Os movementos altermundistas levan denunciando dende hai xa tres lustros os perigos do capitalismo especulativo e financiarizado -ou virtual- que, como se augurou dende os foros sociais mundiais, rematou mergullado nunha desfeita económico-financeira que afecta sobre todo aos máis pobres do planeta. E levan o mesmo tempo pedindo un control do poder ilimitado das transnacionais, a volta a mans públicas de moitos servizos privatizados, a anulación da débeda externa do Sur, a reforma radical das institucións financeiras internacionais (FMI, OMC, BM...), o establecemento da Taxa Tobin, a instauración da Renda Básica e unha morea de solucións e alternativas máis.
Máis tempo aínda levan os e as activistas das organizacións ecoloxistas advertindo, entre outras moitas cousas, do drama que pode supor a enerxía nuclear. E outra manchea de anos levan centos de organizacións pacifistas denunciando a venda de armamento a países en conflito ou gobernados por déspotas, así como o cinismo de occidente nas súas selectivas relacións -amigábeis ou non dependendo exclusivamente de intereses económicos e xeoestratéxicos- cos réximes políticos máis crueis do planeta.
Xa que logo, dicirnos agora que non existían alternativas á intervención militar en Libia, que non hai outra opción que acollérmonos aos plans de axustamento estrutural -ou austeridade- que se impoñen na maioría dos países europeos ou que a catástrofe nuclear de Xapón non se podía evitar ao estar provocada por un fenómeno natural, a moitos e moitas de nós, os que disque sempre berramos e tan amigos somos do "non polo non", parécenos unha tétrica brincadeira, ou máis aínda, unha cínica e indignante burla. Claro que existían, existen e existirán alternativas, mais non para quen non quere escoitar.
Sen dúbida podemos asegurar que tanto os paifocos políticos que nos malgobernan, como os desprezábeis gurús das finanzas, así como eses iletrados todólogos -Carlos Taibo dixit- que nos medios de comunicación regurxitan irreflexivas e inxenuas opinións sobre como temos que dirixir o mundo, non van facer ningún acto de humildade e recoñecer que levan décadas sementando -directa ou indirectamente- a inxustiza, a desigualdade e a barbarie. Moito menos aínda van recoñecer que existen milleiros de activistas no mundo que, malia que non dispoñen dos seus efectivos e nocivos altofalantes, parece que saben máis ca eles e que teñen máis humanidade e máis sentido da responsabilidade común e da cidadanía ca eles.
Desbotada xa que logo a posibilidade de redención das "clases" dominantes, o que lle queda ao activismo planetario, aos e ás activistas que loitan altruistamente por un outro mundo posíbel, é seguir loitando. Máis sobre todo concentrarse na tarefa pendente -a máis difícil- de hexemonizar os pensamentos da sociedade civil mundial, que na súa grande maioría está desmobilizada e orfa de discursos e accións cunha mínima coherencia. Agora máis ca nunca podémoslles dicir que levabamos, levamos e, posibelmente, levaremos a razón.
Nenhum comentário:
Postar um comentário