23/02/2011

A cultura e a comunicación nun contexto de privatización da información

Raúl Asegurado Pérez, membro da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño.

http://blogs.ua.es/kant/files/2009/08/cultura.jpg
A cultura entendida no senso gramsciano de organización persoal que axuda a un apoderamento da personalidade propia, unha conquista de superior consciencia pola cal chégase a comprender o valor histórico que un ten, a súa función na vida, os seus dereitos e os seus deberes, sitúanos de cheo na responsabilidade da administración pública de garantir a relación fluída entre o colectivo e o persoal en canto a produción, intercambio, aceso, etc… de cultura, na forma máis ampla entendida.

Unha sociedade cun nível cultural alto é aquela que é capaz de, por medio de múltiples mecanismos de expresión (produtivos, lecer, ensino, arquitectónicos, etc…) crear os espazos que dean resposta a súa consciencia colectiva de forma crítica (por sentirse protagonista) e dinámica (ao ser inevitabelmente plural). Mais o ultraliberalismo pretende un adormecemento da sociedade, unha baixa consciencia colectiva e un castramento do seu dinamismo. É por iso, que o sistema de dominación dirixa os seus esforzos en dinamitar o aceso á cultura en todos os seus ámbitos, controlando os medios de comunicación de masas e impedindo a viabilidade de proxectos disonantes co seu discurso. Moitos son os exemplos de como na Galiza vivimos este proceso de homoxenización desideolóxica dun mundo plural e diverso, comezando polo contínuo ataque á lingua e as nosas expresións culturais e artísticas máis elementais. (Como a destrución de libros en galego como vivimos nas escolas e institutos este curso).

Neste contexto vimos de viver a desaparición de varios medios de comunicación dos que a sociedade galega se dotara durante anos, o uso bazófico da canle pública galega e da maioría das emisións televisivas que podemos ver no noso país, repetindo machaconamente un discurso de defensa duns valores capitalistas e ultraliberais (consumismo, elitismo, etc…) que van callando pouco a pouco na construción social da realidade, e nesa mesma liña, a lóxica da privatización da cultura coa aprobación da chamada “lei sinde” dá un paso máis.

Debemos facer cultura, crítica e dinámica, que desenmascare a profundidade do discurso do sistema de dominación, apoiar a liberdade de expresión e a súa pluralidade, defender o dereito de aceso á cultura como un dereito fundamental persoal e colectivo, e colaborar na consolidación de proxectos autónomos e xenuínos que doten á sociedade galega de mecanismos de información, debate, análise, etc…, facendo especial fincapé na responsabilidade da administracion pública dos fondos económicos destinados a tales fins e da xestión dos medios públicos de información.

Nenhum comentário: