13/12/2010

Por unha vida despois do traballo

Marcos Pérez Lema. Artigo tirado de aquí. Recentemente publicamos en Á Revolta entre a mocidade estoutro artigo do autor.


Nun dos seus últimos textos, Daniel Bensaïd subliñou tres grandes obxectivos que deberían guiar a acción política da esquerda europea nos vindeiros anos:

1. Unha oposición intransixente dos movementos sociais á refundación antisocial que pretende a patronal, unha oposición que pasa pola defensa encarnecida, a transformación e extensión dos servizos públicos.
2. Unha ampla reforma democrática da vida pública, cunha toma de decisións máis participativa, transparente e deliberativa.
3. Unha reorientación radical da construción europea.


Se cadra o máis urxente destes obxectivos parece ser o primeiro, entre outras cousas porque é o máis difícil de reconstruír unha vez que se bota abaixo, e porque como dixo Schiller o home físico é real, e o home moral tan só problemático. E sobre todo, porque, despoxados das garantías e dereitos que nos proporciona o Estado do Benestar, as clases subalternas atoparíanse inermes fronte ao gran capital. Na lóxica do capitalismo serodio xa non se trata unicamente de que os traballadores vendan a súa forza de traballo (o uso desta forza de traballo por un tempo determinado) senón de se vender como persoas, difuminar a separación entre o tempo de traballo e o tempo para si. Trátase de reivindicar unha vida despois do traballo. Isto concrétase, por exemplo, nas actuais loitas contra o aumento na idade de xubilación ou a reivindicación da xornada laboral de 35 horas semanais.

Este tipo de reivindicacións lígase ás análises sobre a satisfacción das necesidades radicais enunciadas por Marx e desenvolvidas por Agnes Heller. Necesidades radicais son todas aquelas necesidades que nacen na sociedade capitalista como consecuencia do desenvolvemento da sociedade civil, pero que non poden ser satisfeitas dentro dos límites da mesma. Polo tanto, as necesidades radicais son factores de superación da sociedade capitalista. As necesidades radicais son demandas que deben ser recoñecidas, demandas de valor cualitativo que apuntan a formas de vida valiosas e non cuantificables, cuxa satisfacción depende máis dun proxecto de vida persoal que da articulación dunha orde social determinada. Contemplar a modernidade dende o punto de vista das necesidades permítenos ver a modernidade dunha maneira holística sen que iso se converta nunha perspectiva totalizadora. 

O capitalismo móvese a través da insatisfacción, das necesidades non resoltas, como apuntou o propio Marx e desenvolveu Agnes Heller. Esta sensación de insatisfacción xeral e irresoluble opera como forza motivadora na reprodución das sociedades modernas. Se as persoas deixasen de sentirse insatisfeitas (coas súas posesións materiais, coa súa posición social, coas súas relacións persoais), a sociedade moderna xa non podería reproducirse a si mesma. Pola contra, O socialismo guiouse historicamente pola utopía da sociedade satisfeita. O feito, que non se pode desbotar, de que os recursos dos que dispoñemos no planeta son limitados e cada vez máis escasos provoca crises no sistema de produción e de consumo capitalista, pero ao tempo revela a inconsistencia da utopía socialista da satisfacción de todas as necesidades humanas.

Segundo Zygmunt Bauman os sistemas comunistas viñéronse abaixo polo atractivo que desprendía a sociedade de consumo occidental, a "cultura postmoderna e narcisista da gratificación inmediata e da vida definida en termos de estatus de consumo". A este respecto, o debilitamento das culturas de clase pode explicarse en termos do aumento do consumismo. Antes, tanto as formas de vida da burguesía coma da clase obreira estaban centradas na realización do traballo. Porén, hoxendía nas sociedades desenvolvidas o centro das actividades cruciais da vida é tempo libre. De igual xeito, o progreso está privatizado porque a mellora xa non é unha empresa colectiva, senón individual. O individuo en si mesmo convértese na unidade de reprodución do social.

Capitalismo e socialismo son debedores dun concepto de progreso nacido da Ilustración que debe ser revisado. Revisar o concepto de progreso non significa desbotalo. O obxectivo do progreso humano debe seguir sendo o cerne de toda acción de esquerdas, de igual xeito que toda a aparataxe ideal xurdida da Ilustración e da Revolución Francesa, comezando polo ideal de razón, e acabando polos conceptos de liberdade, igualdade e fraternidade. Pero o progreso xa non é unha medida temporal, algo provisorio que levaría ao cabo a un estado de perfección. Cómpre ser conscientes de que os recursos son limitados, de que o que se debe repartir no mundo non é o benestar material, incapaz de cubrir as necesidades de toda os habitantes do planeta, senón a mesma escaseza, a insatisfacción, que debe ser equitativamente distribuída.

Nenhum comentário: