira as organizacións sociais estarían orientando a súa axenda de reivindicacións e demandas nun sentido contrahexemónico.
Parafraseando a Eduardo Galeano (2001: 152) diríamos que “somos o que facemos, e sobre todo o que facemos para cambiar o que somos”. Por elo, compartimos con moitos estudosos dos movementos sociais, que un dos retos que teñen estes proposto é mellorar a súa capacidade para construír espazos públicos alternativos nos distintos ámbitos da sociedade a través destes espazos, sería posible a visualización colectiva das reivindicacións. Como propón Zubero (1996), lembrando o “inédito viable” de Paulo Freire (1991: 31), “a mellor maneira de facer aflora-lo inédito viable da realidade, é facéndoo realidade xa, aínda cando sexa a pequena escala”.
E é neste senso de situar a necesidade de reinventar a cidadanía para dar resposta ao novos desafíos onde encadramos a participación social política e/ou crítica.

Um comentário:

Marga. disse...

Moi ben dito Raúl, ogallá o lea moita xente e se poña ao trato.
Marga.