José Carlos García Fajardo
Ós causantes de vítimas inocentes chámanlles terroristas. Como habería que chamar ós vendedores de armas para guerras motivadas por intereses económicos, ós responsables da fame no mundo, da proliferación de enfermidades hoxe curables, da falta de educación, da desfeita do medio natural e dunha explosión demográfica que se empeñan en ocultar? Son outras formas de terrorismo.
Se no pensamento tradicional de Occidente o dereito de resistencia ante o tirano convértese en deber cando padecen os máis débiles, seica os traficantes financeiros non son os tiranos dos nosos días? Eles deciden o rumbo das sociedades, imperan sobre os gobernantes, controlan medios de comunicación, crean necesidades, alteran os produtos e propalan o medo ante a inseguridade que eles manteñen para controlar o sistema.
Para vergoña de todos chega o Informe Anual sobre a Riqueza no Mundo, elaborado por Merrill Lynch. Aqueles cuxa fortuna (excluída a vivenda habitual e os bens de consumo) supera o millón de dólares (uns 807.000 euros) forman parte do club de ricos que, en España, está formado por unhas 16.000 persoas, moitas delas pertencentes ás mesmas familias. Mentres o resto de mundo pelexaba coa crise financeira que se iniciou en 2007, o número de grandes fortunas españolas creceu un 12,5% o ano pasado. A porcentaxe de grandes fortunas incrementouse en máis do 18,9% no mundo durante o ano pasado. O patrimonio conxunto dos máis ricos do mundo alcanzou os 39.000 millóns de dólares (34.000 millóns de euros).
Moitos admíranse de que isto suceda "a pesar da crise", pero outros denunciamos que esas fortunas crecen sen cesar cando hai guerras, crises e ata desastres naturais. Os que padecen as consecuencias sempre son os pobres e as clases medias. Por iso escribiu García Márquez que "se a merda tivese un prezo, os pobres nacerían sen cu".
Os ricos, á parte dos inmensos depósitos que ocultan en paraísos fiscais, inclínanse por "produtos socialmente responsables" como BP, Repsol, a industria do armamento e o branqueo do diñeiro do crime organizado, drogas, prostitución, fondos lixo, imposición de monocultivos, manipulación no prezo das cousas e no que sempre sostiveron que regulaba a divina lei do mercado. Pero a economía non obedece á lei da oferta e da demanda senón ás economías de casino en mans de banksters das finanzas.
Os causantes da crise que afecta ós máis débiles producírona as grandes compañías financeiras, as burbullas inmobiliarias, os hedge funds, os bonos escandalosos dos grandes directivos, a evasión de capitais e a fraude masiva dos billóns que se ocultan en paraísos fiscais.
Será máis fácil montar guerras, revolucións e golpes de estado que porse de acordo para transformar o modelo económico que rexe o mundo?
Pero o poder dos medios e a estupidez dos nosos gobernantes distráennos con operacións de axustes económicos cando se coñecen ós responsables deste capitalismo salvaxe. É tan absurdo que os culpables se haxan enriquecido de novo con axuda dos fondos achegados polos contribuíntes que desde a Unión Europea desconcertan á opinión pública con recortes á conta de pensionistas, funcionarios, traballadores e a base social máis ampla mentres non se deciden a transformar e controlar os bancos e a terminar coa fraude fiscal.
Se o terrorismo fai chantaxe mediante a coacción e o medo, os poderes financeiros sérvense dos políticos sumisos para apertar máis a soga. Que pasaría se nos negásemos a contribuír para os gastos desas guerras, a promover políticas fiscais máis xustas, gravar ás grandes fortunas aínda que ameacen con evadir capitais…? máis aínda? Mentres non terminen cos paraísos fiscais e o control das vidas e das conciencias, propio deste degenerado modelo económico, non teremos dereito a cualificar de terroristas a quen, en non poucos casos, non teñen que perder máis que as súas cadeas, a súa miseria e desesperanza..
Nenhum comentário:
Postar um comentário