A situación económico-financeira vóltase cada día máis grave. A bola da débeda xerada polo sistema financeiro era unha bomba hai dous anos –como temos dito nestas páxinas– e o tempo non fixo máis que agrandar a súa magnitude e complicar a cada paso a súa solución, engulindo a toda a sociedade para salvar á minoría causante e beneficiaria. A confianza inxénua en que a enorme burbulla de diñeiro ficticio acumulada durante anos de enxeñería financeira podería ser dixerida e camuflada mediante voluntaristas e arriscados exercicios de enxeñería contábel dos gobernos acaba mostrándose totalmente estéril. Algúns gobernantes creron que todo era un problema de “confianza”, tomando ao pé da letra a xiria dos comentaristas vacuos, de xeito que cun xesto de decidido respaldo gobernamental todo quedaría arranxado. Os gobernos deciden rescatar o sistema financeiro garantindo o cento por cento dos seus depósitos e outras obrigas, concedéndolles créditos respaldados coa emisión de débeda pública, pondo en marcha vastos programas de gasto público para xerar negocio para as construtoras –e as inmobiliarias vencelladas– coas que o sistema financeiro ten comprometido a maior parte dos seus créditos dubidosos e morosos.
Canto máis aguda se volve a crise da débeda máis intensa se volve a campaña de desinformación e adoutrinamento para evitar que a poboación estale fronte á estafa masiva de que está sendo obxecto. A unanimidade mediática é total: todo o problema é a débeda pública. A campaña desinformativa chega ao paroxismo cando se tenta construír o argumento de que a mala cualificación da débeda pública nos mercados financeiros é a causa de que que as empresas e a banca españolas atopen dificultades e penalizacións para financiarse internacionalmente. É o mundo ao revés. O certo é que o nivel de endebedamento público español é dos máis baixos de Europa: un 61% do PIB fronte ao 75% de Alemaña, o 85% de Francia ou o 120% de Italia. A media da área Euro está no 85%. ¿Quere isto dicir que España non ten un problema de débeda? Claro que non, pero o problema reside na débeda privada: as empresas teñen un nivel de débeda que representa o 115% do PIB, o duplo de Alemaña ou Francia. Non é que o conxunto das empresas produtivas estean particularmente endebedadas, que non o están; o groso da débeda está concentrada nas constructoras e inmobiliarias e non se materializa só no millón de vivendas rematadas e non vendidas senón tamén –e con consecuencias máis graves– noutros “activos” iliquidos, como son solares, solo de promoción e obras a medio facer.
Tamén as familias están altamente endebedadas: un 85% do PIB, significativamente superior ao 61% da área Euro. Iso é un problema, pero non é o máis gordo e, de feito, non é aí onde se orixina o groso da morosidade crediticia senón nas construtoras e inmobiliarias.
Polo tanto, para empezar a falar en serio dos problemas da débeda española e entender o que pasa nos “mercados” cómpre empezar por aí. España ten unha débeda total que representa 2,6 veces o seu PIB. Ese é o problema, pero dentro del a débeda pública é unha parte bastante modesta.
O incomprensible é que este Goberno non presente con clareza a situación e que, pola contra, asuma uns compromisos que non só non resolven o problema senón que os agravan e cargan sobre as costas do conxunto da sociedade –en realidade sobre as clases populares– os custes dunha débeda da que non son responsábeis, deixando “intacta” a riqueza acumulada polos beneficiarios/causantes reais da burbulla da débeda.
Máis aínda, entre os problemas que pexan a nosa valoración exterior están moitas “xenerosidades” dos gobernos que cren poder facer ilusionismo financeiro, que é o que fan cando avalan, dan garantías ou asumen compromisos, aínda que non se plasmen nun gasto “contante e soante” dos orzamentos. Efectivamente, tamén pasan a formar parte do noso burato virtual os 3.917 millóns de euros da débeda de Caja Madrid que fai dous días avalou o Goberno ou os 14.000 millóns de euros do famoso “déficit tarifario” que Aznar/Rato decidiran regalar ás eléctricas como premio pola liberalización –e que Zapatero segue mantendo–, que estas veñen incorporando de xeito ficticio nas súas contas e distribúen anualmente en forma de dividendos e stock-options –incluídas as millonarias de Pizarro–, aínda que eses ingresos non se teñan materializado realmente. Os accionistas e os directivos ingresan relixiosamente pero as empresas, o Goberno e o país teñen aí outro enorme burato. Son os misterios dese capitalismo máxico asentado na contabilidade creativa que pon riqueza nunhas poucas mans e débedas nas de todos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário