Mostrando postagens com marcador Raul Asegurado. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Raul Asegurado. Mostrar todas as postagens

18/04/2012

Desbordes creativos

Reseña de Raul Asegurado Pérez, membro da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño. Desbordes Creativos é un libro de Tomás R. Villasante, sociólogo brillante. Tirado do site do Encontro Irmandiño (aquí).



O proceso de comezarmos a construír un novo referente político non xurdíu tralo acontecido en Amio, é un propósito de hai anos, que no Encontro Irmandiño vimos dicindo desde hai tempo aínda que antes en clave de refundación da fronte na que estabamos. Todo resposta á necesidade de desbordar os marcos políticos-sociais nos que estamos inmersos para un só fin, conquerir a hexemonía social, e por tanto, converter á sociedade galega en protagonista do seu futuro, pasando por unha toma de conciencia e un exercicio libre de cidadanía que novamente desborde os límites da hexemonía existente; eis por tanto, que non estamos nun proceso político clásico de acumulación de forzas para conquerir garantías de cara a un proceso eleitoral máis ou menos exitoso, non. Estamos nun proceso de construír os alicerces dunha conquista social do común, que se plasme na posta en valor da política e do político, e por tanto, que esta prime sobre a economía e a lóxica imperante.

Será un proceso lento, onde o valor do común: persoas, espazos, tempos, militancias… tomen unha nova dimensión pública, onde poidamos dar o paso para exercérmonos soberanos ante as dificultades que vaiamos a pasar, amasando coa paciencia e a sabiduría do tempo (da que a nosa Historia nos fai legado) as contradicións que viviremos, para sermos como digo, hexemónicos e por tanto conquistar unha clase dominante (tamén en termos de atrevérmonos a exercer o poder desde as institucións) que obedeza ás dinámicas sociais que propoñan espazos de soberanía (social, cultural, económica, política…) e solidariedade.

O momento político analizado na altura estructural na que estamos inmersos, demóstranos que os límites de acción social e política están enormemente comprimidos, que as respostas dentro dos marcos xurídico-institucional están suxeitas a enormes corsés, a estribos cos que a clase dominante dirixe até as dinámicas máis contestatárias; eis por iso que hai que desbordar con creatividade todas as dificultades que atopemos, e eis por iso tamén que non valen fórmulas do pasado para conquerir o que nos propomos.

É certo que teremos que tomar posturas a curto prazo, mais estas non deben impedirnos ver o futuro que queremos construír, debemos avanzar nas solucións que tiveron éxito mais afondar sobre todo nas cuestións que ficaron abertas, debemos avanzar na heterodoxia ideolóxica mais afondar na asunción de valores que afortalan o capital social, a confianza recíproca, as actitudes construtivas e as metodoloxías emerxentes de permeabilidade. É certo pois, que deberemos ir a un proceso eleitoral sempre e cando este axude a fortalecer unha nova relación entre a política e a cidadanía, unha diatopía que desborde os tópicos e as utopías de crenzas benintencionadas; deberemos ir sempre que saibamos que os límites que asumimos estamos destinados a desbordarse, transgredirse. Tamén no marco do partido proprio, como nas metodoloxías que fagamos; deberemos ir sempre que o movemento sexa unha constante e por tanto o referente político non sexa suxeito, senón medio, non sexa un fin, senón unha ferramenta ao servizo do verdadeiro suxeito; deberemos ir sempre que o noso empeño sexa que a clase subalterna que hoxe se encadraría dentro dun marco ideolóxico-político manteña a vocación irrenunciábel de sermos hexemónicos, sen exclusións mais sen concesións.

Temos pois unha tarefa enorme, cónstame que hai moitas vontades para traballar xenerosamente, é certo que non estamos faltos de imaxinación para propor espazos diatópicos, partido-movemento ou viceversa, radicalidade democrática e igualitarista, consciencia dos límites do planeta, humildade ante os “roles” tradicionais de dominación,… non hai coordenada na que non debamos dar unha resposta, e hai respostas aínda por dar na construción do ideario colectivo e tamén outras novidosas que se están a dar, como o Encontro Social de Ferrolterra, ou as asembleas do 15-M de Monforte, do Obradoiro,…, ou as dinámicas de reocupación dos espazos públicos como en Monte Alto e o seu sentir comprometido de cidade viva, respostas cívicas ante problemas que nos doen como o acontecido ultimamente nas Fragas ou o programado no Irixo…

Podemos caer no erro de pensar que un bo resultado eleitoral sexa un éxito en si, mais de nada valerá se os principios polos que apostamos fican dentro dos marcos actuais, e pola contra, non hai posibilidade de derrota se hai xenerosidade e valentía en asumir un proxecto que se encadre dentro da lóxica exposta, aínda que eleitoralmente teña o resultado que teña, porque é o que se precisa, abofé.

23/12/2011

Posición e marco de referencia. Cuestións internas: asemblearismo.

Raúl Asegurado no seu Blog dun irmandiño


Se o proceso asemblear no que estamos inxeridos vai determinar o marco de referencia onde vai dirixirse o futuro do BNG, hai cuestións de posicións internas que determinarán de forma inequívoca se o proceso que se encete levará ou non a un proceso que rache as dinámicas que abordei na achega anterior; e isto ten un senso superlativo en cuestións que determinen o valor que se lle dea á militancia de base, aos seus dereitos e os seus deberes.

Nos últimos tempos, na dinámica interna do BNG instaurouse por unha maioría simple unha mutación estatutaria que determinou un cambio no proprio ADN da fronte; a cuestión das delegadas e delegados, xustificado por unha hipotética mellora de calidade democrática na cal en procesos previos a unha Asemblea Nacional, as militantes asistentes deberían “gañarse” en procesos comarcais a delegación de representación das ideas e das persoas para poder asistir, e así afondar no debate interno, e por outra banda, garantir un número de asistentes que permitisen facer unha asemblea dinámica, reducindo o número real de militantes congregadas/os.
Ben, este posicionamento racha coa lóxica do poder horizontal da esquerda social das últimas décadas en todo o planeta. Os procesos abertos, transparentes e a tentativa do empoderamento da sociedade civil como resposta ás agresións desta fase do capitalismo, por parte dos diversos e diferentes movementos sociais antisistémicos, son resposta á inmobilidade e usurpación da soberanía nacional, e por tanto, resposta a unha dinámica de usurpación da mesma democracia; tentando outorgar á cidadanía un valor protagónico na construción social que está sendo continuamente castrada polos poderes económicos e co consentimento das forzas políticas exercentes.

Isto levado ao contexto dunha nación sen estado cobra un valor de vital importancia. Antes desta posición adoitada hai un lustro na dinámica interna do BNG, a fronte exercía unha dobre responsabilidade ante a sociedade nacional (non só nacionalista) galega: por unha banda a fronte atuaba como unha organización política plural das diversas sensibilidades e trasladaba ás instancias públicas (institucións) o seu facer político, mais alén diso, o BNG por outra banda, era una aparato de Estado indispensábel para esta sociedade (cidadanía), pois non contaba con outra forma de representación soberana.
Se afondamos nesta segunda concepción do que era a fronte, de forma esquemática e rápida, podíamos dicer, que as/os militantes do BNG eran cidadás/áns libres que participando de forma direita en forma de sufraxio universal nunha asemblea nacional determinaban a composición do Consello Nacional, que viría en termos estatais a seren o Parlamento; un Parlamento aberto a todas as sensibilidades e que impulsaran o propósito común da fronte, a liberación social e nacional, a emancipación galega.

Ao mudarse a concepción da/o militante, antes como cidadá/án, agora como medio para conseguir unha delegación, lévamos a poder participar dun proceso asembleario só a través dun sufraxio censitario. Un sufraxio censitario que determina varias cuestións:

1. Xa a/o militante do BNG non é un cidadá/án libre para poder exercer os seus dereitos e asumir as súas obrigacións en primeira persoa (pois pode ser que un vaia en delegación de varias persoas, ou o peor, que outras/os non poderán nin sequera asistir ao órgao máximo de decisión soberana aínda sendo militante).

2. A proporcionalidade da delegación non determina a liberdade, nin sequera na cuestión dunha proporcionalidade 1:1, é dicer, un militante un delegado, pois a militante deberá pasar por un rexistro censatario non universal, senón que indignamente terá que, alén de ser militante, estar inscrito por vontade persoal e controlado polo aparato para poder exercer o sufraxio. E esta é unha cuestión republicana indispensábel da liberdade como non-dominación; non vale, para a tradición republicana, que haxa un tirano benevolente, un tirano que decida permitir o sufraxio pois coa existencia do tirano existe a capacidade da dominación, e a liberdade non é un “favor” da tiranía, é un dereito universal de toda a cidadanía no seu conxunto.

3. Na cuestión da proporcionalidade absoluta, de ser un/ha militante un/ha delegado/a, créase un censo previo á asemblea, que o aparato, e nomeadamente a UPG neste caso, poderá antes da celebración da mesma asemblea ter un mapeo da situación que se pode dar nesa asemblea. Como comentaba o outro día un compañeiro, a UPG unha semana antes da celebración da Asemblea Nacional do BNG intuirá o escenário posíbel e tentará amañar coas contas que faga posíbeis pactos que garantan as súas aspiracións.

Ou volvemos a unha concepción asemblearia, que aposte por valores republicáns de liberdade, ou o proceso de rexeneración non é posíbel. Ou volvemos a dotar ao BNG do valor indispensábel que para unha nación sen estado é ter un aparato de Estado, ou converteremos ao BNG nunha forza clásica, tradicional, típica e por tanto colaboracionista co sistema de dominación, por que? Porque para unha nación sen estado, as prácticas internas, as posicións e mecanismos de artellarmento son resposta ás agresións que a cidadanía nacional galega recibe en todos os campos nos que traballa e se desenvolve, ou non será un mecanismo orgánico que anteceda ao proceso de emancipación.

Esta asemblea nacional, debería ser sen delegadas/os, como todas; nesta tentativa o Encontro Irmandiño impuxo dentro da “lei vixente” a maior cota de liberdade posíbel, a proporcionalidade 1:1, e decidimos participar nela, sendo conscientes de que non é suficiente, debemos dotar novamente a toda a militancia da igualdade e liberdade imprescindíbel para así poder artellar, asumindo a total responsabilidade da construción común, o valor da fraternidade.

07/12/2011

Caza de bruxas e criminalización mediática do independentismo galego

Raul Asegurado Pérez, Manoel Santos e Antom Fente Parada.

Erguéstesvos cedo / aquel día. – A costume do / do traballo - / mañá – cediño / pra facernos / coa vosa / morte.


As recentes detencións de persoas ligadas co independentismo galego e os movementos sociais impélennos a manifestar a nosa preocupación polo emprego do “terrorismo” como arma do Estado español para cauterizar o tecido social da nosa nación.

Non é a primeira, nin a última vez, que o poder emprega a pantasma do terrorismo para atacar todo tecido social que se move nas marxes do sistema e farao con máis forza agora que a toupa voltou emerxer con forza o 15 de marzo e que a deslexitimidade e descomponsición da II Restauración borbónica chegou ao paroxismo.

Acusan de terrorista ao redactor do Novas da Galiza Antom Santos, historiador e activista social sempre disposto á entrega de tempo de traballo gratuíto por Galiza, porque dispuña de armas de destrución maciza, como Hussein cando o de Iraque: un computador portatil e dun lapis de memoria. Ou que los dos nuevos detenidos escondían en su casa ocho litros de gasolina, un tratamento mediático sensacionalista, carente de rigor e vomitivo. Se esas son as acusacións e se as distintas versións se contradín a cada paso e repetin a verdade oficial orwelliana estamos dentro do que rezaba aquela pintada nunha parede Compostelana: todos terroristas, nadie es inocente.

A Radio Galega dedicou dous dos catro parágrafes da nova a repasar a historia do EGPGC, como se cando se menciona a Fraga a metade do tempo se fixera referencia ao seu pasado fascista. Amais. as versións do nº de detidos, lugar, causas, etc. defiren uns a outros medios, mais o que non varía é a criminalización dos detidos e a anulación dalgo fundamental: a presunción de inocencia. EL País, antes de rectificalo, titulaba así a nova: Detenidos en Vigo dos terroristas que atentaron contra la casa de Fraga. Co paso das horas outros medios informaban que ían atentar contra intereses de la Xunta ou contra os príncipes de Asturias. Segundo La Voz de Galicia: La policia fustra en A Coruña atentado horas antes de la llegada de los príncipes. Simple especulación mediática.

Ao tempo esquecen eses medios de (in)comunicación, completamente manipulados e verticais, a violencia cotiá exercida sen ningunha caste de pudor polo sistema sobre os traballadores, sobre as persoas sen teito (dúas delas mortas n’A Coruña na semana pasada), sobre as mulleres, sobre os sen papeis, sobre os desempregados, sobre unha mocidade sen futuro... e así seguido.

Na historia do nacionalismo galego é unha constante o ataque á sociedade civil máis consciente do país e, como demostrou o caso Egunkaria en Euskal Herria, o terrorismo é o mellor escudo para acometer esta empresa de demolición sistemática e de criminalización da sociedade civil e dos centros sociais:
Na noite do 27 ao 28 de abril do mesmo ano lévase a cabo tamén a detención doutros dous mozos en Monforte, José M. Pavón González e Esther Cancio Figueiras, acusados de repartir panfletos asinados pola UPG, en relación coas mobilizacións do 1º de Maio, cargo do que serán xulgados e absoltos polo Tribunal de Orde Pública, en agosto de 1974.

A vista de todos estes feitos, a propia organización upeguista chegará a afirmar que “o réxime trata de desencadear unha acción regresiva contra nós, na medida que consideran -segundo as palabras do Xefe de brigada Político Social da Galiza- que somos unha forza política considerada como perigosa. A Garda Civil ten na Galiza o mandato de que non quere nin un só militante” (1).

Agora aquel vello Tribunal de Orde Pública metamorfoseuse en Audiencia Nacional sendo os detidos que non sexan postos en liberdade xulgados alí e podendo esperar tres anos polo xuízo, con probabilidade moitos serán absoltos, mais a imprensa non vai dedicarlle o tempo nin a campaña que si dedicaron as súas detencións. A perversa Lei antiterrorista non aforra na incomunicación e dispersión de reclusos moitas veces inocentes, mais criminalizados por un circo mediático que sospeitamos vai ser cada vez máis frecuente. A día 6 de decembro catro dos detidos ingresan en prisión seguindo incomunicados, mentres que a única proba incriminatoria contra Santos e Osorio é que os seus carnets de conducir nun trasteiro dos rexistrados e unha garrafa de gasolina na garaxe que agora se sabe estaba baleira.

De feito, aí está por exemplo o caso de Cata Alonso. Detida e posta en liberdade sen cargos após tres días de incomunicación en Madrid. Ningún medio ractificou nada cando a acusaron de terrorista o día que foi detida e non pode ser terrorista nin culpábel de nada quen é detida sen cargos. Esta Lei antiterrorista leva por diante a quen sexa.

Vaia por diante, no entanto, que os asinantes deste documento non defendemos a loita armada e acreditamos na política por medios pacíficos. Como Lenin indicaba «non se pode basear unha táctica revolucionaria apenas nun sentimento revolucionario. A táctiva debe ser trazada a sangue frío, cunha obxectividade rigorosa, tendo en conta todas as forzas de clase no Estado en cuestión (e até en todos os Estados que o rodean e en todos os Estados, á escala mundial) e tamén a experiencia dos movementos revolucionarios» (2). Precisamente unha das chaves para a repolitización da sociedade no 15-m foi o seu carácter pacífico, aínda cando os corpos represivos exerceran a violencia por veces sobre el, ou aínda cando se desaloxa a Sala Yago e a presenza de líquidos (lixivia do Froid) é aprobeitada pola versión do Grande Irmán para defender que tiñan cócteles molotov.

