05/02/2012

Desclasificados informes da embaixada alemá. Xoan Carlos I o "influínte" e o 23-F

Tirado de aquí e traducido por nós.



O embaixador alemán en España en 1981, Lothar Lahn, interpretou nun informe enviado ao seu país e que hoxe publica o semanario Der Spiegel, que o rei Juan Carlos mostrou "comprensión" cara aos protagonistas do frustrado golpe de estado do 23 de febreiro.

A revista alemá difunde extractos do despacho 524, recentemente desclasificado polo ministerio xermano de Exteriores xunto a outros documentos da época, enviado por Lahn ao goberno xermano, que presidía entón o chanceler socialdemócrata Helmut Schmidt.

Fontes da Casa do Rei en Madrid manifestaron hoxe a Efe a este respecto que "o papel e a actuación do rei o 23-F están xa consolidados pola historia, e o modo decidido e determinante como actuou en defensa da democracia é coñecido por toda a sociedade española e en todo o mundo".

O semanario alemán sinala que o embaixador de Alemaña en España entre 1977 e 1982, e falecido en 1994, mantivo unha conversación de carácter privado co monarca o 26 de marzo de 1981, cuxas circunstancias e o lugar onde tivo lugar non se precisan, na que o rei lle comentou as súas impresións achega do frustrado golpe de estado.

O rei "non mostrou nin desprezo nin indignación fronte aos actores, é máis, mostrou comprensión, cando non simpatía", segundo interpretou Lahn na mensaxe enviada ao seu goberno e que cita Der Spiegel.

Engade o despacho que o monarca dixo ao embaixador: "os xefes só pretendían o que todos desexabamos, concretamente a reinstauración da disciplina, a orde, a seguridade e a tranquilidade".

O documento citado pola revista sinala que o rei manifestou a Lahn que a responsabilidade última do intento de golpe de estado non foi dos seus xefes, senón do entón presidente do Goberno español, Adolfo Suárez, a quen reprochaba "desprezar" os militares.

No seu informe, o embaixador alemán destacou así mesmo que o rei aconsellara reiteradamente sen éxito a Suárez que "atendese ás formulacións dos militares, até que estes decidiron actuar pola súa conta".

O monarca manifestou ante o embaixador de Alemaña, segundo a versión deste, que trataría de influír no Goberno e os tribunais para evitar un castigo severo aos golpistas, xa que estes "só pretendían o mellor", sinala Der Spiegel.

Finalmente, subliña que Juan Carlos I dixo a Lahn que o golpe do 23F "debería esquecerse canto antes" e mostrouse convencido de que unha actuación así non se repetiría.

O semanario escribe finalmente que a Casa real española non quixo pronunciarse achega do informe do embaixador alemán, e que sinalou unicamente que nos arquivos oficiais non existe protocolo algún sobre esa "conversación privada" entre o rei e Lahn.

A revista destaca que o documento acaba de ser desclasificado polo Goberno federal alemán e que pode lerse na publicación de 2.250 páxinas do Instituto de Historia Contemporánea "Actas da política exterior da República Federal de Alemaña de 1981". 

Nenhum comentário: