Sam Pizzigati. Artigo tirado de aquí e traducido por nós para o galego. A imaxe foi tirada do Esquerda.net. O autor edita Too Much.
Os ricos, como cren moitos estadounidenses hoxe en día, rexen. Pero como? O bulicio actual respecto ao déficit no orzamento federal abre unha xanela para entender como os ricos mantéñense a tal altura.
Como sabe un se vive nunha plutocracia? É fácil, basta con levar a cabo unha simple proba. O primeiro paso é identificar un "problema urxente" que se atope discutido nas páxinas editoriais do seu país. Logo, dea unha ollada ás "solucións politicamente posíbeis" propostas nestas mesmas páxinas. Se vostede vive nunha plutocracia, estas solucións xamais serán máis que unha pequena inconveniencia como máximo para os super-ricos do país. Pronto para pór esta plutocracia a proba na vida real? Consideremos o problema que os analistas en EEUU denominaron como o máis importante para a nación: o déficit do orzamento federal.
Este mes, o New York Times ofreceu aos seus lectores unha oportunidade interactiva en liña para resolver a situación. Este diario publicou unha longa lista de opcións para recortar o déficit, todas tomadas de persoas dentro de Washington, e convidou os seus lectores a escoller dentro destas opcións para pór fin ao déficit.
Pero os lectores que aceptaron esta invitación para "arranxar o orzamento" atopáronse cun pequeno problema. Se os lectores evitaban todas as opcións na lista que lles causarían danos ás familias de clase media, éralles imposible reducir o déficit a cero.
En cambio, estes mesmos lectores podían levar o déficit á desexada marca de cero de maneira moi sinxela evitando unicamente as suxestións que lles causarían dano ás familias adiñeiradas. De feito, a lista do Times non incluía opcións que requirisen grandes sacrificios de parte de persoas adiñeiradas.
Algunhas opcións na lista si chamaban a aumentar os impostos sobre os ingresos máis altos. Pero estas opcións, se algún día fosen adoptadas, farían que as persoas adiñeiradas da nación pagasen impostos menores á metade da taxa da década dos 50, baixo o Presidente Dwight Eisenhower, un Republicano.
Nos tempos de "Ike" (Eisenhower), un ingreso de $400.000 -preto de $3,3 millóns hoxe, axustando pola inflación- estaba suxeito a unha taxa de impostos do 91%. A medida máis forte da lista para impor impostos aos ricos -un regreso á taxa máxima de 39,6% en efecto durante os anos de Clinton, axustada cun sobrecargo do 5,4% a ingresos maiores a $1.000.000- levaría, se fose adoptada, a taxa actual a só o 45%.
Ese 45% esencialmente representa o que os principais medios estadounidenses consideran o límite do politicamente posíbel. Temos, noutras palabras, unha sociedade que define como politicamente "imposíbel" unha situación -unha taxa do 91% máximo de impostos- que existiu, por anos, como unha realidade política.
Unha realidade política amplamente aceptada, deberiamos engadir. A mediados do século 20, mesmo importantes pensadores conservadores podían apoiar e apoiaban altas taxas de impostos aos altos ingresos. Un exemplo: Henry Simons, economista da Universidade de Chicago, un influente pensador a favor do libre mercado que consistentemente promoveu os impostos progresivos.Simons cría, como os analistas Neil Brooks e Linda *McQuaig escribiron recentemente, "que o capitalismo só sobrevive nunha democracia se o público en xeral benefíciase del, e que isto involucraba redistribuír as súas recompensas que doutra forma acababan concentrándose nas mans de poucos".
Moitos dos adiñeirados de mediados do século 20 en EEUU non estaban de acordo con Simons e queixábanse sen cesar achega do peso da súa carga tributaria. Pero esta carga había, ao longo dos anos, reducido os recursos que estas persoas podían utilizar. Simplemente non tiñan suficientes recursos para dobregar á política dos Estados Unidos ao seu favor.
En 1955, como mostran os rexistros da IRS, os 400 contribuíntes máis ricos promediaban, en dólares actuais, apenas $12,8 millóns en ingresos. Para pór esa paupérrima cifra en perspectiva: no 2007, os nosos 400 máis ricos promediaron $344,8 millóns.
Os ricos de mediados do século 20 tiñan, está claro, mandas de políticos dispostos a cumprir as súas ordes. Pero estes políticos de cando en cando atrevíanse a atacar abertamente as taxas progresivas de impostos. Ao tomar ese paso, dábanse conta, terminarían marxinándose eles mesmos case con certeza. Xusto como T. Coleman Andrews.
Un próximo aliado do máximo xefe político de Virginia, Andrews converteuse no primeiro comisionado da IRS de Eisenhower en 1953 e manexou dita institución, segundo todos os recontos, de maneira eficiente. Pero Andrews renunciou ao seu posto na IRS en 1955 para tomar un traballo manexando unha compañía de seguros para logo, de maneira repentina e sorpresiva, emerxer como un intenso e agudo crítico do imposto federal sobre o ingreso.
Altas taxas de imposto sobre ingresos altos, este "novo" Andrews acusaba, non eran máis que un "instrumento de vinganza" que reflectía unha "perigosa tendencia facía o socialismo". Talvez deberiamos ver que toda persoa que reciba unha declaración de impostos, Andrews díxolle ao US News & World Report nunha entrevista de portada en maio de 1956 "reciba con ela unha copia do Manifesto Comunista con ela". Esa entrevista encariñou a Andrews cos ricos, quen vían vermello cada 15 de abril, e esencialmente acabou con calquera esperanza de parte de Andrews para o éxito político.
Nos anos posteriores á segunda guerra mundial, os políticos máis servis dos ricos entendían con claridade que apoiar abertamente medidas amigábeis aos ricos en materia de impostos xamais lles daría moita tracción. Eles aceptaban, como dado, o apoio forte e sólido do público para as taxas progresivas de impostos, e fixeron o seu mellor esforzo para enganar a ese público.
Un engano veu na década dos 40, cunha campaña de negocios para emendar a constitución para limitar a taxa de impostos sobre ingresos altos ao 25%. Os estrategos detrás desta campaña sabían que non tiñan oportunidade de pasar un cambio deste tipo polo Congreso. Decidiron levar o seu caso ás lexislaturas estatais.
Os estados, sinala o historiador da Universidade de California Isaac Williams Martin, ofrecíanlle aos grupos de negocios "foros onde tanto a atención como a participación do público nos debates de política era limitada". Para manter ao público aínda menos informado, estes grupos iniciaron a súa ofensiva "en estados lonxe dos mercados mediáticos principais da nación".
Pero o público eventualmente deuse conta e a campaña para a cota aos impostos, despois de lograr algúns éxitos de trastenda, desvaneceuse a finais dos 50.
Que distantes parecen eses anos agora. Os nosos ricos de agora non senten a necesidade de conspirar nas sombras. Esixen abertamente en cada oportunidade posíbel que se alixeire a súa carga de impostos, e calquera outra acción de goberno que poida limitar a súa grande capacidade para crear unha fortuna.
Estes ricos non sempre obteñen o alixeiramiento que buscan. Aínda non teñen o poder para gañar todas as batallas en que se involucran. Mais si teñen o poder para rutinariamente definir tanto os problemas como as opcións que chegan ao campo de batalla.
"O déficit orzamentarios e do seguro social, dificultades con Medicare", observou o presidente do sindicato de traballadores do aceiro, Leo Gerard, a semana pasada, "todo se podería resolver se a nación regresase ás políticas que existían baixo o Presidente Dwight D. Eisenhower".
Ao momento, ese retorno non se atopa no noso radar político principal. E aínda medidas modestas para impor impostos aos ricos, como o paquete de redución do déficit do Republicano Jan Schakowsky de Illinois presentada o martes pasado, son ignoradas case por completo. Iso non está ben. Iso é plutocracia.
Nenhum comentário:
Postar um comentário