No contexto actual a esquerda nacionalista basca nunca avanzou como agora, cando meteu en cintura os seus “militares”, cando o poder civil e o movemento transformador emerxeron en sintonía co coa dirección política do movemento, sen vasalaxes a ningunha loita armada que demostrou facer máis dano que outra cousa. Resistencia Galega, se realmente existe como entramado, nin ten base social nin beneficia en nada ao medre da consciencia nacional nin á loita pola emancipación social e nacional do pobo galego. Máxime cando a historia doutras organizacións semellantes demostrou estar inzada de infiltrados que rematan por perxudicar ao movemento civil e que en nada melloran as condicións materiais de existencia das xentes do común. O Estado social está sendo remudado polo estado penal, mais aínda hai liberdades e non un contexto social de violencia revolucionaria, que, en todo caso -e véxase hoxe Grecia-, non é cousa dunha elite ou vangarda de ningún tipo.

Porén as actuais detencións semella que aproveitan a existencia do explosivo de Eduardo Vigo Domínguez para reprimir o independentismo en xeral, atacando a membros de Causa Galiza e persoas como Antom Santos e María Osorio cunha lexislación brutal que prolonga as detencións e crea espazos de impunidade para a tortura e os maos tratos. Ao tempo criminalízanse os centros sociais coa policia ás portas para criminalizalos perante a sociedade e precintiar algúns sen orde xudiciaria. Isto é o que nós denunciamos e denunciaremos sempre, mentres o BNG mostra unha actitude ben pouco afortunada.

Raul Asegurado Pérez, Manoel Santos e Antom Fente Parada


1 Rubiralta Casas, Fermí (1998), De Castelao a Mao. O novo nacionalismo radical galego (1959-1974): orixes, configuración e desenvolvemento incial da UPG, Noia, pp. 172-173.

2 Lenine: A doença infantil do comunismo, Europa-América, Lisboa, p. 93.

28/11/2011

Relendo a Gramsci (IV): a hexemonía, o facer hexemónico dunha clase subalterna.

Raúl Asegurado Pérez no seu blog (Blog dun irmandiño).

Cando explicamos desde o socialismo marxista a relación de dominación que as estruturas capitalistas exercen sobre as sociedades e como se lexitima desde toda instancia o capitaneo dos intereses privados das oligarquías económicas sobre a sociedade, a través de mecanismos de adaptación das percepcións, explicacións, valores e crenzas, estamos a falar, do facer hexemónico de dominación dunha clase social, que expande como norma universal en toda a sociedade o que a ela, e só a ela, en maior grao beneficia.


Isto veu a ser o que Gramsci determinou como hexemonía social, unha función de direción inteletual e moral vencellada ao dominio do poder político; mais a clave fundamental de todo o que Gramsci propón está en ver como unha clase subalterna pode tornarse en clase dirixente e exercer o poder político, e por tanto converterse ela en clase hexemónica.

O elemento clave da crise da hexemonía está dada cando a clase, ou clases, sociais politicamente dominantes non conseguen resolver os problemas de toda a colectividade e impor a toda a sociedade a propria concepción complexa do mundo. Mais se existe unha clase subalterna que logra indicar solucións concretas aos problemas deixados sen resposta e vai incrementando a súa propria cosmovisión a outros estratos sociais, así creia un novo bloque social que paulatinamente vai tornándose hexemónico. Por tanto, a conquista da hexemonía é un proceso que se inicia coa crise de identidade dos valores, explicacións, percepcións e crenzas na sociedade, mais ten que existir unha clase non-hexemónica, subalterna, capaz de dar estas explicacións, e aí inicia o proceso, non é unha resultante espontánea, é un traballo centrípeto de interpretación que vai calando nos límites externos desa clase.

Esta foi sen dúbida unha das aportacións máis revolucionarias de Gramsci ao marxismo, o comunismo ortodoxo non foi quen en moitas ocasións de comprender que este proceso non é unha toma de poder institucional, senón que é un proceso de expansión discursiva que sitúa á sociedade civil como elemento vertebrador, e non ao “aparato” político, do protagonismo político.

Hai unha década, este proceso estaba asentado na Galiza, en moitas outras nacións ocidentais aconteceu o mesmo, mais foi esvaecéndose, unicamente pola lóxica de inverter o proceso de expansión hexemónica natural por unha imposta erroneamente. Cando a creación discursiva chegou a permeabilizar a esferas sociais que non eran as propias, no canto de asumir que tiña que ser un proceso lento de combate pola hexemonía, centrouse unicamente na toma do poder político, institucional, desprazando ao elemento protagonista do cambio social, e fortalecendo as posicións da clase política. Cando na Galiza chegamos ao punto en que os movementos sociais heteroxéneos partillaban valores ideolóxicos identitarios da soberanía, o traballo social que estas facían, que eran indispensábeis para a expansión do discurso hexemónico, ficou nun segundo plano, provocando inequivocamente un afastamento da sociedade civil máis dinámica do referente político, esta creba, foi e é a que rachou o proceso de expansión hexemónica da que partíamos.

Agora, coa chegada da crise capitalista provocada en graos evidentes polos límites da lóxica do crecemento ilimitado, evidencia novamente o paso atrás no que estamos, cando non somos capaces de concibírmonos desde a esquerda nacional como Estado e exercer como tal. Os grupos políticos dominantes non son capaces de explicar as causas e non son cridos pola cidadanía nas súas propostas, distanciando unha vez máis, á clase política das clases populares. O manter un discurso melódico co resto de forzas políticas aínda que sexa diverxente nalgunha escala cromática non é percibido como algo atípico e por tanto simplemente afortala o papel hexemónico actual e non a creba deste.

Mais volvendo novamente a Gramsci, como unha clase subalterna pode desenvolver un facer hexemónico? Partamos do seguinte texto:

""As clases subalternas, por definición, non se unificaron e non poden unificarse mentres non poidan converterse en “Estado”: a súa historia, por tanto está entrelazada ca da sociedade civil, é unha función “disgregada” e descontinua da historia da sociedade civil e, a través dela, da historia dos Estados ou grupos de Estados. Hai que estudar, por tanto: 1) a formación obxectiva dos grupos sociais subalternos, polo desenvolvemento e as transformacións que se producen no mundo da produción económica, a súa difusión cuantitativa e a súa orixe a partir de grupos sociais preexistentes, dos que conservan durante algún tempo a mentalidade, a ideoloxía e os fins; 2) a súa adhesión activa ou pasiva ás formacións políticas dominantes, os intentos de influír nos programas destas formacións para impor reivindicacións proprias, e as consecuencias que teñan estes intentos na determinación de descomposición, renovación ou neo-formación; 3) o nacemento de partidos novos dos grupos dominantes para manter o consentimento e o control dos grupos subalternos; 4) as formacións proprias dos grupos subalternos para reivindicacións de carácter reducido e parcial; 5) as novas formacións que afirmen a autonomía dos grupos subalternos, mais dentro dos vellos marcos; 6) as formacións que afirmen a autonomía integral, etc.""

Se ben como apunta Gramsci neste escrito un pouco máis abaixo, estas fases poden complementarse con outras, e con fases intermedias, o elemento clave que estamos a vivir dáse no estudo complexo da fase terceira, onde na Galiza, este control deuse dentro da forza política que estaba sendo interpelada pola fase anterior (segunda); isto conlevou a que emerxeran formacións proprias en todo o país na última década, ben por nacemento novo ou por excisións que reclamasen estas reivindicacións amplas pero sempre parciais (grupos ecoloxistas, humanitarios, pacifistas, altermundistas…), a fase inmediatamente seguinte é a que estamos a viver, en forma de orfandade do referente político que a sociedade civil galega ten, aínda que con pequenas excepcións, que seguen zoupando unha e outra vez dentro dos vellos marcos. A cuestión é que se estas excepcións non conseguen imporse a base dunha refundación imprescindíbel dese referente político, emerxe como irremediábel unha formación nova que afirme unha autonomía integral da clase subalterna que combata en termos de hexemonía a construción da sociedade que se pretende.

Conquerir unha refundación tamén é posíbel se, e só se, se dá nos termos expostos, en que o vello marco entenda e comprenda as necesárias mutacións históricas, facéndose permeábel á nova estruturación social en continua dialéctica entre a sociedade (estrutura) e as institucións (superestrutura), pois o vello marco de vangarda ficou esvaecido na súa involución de contacto co poder facéndoa unha forza típica da clase hexemónica política dominante, e deberá ceder o papel protagónico aos entes non castrados polo Estado (en termos gramscianos), senón aos que están cargados de novas respostas, e por tanto, unha evidencia de síntomas de recuperación da forza política será a aceitación do risco nas institucións e a primacía dunha base militante activa que vaia engrosándose paulatinamente, ben cun incremento cuantitativo como cunha expansión discursiva alén dos límites orgánicos, que permitan falar dunha difusa separación entre uns e outros pois o discurso hexemónico estaría nunha fase de expansión enorme.

Pois unha das cousas que teremos que prestar especial interese é en ""incluir todas as repercusións das actividadas do partido, en toda a área dos grupos subalternos no seu conxunto e sobre as actitudes dos grupos dominantes, e ten que incluír as repercusións das actividades dos grupos dominantes sobre os subalternos e sobre os seus partidos. Entre os grupos subalternos, un exercerá ou tenderá a exercer unha certa hexemonía a través dun partido, e hai que precisar isto estudando os desenvolvementos, tamén, de todos os partidos en canto inclúan elementos do grupo hexemónico ou dos demais grupos subalternos que sofren esa hexemonía"" (Gramsci: 492)

Por tanto, se o partido está dentro da lóxica hexemónica de dominación, e o grupo subalterno que tenta acadar unha nova hexemonía está na sociedade civil, esta debe pilotar un novo referente político a través dunha forma de partido, pode facerse sen partido? Ao entender de Gramsci non; ao observar as respostas de empoderamento social que se dá nos grupos máis artellados en razón de grupos de consumo, sindicais, finanzas alternativas, espazos civís okupados ou non, ecoloxistas, etc… chégase á rápida resposta da necesidade do partido, isto é sinxelo de observar na sociedade civil máis artellada de Europa, a de Euskal Herria onde a construción do referente político foi unha das máis aceleradas concrecións da necesidade que se tiña para a expansión hexemónica do novo discurso chegando incluso a expandir unha consideración positiva no Reino de España e rachando unha situación anquilosada durante décadas que será positiva para todas as partes.

27/07/2011

Relendo a Gramsci (II) A persoa, a sociedade civil e a sociedade política

Raúl Asegurado Pérez no Blog dun irmandiño
* Podes ler a primeira parte aquí.

Cando comecei a estudar textos para a elaboración do marco teórico da miña tese de doutoramento sobre a participación da sociedade civil na toma de decisións públicas descubrín escritos dunha autora bastante descoñecida para a socioloxía galega (se é que iso existe), a catedrática alemá Sabine Kebir, da que hai moi poucas traducións feitas alén do inglés e italiano; de forma sinxela pódese atopar un artigo que é a versión preliminar do capítulo III do seu libro Antonio Gramscis Zivilgesell schaft no que aborda a xénese e o contido conceptual da sociedade civil para Gramsci, adicando máis da metade do texto a aclarar a definición de Hegel e á evolución que este concepto tivo no pensamento de Marx para así dar unhas pequenas pinceladas das consideracións de Gramsci. Comento isto porque é unha fonte de coñecemento moi lúcida para comprender o que os próprios textos de Gramsci emanan.
Con todo, tentarei soio citar a S. Kebir para aproximarnos á concepción gramsciana da sociedade civil e ás diferenciacións que ten coa tradición hegeliana e as matizacións coa marxiana; así pois, cito: “O termo sociedade civil é un sinónimo do amplo concepto cultural de Gramsci. Mais, é posíbel estabelecer unha conexión co Marx dos primeiros tempos e con Hegel, en canto a que tamén no caso de Gramsci trátase da percepción de funcións de organismos que el cataloga de privados e polo tanto hai que diferenciar expresamente das funcións do Estado. Mais, ollo!, aquí precisamente hai que facer de novo unha diferenciación esencial con respeito a Hegel, cuxa concepción do privado parte da propiedade privada, mentres que en Marx –e Gramsci- trátase da participación de todos individualmente na organización da sociedade civil (..) o individuo é precisamente o suxeito activo da súa concepción de sociedade civil.”

É así, que Gramsci bebendo dos escritos de A. Labriola sitúa á sociedade civil: “entre a base económica e o Estado coa súa lexislación e o seu aparato coercitivo” distanciándose un pouco da complexidade do concepto apresentado por Marx a partir d´A Ideoloxía alemá, a sociedade civil de Gramsci amosa unha redución de significado; a sociedade civil inclúe soamente determinadas superestruturas (sindicatos, partidos, escolas, movementos, pero tamén á prensa, a literatura, etc…). Disto emana a importancia da persoa para Gramsci para a súa consideración de sociedade civil.

Persoa. A persoa para Gramsci é o suxeito activo, aquela que asume en primeira persoa do singular o proceso de autorrealización plena e construción colectiva da sociedade. A cultura é crítica e autocrítica e necesaria para a evolución da persoa, para que esta non sexa espontánea nin “natural”. “Coñecerse a si mesmos quere dicer ser o que se é, quere dicer sen donos de si, distinguirse, saír fora do caso, ser elemento de orde, pero da orde própria e da própria disciplina a un ideal”. Por tanto ser persoa é un proceso de contrución e á vez é un fin en si mesmo, pois é o único que é suxeito, un proceso que se percorre na interlocución co ideal que un se propón e as condicións materiais da existencia. “A cultura é organización, disciplina do eu interior, apoderamento da personalidade própria, conquista de superior consciencia pola cal chégase a comprender o valor histórico que un ten, a súa función na vida, os seus dereitos e os seus deberes. (…) O ser humano é sobre todo espíritu, ou sexa, creación histórica”. 

Creación que non sometemento nin resultado positivista. É a persoa o centro no cal pilota o seu pensamento, crítico contra o individualismo mais consciente de que de nada vale para a construción do socialismo a castración e o sometemento das potencialidades dos suxeitos diluíndoos na masa, no adoutrinamento.

Sociedade civil e sociedade política. Esta sería a resposta conceptual gramsciana para o debate que se está a dar agora nas ciencias sociais e no activismo da esquerda para referirse aos suxeitos que conscientes da situación sociopolítica-económica deciden facer política en movementos sociais e non en organizacións partidarias. A sociedade civil está formada por superestruturas, non inclúe á estrutura, senón que se atopa nunha determinada relación con ela. O Estado sería o que ten a capacidade lexislativa e os métodos máis evidentes de coerción e por tanto de papel hexemónico, mais non é o único, senón toda superestrutura que aspira á construción da hexemonía é sociedade civil, e se nesa pretensión vai asociada a idea de facerse responsábel da capacidade lexislativa, esta entón sería a sociedade política.

Deixarei para outro momento a esclarecemento do que é para Gramsci hexemonía, mais só apuntarei que non hai unha soa, senón que é unha conquista continua, a máis evidente é a do papel do Estado mais tamén existe a de diversas pretensións discursivas disonantes con esta. Dentro da sociedade civil podemos dicer que hai múltiples movementos sociais que loitan pola hexemonía na súa dialéctica coa estrutura, e aí evidencian as súas diferenzas no seu ideal. 

Cada vez máis na Galiza –tamén no Estado español (menos en Euskadi) e na meirande parte do contexto europeu-, o distanciamento da sociedade civil coa sociedade política evidencia a diferente construción de hexemonía que se dá, na medida en que na esquerda os discursos semellaban paralelos, na práctica levounos a ser cada vez máis diverxentes pois a sociedade política foi atrapada (ou deixouse atrapar) polo papel político hexemónico no capitalismo, namentres a sociedade civil logrou escapar. A resintonización dunha coa outra, máis concretamente, da sociedade política de esquerdas coa sociedade civil é tarefa ineludíbel para a reconquista da hexemonía.