01/04/2011

FSM: o Sur no Norte, o Norte no Sur

Manoel Santos. Artigo tirado de aqui.


“O noso Norte é o Sur”. Con este lema iniciaba o 24 de xullo de 2005 as súas transmisións a canle Telesur –hogano participada por Arxentina, Bolivia, Cuba, Ecuador, Nicaragua, Uruguai e Venezuela–, que pretendía, e pretende, servir de contrapeso en América latina ás grandes canles internacionais de noticias, como CNN, Fox e Univisión, e a poderosísimos grupos, como Cisceros, Prisa, Televisa e Clarín

En moitos dos países do subcontinente estas corporacións paparon historicamente até o 98 por cento das audiencias, de xeito que, como dixo Eduardo Galeano na presentación da dita canle, “os latinoamericanos foron obrigados durante 513 anos a mirarse a si mesmos cos ollos de outros”.

O lema de Telesur é ben significativo, por canto delata a toma de conciencia de moitos pobos latinoamericanos ao respecto do dominio e explotación do Norte xeopolítico, do centro do sistema-mundo. Unha toma de conciencia que, non sendo nova, ten adquirido maior relevancia nas dúas últimas décadas, que coinciden coa aplicación unilateral e salvaxe do capitalismo no planeta, o que chamamos neoliberalismo.

Deste xeito, dende finais da década de 1990, e con especial incidencia en América latina, prodúcense dous feitos que non poden ser unha simple coincidencia. Por unha banda o xurdir dunha conciencia global contra o neoliberalismo, a xerada polos movementos antiglobalización dende o levantamento zapatista en Chiapas en 1994; ao que seguiron as grandes mobilizacións contra as institucións financeiras internacionais (IFI) –OMC, FMI, Banco Mundial–, contra os lobbies de países ricos –G7, G8, G20– e contra as transnacionais; e paralelamente o nacemento do (FSM) en Porto Alegre en 2001.

Pola outra banda, o acceso ao poder en moitos países de forzas políticas –as mais das veces apoiadas por fortes movementos sociais, como aconteceu co Pacto de Unidade que apoiou ao MAS en Bolivia ou o MST en Brasil– que deciden rachar coa secular submisión dos gobernos do Sur a respecto dos do Norte e que mesmo liquidan as pesadas cargas impostas polas IFI e os seus plans –ou chantaxes– de , como fixeron Ecuador, Venezuela, Brasil e Arxentina.

Os dous procesos á xunta produciron entre outras cousas o desprestixio máis absoluto das IFI e tamén a entrada destas en crise. Os escándalos de corrupción agromaron entón no Banco Mundial e o FMI entrou nunha carencia “de liquidez” sen precedentes. Os seus ingresos baixaron de 3.190 millóns de dólares en 2005 a só 635 millóns en 2009, de xeito que no cumio do G20 de abril de 2009 en , os “líderes” mundiais decidían rescatalo cuadriplicando a súa capacidade financeira a un billón de dólares.

O FSM e a inversión polar

Malia que a hexemonía ultraliberal non foi nin moito menos derrotada polos movementos antiglobalización, ou altermundistas, estes lograron en só unha década discutir o seu dominio, o que non é pouco. O Sur xeopolítico reivindícase coma nunca antes na historia. Aínda que o , esa xigantesca rede de redes que está a mudar aos poucos o ambiente ideolóxico do planeta, é moito máis que o FSM, a asemblea dos cidadáns da terra que se celebra centralizada cada dous anos mais que ten innumerábeis apéndices en foros rexionais e temáticos case que todos os días; este serve dalgún xeito como catalizador, como aglutinador das experiencias alternativas que van xurdindo no seo do activismo, como xerador dun discurso global antihexemónico e, xa que logo, é un fabuloso termómetro do estado dos movementos e tamén da súa antítese, o ultracapitalismo.
 La Jornada
No que vén de se celebrar en () entre o 6 e 11 de febreiro, coa presenza de case 80.000 activistas de 132 países e moitas nacións sen Estado, que teñen o seu propio espazo no FSM, revelouse coma en ningún outro como a procura dese outro mundo posíbel, ou deses outros mundos posíbeis, segue a avanzar e nos permite ser cando menos semi-optimistas, como escribía estes días o sociólogo estadounidense Immanuel Wallerstein no xornal mexicano , todo un referente para o movemento de movementos.

Certo é que o ultraliberalismo se está a manifestar na súa forma máis agresiva nestes tempos de multicrise, mais existen bastantes indicadores, e o FSM é un deles, que manifestan que o (des)equilibrio Norte-Sur en termos de hexemonía, quer política, quer social e mesmo económica, está a mudar aos poucos. Como afirmou Xosé Manuel Beiras en Dakar, estase a producir, como aconteceu xa unha vintena de veces nos últimos cinco millóns de anos no planeta coa inversión do campo magnético terrestre, unha virada na hexemonía mundial: “cada vez máis, o Norte é o Sur e o Sur é o Norte”, dixo. Varios son os sinais que confirman esta tendencia.

Así, mentres os mandatarios do Norte gobernan agoniados polos seus déficits públicos, as súas débedas, o seu desprestixio e un descontento social crecente, tan só paliado polo silencio informativo –as folgas seguen en Grecia, a indignación medra en Islandia, a emigración volve sacudir Irlanda, etc.–, no Sur os gobernantes de esquerda van cada vez máis da man dos movementos sociais. Boa mostra disto foi a presenza en Dakar do presidente de Bolivia, Evo Morales, que foi convidado a falar no acto inaugural, do ex presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, e doutros mandatarios africanos. O de Lula é ben significativo porque, malia que deixou a presidencia cun grao de popularidade e lexitimidade a nivel nacional e internacional sen precedentes, escolleu a órbita do FSM para súa reaparición a nivel mundial logo de ser sucedido por Dilma Rousseff. Non reapareceu na ONU, nin en Davos nin achegado ás xuntanzas do G20. Foi en África e no FSM. Aló embaixo son conscientes da importancia deste tipo de movementos para a emancipación dos seus países e as súas xentes. E as xentes están con eles.

Se esta inversión do campo hexemónico mundial é patente a nivel político tamén o é a nivel social. Mentres no Norte se produce unha agresiva recesión ou total perda de moitísimas conquistas sociais adquiridas no último século; en moitos países do Sur, co indiscutíbel liderado dos latinoamericanos, avánzase coma nunca antes na historia na liberación social. Algúns dotáronse de leis e mesmo de constitucións extremadamente progresistas. Tal é o caso das Constitucións de Bolivia e Ecuador. E en todos os casos as estatísticas de progreso social son abraiantes. O propio Lula gabábase disto en Dakar: “A partir de 2003 Brasil afastouse do neoliberalismo e emprendeu un novo modelo de desenvolvemento que permitiu redistribuír moita renda. Tiramos do limiar da pobreza a 28 millóns de persoas e inserimos a 35 millóns na clase media na meirande mobilización social da nosa historia”.
A isto hai que engadir a saúde da mobilización social. Atenuada e mesmo desactivada absolutamente no Norte, onde os movementos sociais son case residuais e os foron absorbidos polas estruturas de poder, no Sur as organizacións sociais –e tamén sindicais– medran acotío.

África, á que por terceira vez chegaba o FSM para precisamente apoiar os seus movementos, é unha extraordinaria mostra disto. O día 6 de febreiro, nunha abraiante marcha inaugural de 70.000 persoas, mesturáronse as cores de decenas de movementos feministas co verde da Vía Campesina, os berros dos sen voz –sen vivenda, sen terra, sen traballo…– coas reclamacións dos pescadores artesanais, os colectivos defensores dos migrantes, as loitas contra o acaparamento de terras e os transxénicos, as campañas anti-débeda, os defensores do comercio informal, as propostas ecoloxistas… África en movemento. Un movemento extraordinariamente vivo que celebrou os procesos revolucionarios que se estaban a producir no Norte de África, pero no Sur do planeta. Dende América latina a África e tamén en moitas partes de Asia os movementos sociais gozan cada día de mellor saúde e camiñan cara a conquista duns dereitos que no Norte parecían endémicos.

O Sur ao rescate

Que os procesos políticos, sociais e mesmo de liberación económica vaian a máis no Sur e estean en crise no Norte non é unha simple sensación. De feito, o campo preferido polo FMI para os seus axustamentos estruturais tamén mudou en vertical, de xeito que moitos países europeos están agora á mercede das esixencias destas mafias mundiais de prestamistas que son as IFI. Se a partir da crise do petróleo de 1973 e a posterior crise da débeda o FMI e o Banco Mundial obrigaron a moitos países do Sur, para seren rescatados, a aplicar agresivas medidas liberalizadoras que sumiron as súas poboacións na débeda e na miseria, agora é o corazón do sistema o damnificado, o que ten que ceder, endebedarse e vender soberanía a custa dos dereitos sociais.

O Consello Internacional (CI) do FSM reuniuse en Dakar os días 12 e 13 de febreiro para facer balance e tamén para pór sobre a mesa a posibilidade de celebrar o evento de 2013 no Norte. Unha nova xuntanza en maio, en París, se cadra serve para tomar a decisión definitiva. “En solidariedade coas medidas de axustamento que están a sufrir as súas xentes”, díxome Cândido Gryzbowski, director do Ibase brasileiro e unha das máis influentes voces do CI. Se cadra un movemento como o que rodea o FSM, xurdido no Sur hai 10 anos, podería servir para cando menos reactivar os narcotizados e sobre todo atomizados movementos sociais do Norte. A terra xira, mais sobre outro eixo.

Nenhum comentário: