19/07/2011

Relendo a Gramsci (I) A unidade. Unidade dos elementos constitutivos do marxismo

Raul Asegurado Pérez. Artigo tirado do blogue do autor (aqui). Raul Asegurado é sociólogo, membro do Conselho Editorial de Altermundo e participa da AIS O PETO e FIARE iniciativas da banca ética. Para entender en toda a súa dimensión este artigo recomendamos ler primeiro o artigo de Duarte Correa Piñeiro, membro da UPG e do BNG de Cambados, "Idealización do pasado e realidade, relendo a Gramsci (II)" (aquí).



Comezarei citando a Gramsci neste pequeno parágrafo que na antoloxía de Manuel Sacristán enuncia como emulo no título deste artigo, di así: “A unidade é dada polo desenvolvemento dialéctico das contradicións entre o home e a materia (natureza-forzas materiais de produción). Na economía, o centro unitario é o valor, ou a relación entre o traballador e as forzas de industriais de produción (os que negan a teoría do valor caen no craso materialismo vulgar, poñendo a máquina en si – como a capital constante e técnicas – como produtor de valor fóra do home que a guía). Na filosofía, na práctica, ou a relación entre a vontade humana (sobrestrutura) e estrutura económica. Na política, a relación entre Estado e sociedade civil, ou a intervención do Estado (vontade centralizada) para educar o educador, o clima social en xeral.” Pois vaiamos por partes:

- A unidade. Gramsci fala direitamente dalgo evidente, a relación dialéctica entre a unidade e a aceitación das contradicións. Se non hai aceitación das contradicións nos discursos sociais créanse a imposición da uniformización, da homoxenización, e o máis antimarxista que existíu na tradición marxiana, a ortodoxia. Certamente fala das contradicións entre o ser humano e a materia, mais cómpre pararnos na simple afirmación disto que saliento, se non somos conscientes que no discurso colectivo dos suxeitos políticos teñen que estar implícitos e explícitos as contradicións que o fornecen, o discurso carece de humanidade, e se o discurso é socialista, sen facer mención ás contradicións, sen prestar atención aos erros cometidos e aos acertos e tamén ás incertidumes que o presente plantexa está baleirado da súa esencia. O socialismo, a unidade do socialismo non é unicolor, é ante todo multicromática, respeituosa coas diferencias e asimilando a converxencia contra a negación da pluralidade humana que é o capitalismo. Como expresei noutro artigo hai pouco, a unidade non é en ningún caso unanimidade, en todo caso debe ser aceitación da diversidade e das diverxencias pois diverxencia é a expresión da contradición e a contradición é o motor da vida individual e coletiva; foi a inquisición e os procesos análogos os que fixeron destas contradicións herexía, non o socialismo nin a tradición marxista.

Relendo a Gramsci neste momento, ao falar de unidade entre o home e a materia, en primeiro lugar habería que engadir rapidamente á muller, e falar da interdependencia entre o ser humano e a materialidade no senso máis amplo que a tradición ecofeminista plantexa na relación entre o ser humano e os límites do planeta e inxerir aí a súa dimensión material. Tamén sería preciso, relendo a Gramsci, entender que a unidade é un obxectivo irrenunciábel na construción social da hexemonía, hexemonía que soio se poderá conquistar a base da aceitación dese pluralismo e diversidade á que me referín anteriormente. O nacionalismo galego artellado política e socialmente dentro e fora da lóxica do BNG só ten sentido na compresión deste principio de unidade, ese era o proxecto común xenuino; as prácticas que se levaron e se levan ao cabo dentro do BNG de facer imposíbel a vida colectiva fora do discurso da dirección política nada ten que ver coa visión da unidade á que nos referimos, tampouco o enrocamento de grupos políticos que cansos desa dinámica non queren saber nada do que no BNG se move e se respira, superar esta encrucillada é responsabilidade de cada suxeito político e será o que novamente saque da orfandade de referente político á sociopolítica soberanista galega.

- Na economía. A unidade central é o valor, novamente, nunha reletura gramsciana chegaríamos á rápida conclusión de que o elemento central da economía non é nin o crecemento nin a produtividade, que non ten que ser diverxente de toda economía produtiva. O valor fai referencia hoxendía con máis forza a outros modelos micro ou meso que se están a dar con incidencia no mundo económico, no fortalecemento das cooperativas produtivas respetuosas coa biodiversidade, coa incipiente presenza de cooperativas de consumo consciente, coas experiencias de banca ética, coas pequenas empresas privadas que aportan unha incidencia social positiva ao conxunto da estrutura social, coas redes de comercio xusto, etc…, con todas aquelas economías alternativas que saen da lóxica do materialismo vulgar do capitalismo e que poñen á economía como unha ferramenta útil de obxectivos políticos, e por tanto combaten o engaiolamento da política ao servizo dos intereses económicos privados.

Un referente político ten que estar en continua tensión con estas realidades, con coñecemento profundo e unha preocupación en plasmar na instancia pública as demandas que a sociedade civil organizada vai esixindo a teor das súas experiencias e construción de realidades, aínda que sexan a nível micro, o inmenso valor para a construción social que teñen estas experiencias teñen que ser atendidas e cunha moi grande capacidade de permeabilidade desde a construción da pretensión política, nunca apoderarse delas nin evitar confrontacións, pois elas irán sempre por diante das posibilidades que oferta un sistema político como o actual pero si poderán ser entendidas como un motor, acicate e utopías para evitar hábitos acomodaticios de todo tipo.

- Na filosofía. A relación entre a vontade humana e a estrutura económica fai alusión á responsabilidade da fortaleza dos discursos que sexan capaces de contrarrestar os alicerces da sociedade capitalista. O pensamento débil é produto, ferramenta e resultado da alienación discursiva dos poderes privados que enchoupan os medios de comunicación e produción de coñecemento (sistemas educativos, informativos, etc…). Asumindo o principio sociolóxico de Luckmam de que a realidade é unha construción social, a proposta filosófica da esquerda ten que ir encamiñada a refacer esta construción social que é a realidade; certamente as ferramentas do sistema de dominación capitalista son abraiantes mais a repetición machacona de conceitos básicos levou a ser asumidos principios que lle eran alleos por baleirados de contido, o papel das aportacións no campo do coñecemento teñen que ir dirixidas a este combate, citando novamente a Gramsci, “ante o pesimismo da razón, o optimismo da vontade”.

- Na política. A relación entre o Estado e a sociedade civil emana do falado anteriormente, a política é unha ferramenta, os suxeitos políticos son unha ferramenta non un fin en si, as persoas son o único fin en si, non poden ser usadas como medio, o partido si. A persoa ten unha dimensión comunitaria constitutiva e o colectivo consciente é todo o que emana na sociedade civil, a suma de persoas conscientes que colectivamente crean a realidade social constitúe a sociedade civil, non hai sociedade civil se esta non asume o papel protagónico do seu desenvolvemento; eis por tanto que o Estado ten ese papel de educador da emancipación social da própria sociedade, e o educador nunca impón, propón. O exercicio da política vencellada á construción dun Estado-nación ten que ser cunha clara vocación emancipadora (emanar, saír de si e facerse autónomo, libre). O partido, a política debe servir para a emancipación social da sociedade civil, non para servirse del para manterse social ou economicamente, isto crea un novo vencello de escravitude.

Quen queira entender que entenda. (Non me estendo máis, haberá novas achegas sobre releituras de conceitos gramscianos e no meu maxín un epílogo adicado á dinámica interna e externa do nacionalismo político e social do país, a ver se dou feito). 

2 comentários:

Anônimo disse...

de verdade é preciso ler o artigo indicado?!?! por dios!! para nada!!

AFP disse...

Não sou juiz, a eleição de ler ou não o artigo indicado é de cada um xD. No entanto, penso que o artigo do Raul sai como uma sorte de "resposta" ao artigo de Durte Correa e, concorde pessoalmente ou não com ele, parece-me necessário sempre apelar a diversos pontos de vista para que cada indivíduo se forme a sua opinião.

Em rigor, o artigo de Raul não necessita complemento nenhum, como todos os do autor (ao menos os que eu conheço), mas pode ser de interesse cotejá-lo com outras "releituras" recentes de Gramsci que, pessoalmente, me deixaram estupefacto.

Uma aperta irmandinha