II Fisión, que non fusión
Nunha recentísima conferencia, transcrita en sinpermiso, o grande economista L. Randall Wray dicía, con moita retranca: "Eu creo, como Jamie Galbraith, que a macroeconomía ortodoxa está acabada: o que pasa é que non tódolos zombis que a pratican recoñecen que están mortos". Ben podiamos aplicárllelo aos que eiquí, no Liliput galego e máis no circundante celtíbero, argallaron a fusión das "nosas" Caixas norte e sur nunha soa No.Ca.Ga. co lerio de que seica esa ía ser a solución á sua crise. Tamén aos políticos indíxenas out-siders do poder auto-anémico que entusiásticamente apostaron por esa receita -como certo dirixente do Bloque que, en resposta á miña razonada opinión disidente, retrucárame con este inapelábel argumento de autoridade: "Para acertar políticamente no asunto das Caixas non hai que saber economía, hai que ter olfato". Daquela, eu espuxera a miña análise e diagnose en cinco prédicas dominicais consecutivas, publicadas no GH entre o 15-XI e o 13-XII do 2009, nas que, con ostensíbel retranca tamén, eu comezaba por avisar que, no canto dunha "fusión", íase operar unha "fisión" das Caixas galegas. Inda así, nen caso. Vai alá ano e pico. Agora, á vista do que comeza a resultar evidente pra calquera que teña graduada a vista, inda que non teña olfato nen saiba economía, propóñovos re-visitar conmigo a segunda de aquelas miñas prédicas, na que daba resposta á pergunta retórica que enunciara na primeira -a saber, claro é: se habería fusión ou fisión. Velaí a tendes.
Pois si: fisión, que non fusión -qué con-fusión!. Vou polo atallo, para recuperar o tempo perdido co apagón do outro dia. Quero dicir que é un proceso de fisión, e non de fusión, o fenómeno que, encubertamente, se pretende desencadear coa solerte cerimonia da confusión montada arredor do asunto das "caixas". Nese enguedello inestricábel para nós, as xentes do común, o que está en xogo é a desintegración da estrutura nuclear do peculiar modelo de entidades financeiras que aínda son as "caixas populares de aforros", como deseño nidiamente diferenciado, e mesmo orixinariamente antitético na súa índole, da banca privada dentro do universo dos chamados "intermediarios financeiros". Simultaneamente, trátase de que esa desintegración aniquile o único instrumento de intermediación de que dispoñen institucións políticas de poder autónomo como as galegas, para vehiculizaren unha política crediticia concebida en clave de desenvolvemento socioeconómico endóxeno do país que gobernan, e non das metrópoles coloniais do imperio e as súas sucursais. Como eses dous obxetivos desintegradores son socialmente inconfesábeis e, no marco constitucional vixente, indefendíbeis, os poderes financeiros e políticos celtíberos que pretenden semellante aduanada fan aplicación do moi castelán requilorio de "aprovechando que el pisuerga pasa por vaya-usté-saber-donde", e utilizan para os seus renartes fins o pretexto dos desperfectos causados pola crise enxendrada en e por "a globalización financeira" na finca particular dos intermediarios idem: redimensionemos, concentremos, centralicemos! -é a imaxinativa consigna, tan vella, monótona e reincidente como a história mesma do capital bancario e financeiro e a famosa "destrución criativa" schumpeterián, ou sexa, destrución social criativa de lucros para os destrutores. E hala!. Recéitanse os mesmos fármacos que inocularon a doenza e enxendraron a crise-pandemia -a que eu ousaría chamar "o SIDA financeiro" deste período de entre-séculos. E para despistar, como nas obras públicas, póñense grandes cartaces que avisan: "Fundimos pra vostede, desculpen as molestias" -no canto de "Afundímolos a vostedes, é o noso interese", que sería veraz pero suicida. O caso é que a xente non se decate de que se volve tentar remediar o rebentón dunha "borbolla" financeira insuflando ar noutra meirande -e de que eses fármacos empezoñan, no canto de curar. Mais, ben pensado, vaiamos por partes e amodiño, que as présas non valen se queremos desencerellar o enguedello.
*****
A índole das "caixas", primeiro. É ben sabido, mais convén recordalo, poisque disto nen se fala -mellor dito, silénciase coidadosamente- polos protagonistas da cerimonia de confusión, é dicir, os poderes promotores do proceso de "reconversión" desintegradora da estrutura nuclear dese tecido financeiro. En orixe, as caixas nacen no seo e no espazo social das clases populares sometidas ao poder do capital e á sua lóxica -esplotación, lucro, apropiación e acumulación do valor excedente enxendrado polos que só dispoñen da sua forza de traballo nas relacións de produción e distribución capitalistas. Nacen como tantas outras fórmulas e artiluxios de auto-defensa das clases traballadoras e subalternas, sexan cooperativas, mútuas, pósitos e así seguido. Un repertorio de fórmulas e trebellos de morfoloxía moi diversa, mais moi análogos na súa índole medular: a finalidade social e non mercantil, a lóxica da cooperación e non da competición, da cobertura de necesidades e non do lucro empresarial. No seu deseño orixinario, as caixas son institucións alternativas á banca capitalista: nacen como "fundacións", non como "empresas"; como entidades de aforro para os que teñen pouco que aforrar, de crédito para os que teñen pouco co que responder, ao sumo algo que hipotecar, obxectos que pignorar -de aí a sua frecuente simbiose orixinaria de funcións como "caixas populares de aforro" e "montes de piedade". As fórmulas populares de institucións de aforro, creto ou axuda mútua varían conforme ás diferentes clases sociais conexas con distintos espazos e culturas de actividade produtiva primordial, mais teñen en común a índole da sua lóxica pre-capitalista ou non-capitalista. Conviría revisitar as páxinas de "El crédito agrícola", a monumental obra en sete tomos de Joaquin Díaz de Rábago, contemporáneo e amigo de Brañas, concebida no contexto da Galiza finisecular do dezanove, maiormente labrega, mariñeira e artesán, só xerminalmente obreira, para comprendermos o escenario social que dota de sentido ao fenómeno peculiar das caixas de aforro nos medios populares urbáns.
Ben sei: hai unha distancia sideral antre o que eran as caixas nas orixes e o que son agora -se fosen como daquela, non serían presa cobizada por poderes bancarios e políticos nen, xa que logo, se tecería enguedello ningún para reconvirtilas, desintegralas e engulilas no buraco negro da rediviva globalización financeira. Mais, precisamente, se o "cartel" dos banqueiros e políticos coaligados en santa alianza arma esta de-dios-es-cristo para engulilas e dixerilas, é mesmamente porque resultan ser un "corpo estraño" na anatomía do moloch financeiro, unha substancia perturbadora da fisioloxía do seu sistema circulatorio. É porque, malia todalas metamorfoses experimentadas no seu xigantesco proceso de crecemento, a natureza esencial orixinaria das caixas, o seu código xenético, segue a estar impreso na sua estrutura nuclear -e resulta incompatíbel coa lóxica da chamada "finanzarización" ou, digámolo en prata, o predominio da especulación, que determina a dinámica dos actores e os mercados financeiros no actual sistema globalizado. Quero dicir: as caixas non son entidades mercantís con fins de lucro; non son sociedades anónimas por accións; non reparten beneficios en forma de dividendos aos accionistas; non cabe nelas que unha familia ou un grupo minoritario controle a maioría do capital, a xunta de accionistas e o consello de administración; os excedentes obtidos na sua actividade -o equivalente dos beneficios empresariais- só poden destinarse a gastos e/ou investimentos en "obra social" ou a reservas; na sua estrutura orgánica teñen representación -con variantes segundo sexa a sua constitución fundacional- diversos sectores sociais, empresariais e laborais, e máis, no seu caso, institucións polìticas de goberno locais ou territoriais... Iste, cando menos, é o deseño institucional das caixas: igualiño ca un banco calquera, o do botin ou calquer outro, non si?. Fóra lerias: as caixas son, teórica e legalmente, un instrumento potencialmente perfeito para unha política financeira de benestar económico e social ao servizo dos cidadáns nunha sociedade e un rexime político democráticos. Por riba, o Estatuto de Galiza, no seu artigo 30.5, atribúille ao Parlamento e o Governo (Xunta) galegos a competencia exclusiva na regulación das "institucións de crédito corporativo, público e territorial, e Caixas de Aforros". Comezades a pillar o fío do enguedello, xentes galegas do común coma nin?
O problema real das "caixas", no seu trasunto profundo, é político, e non financeiro, menos aínda técnico-financeiro -malia que sexa financeiro o factor desencadeante dos "apuros" polos que están a pasar. Factor desencadeante non enxendrado, por certo, no eido peculiar das caixas, senón da banca privada. E non da banca periférica, senón da xigantesca banca ínsita no corazón do Sistema Dólar-WallStreet -en termos do xenial Peter Gowan finado este verán- que afundiu o ano pasado coma o Titanic, e polo mesmo ca o Titanic: por soberbia temeraria dos seus comandantes. Certo que o andacio pegou tamén nas caixas, en diferente medida segundo os casos: precisamente tanto máis canto máis se afastaran dos comportamentos congruentes coa lóxica da súa específica natureza peculiar, e tamén canto máis fixeran incursións no mercado internacional do diñeiro e se aventuraran nos tipos de operacións que resultaron ser irresponsábeis e causantes do rebentón do sistema financeiro mundializado -e falaremos algo disto no sucesivo, se me permitides proseguir coas entregas destas miñas matinacións.
Mais o cerne do problema das caixas é político, insisto. En dúas dimensións, cando menos, que hoxe limitareime a enunciarvos. Unha, a reacción dos poderes políticos ante a crise: no canto de encetaren unha liña tan sequer reformista, de retorno a esquemas neo-keynesiáns -por caso, na versión green new-deal propugnada polo Nobel Stiglitz e compañeiros mártires- de regulación macroeconómica da demanda e oferta globais, o sistema monetario e os mercados de capitais, no canto diso, digo, teiman no recetario ultra-liberal que fracasou clamorosamente nos tres últimos decenios. E así, no canto de aproveitaren a ocasión para restauraren as funcións de economía social que son xenuínas das caixas, empúrranas cara o rego da banca de negocios desregulada ou con regulacións feitas a medida da sua depredadora cobiza. Outra, o proceso de liquidación e derruba do famoso Estado constitucional das Autonomías, que está en curso no contexto da creba do "pacto constitucional" e descomposición do actual réxime político: porque as competencias autonómicas dificultan institucionalmente a homeneixación e uniformización do "mercado único" en clave ultraliberal, tanto no ámbito interno do Estado español coma en canto peza desa Unión Europea filla bastarda do antidemocrático Tratado de Lisboa. Nesa operación está, como xefe de brigada da fontanería doméstica celtíbera, o tal Fernández Ordóñez -ese quiste reaccionário, resíduo franquista "neo-con", que constitúe unha vergoña pública para un governo que se pretende socialdemócrata. Mais dixen que só ía enunciar esas duas dimensións, e vou cumprir: paro por hoxe. Deica o día que vén.
Nenhum comentário:
Postar um comentário