18/04/2012

Desbordes creativos

Reseña de Raul Asegurado Pérez, membro da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño. Desbordes Creativos é un libro de Tomás R. Villasante, sociólogo brillante. Tirado do site do Encontro Irmandiño (aquí).



O proceso de comezarmos a construír un novo referente político non xurdíu tralo acontecido en Amio, é un propósito de hai anos, que no Encontro Irmandiño vimos dicindo desde hai tempo aínda que antes en clave de refundación da fronte na que estabamos. Todo resposta á necesidade de desbordar os marcos políticos-sociais nos que estamos inmersos para un só fin, conquerir a hexemonía social, e por tanto, converter á sociedade galega en protagonista do seu futuro, pasando por unha toma de conciencia e un exercicio libre de cidadanía que novamente desborde os límites da hexemonía existente; eis por tanto, que non estamos nun proceso político clásico de acumulación de forzas para conquerir garantías de cara a un proceso eleitoral máis ou menos exitoso, non. Estamos nun proceso de construír os alicerces dunha conquista social do común, que se plasme na posta en valor da política e do político, e por tanto, que esta prime sobre a economía e a lóxica imperante.

Será un proceso lento, onde o valor do común: persoas, espazos, tempos, militancias… tomen unha nova dimensión pública, onde poidamos dar o paso para exercérmonos soberanos ante as dificultades que vaiamos a pasar, amasando coa paciencia e a sabiduría do tempo (da que a nosa Historia nos fai legado) as contradicións que viviremos, para sermos como digo, hexemónicos e por tanto conquistar unha clase dominante (tamén en termos de atrevérmonos a exercer o poder desde as institucións) que obedeza ás dinámicas sociais que propoñan espazos de soberanía (social, cultural, económica, política…) e solidariedade.

O momento político analizado na altura estructural na que estamos inmersos, demóstranos que os límites de acción social e política están enormemente comprimidos, que as respostas dentro dos marcos xurídico-institucional están suxeitas a enormes corsés, a estribos cos que a clase dominante dirixe até as dinámicas máis contestatárias; eis por iso que hai que desbordar con creatividade todas as dificultades que atopemos, e eis por iso tamén que non valen fórmulas do pasado para conquerir o que nos propomos.

É certo que teremos que tomar posturas a curto prazo, mais estas non deben impedirnos ver o futuro que queremos construír, debemos avanzar nas solucións que tiveron éxito mais afondar sobre todo nas cuestións que ficaron abertas, debemos avanzar na heterodoxia ideolóxica mais afondar na asunción de valores que afortalan o capital social, a confianza recíproca, as actitudes construtivas e as metodoloxías emerxentes de permeabilidade. É certo pois, que deberemos ir a un proceso eleitoral sempre e cando este axude a fortalecer unha nova relación entre a política e a cidadanía, unha diatopía que desborde os tópicos e as utopías de crenzas benintencionadas; deberemos ir sempre que saibamos que os límites que asumimos estamos destinados a desbordarse, transgredirse. Tamén no marco do partido proprio, como nas metodoloxías que fagamos; deberemos ir sempre que o movemento sexa unha constante e por tanto o referente político non sexa suxeito, senón medio, non sexa un fin, senón unha ferramenta ao servizo do verdadeiro suxeito; deberemos ir sempre que o noso empeño sexa que a clase subalterna que hoxe se encadraría dentro dun marco ideolóxico-político manteña a vocación irrenunciábel de sermos hexemónicos, sen exclusións mais sen concesións.

Temos pois unha tarefa enorme, cónstame que hai moitas vontades para traballar xenerosamente, é certo que non estamos faltos de imaxinación para propor espazos diatópicos, partido-movemento ou viceversa, radicalidade democrática e igualitarista, consciencia dos límites do planeta, humildade ante os “roles” tradicionais de dominación,… non hai coordenada na que non debamos dar unha resposta, e hai respostas aínda por dar na construción do ideario colectivo e tamén outras novidosas que se están a dar, como o Encontro Social de Ferrolterra, ou as asembleas do 15-M de Monforte, do Obradoiro,…, ou as dinámicas de reocupación dos espazos públicos como en Monte Alto e o seu sentir comprometido de cidade viva, respostas cívicas ante problemas que nos doen como o acontecido ultimamente nas Fragas ou o programado no Irixo…

Podemos caer no erro de pensar que un bo resultado eleitoral sexa un éxito en si, mais de nada valerá se os principios polos que apostamos fican dentro dos marcos actuais, e pola contra, non hai posibilidade de derrota se hai xenerosidade e valentía en asumir un proxecto que se encadre dentro da lóxica exposta, aínda que eleitoralmente teña o resultado que teña, porque é o que se precisa, abofé.

Nenhum comentário: