04/12/2011

A gran regresión

Ignacio Ramonet en Rebelión


Está claro que non existe, no seo da Unión Europea (UE), ningunha vontade política de plantarlle cara aos mercados e resolver a crise. Até agora atribuíuse a lamentábel actuación dos dirixentes europeos á súa desmesurada incompetencia. Pero esta explicación (xusta) non basta, sobre todo despois dos recentes "golpes de estado financeiros" que puxeron fin, en Grecia e en Italia, a certa concepción da democracia. É obvio que non se trata só de mediocridade e de incompetencia, senón de complicidade activa cos mercados.

A que chamamos "mercados"? A ese conxunto de bancos de investimento, compañías de seguros, fondos de pensións e fondos especulativos (hedge funds) que compran e venden esencialmente catro tipos de activos: divisas, accións, bonos dos Estados e produtos derivados.

Para ter unha idea da súa colosal forza basta comparar dúas cifras: cada ano, a economía real (empresas de bens e de servizos) crea, en todo o mundo, unha riqueza (PIB) estimada nuns 45 billóns (1) de euros. Mentres que, no mesmo tempo, a escala planetaria, na esfera financeira, os "mercados" moven capitais por un valor de 3.450 billóns de euros. Ou sexa, setenta e cinco veces o que produce a economía real...

Consecuencia: ningunha economía nacional, por poderosa que sexa (Italia é a oitava economía mundial), pode resistir os asaltos dos mercados cando estes deciden atacala de forma coordinada, como o están facendo desde hai máis dun ano contra os países europeos despectivamente cualificados de PIIGS (porcos, en inglés): Portugal, Irlanda, Italia, Grecia e España.

O peor é que, contrariamente ao que podería pensarse, eses "mercados" non son unicamente forzas exóticas vidas dalgún horizonte afastado a agredir as nosas xentís economías locais. Non. Na súa maioría, os "atacantes" son os nosos propios bancos europeos (eses mesmos que, co noso diñeiro, os Estados da UE salvaron en 2008). Para dicilo doutra maneira, non son só fondos estadounidenses, chineses, xaponeses ou árabes os que están a atacar masivamente a algúns países da zona euro.

Trátase, esencialmente, dunha agresión desde dentro, vinda do interior. Dirixida polos propios bancos europeos, as compañías europeas de seguros, os fondos especulativos europeos, os fondos europeos de pensións, os establecementos financeiros europeos que administran os aforros dos europeos. Eles son quen posúen a parte principal da débeda soberana europea (2). E quen, para defender "en teoría" os intereses dos seus clientes, especulan e fan aumentar os tipos de interese que pagan os Estados por endebedarse, até levar a varios destes (Irlanda, Portugal, Grecia) ao bordo da quebra. Co consecuente castigo para os cidadáns que deben soportar as medidas de austeridade e os brutais axustes decidido polos gobernos europeos para acougar aos "mercados" voitres, ou sexa aos seus propios bancos...

Estes establecementos, polo demais, conseguen facilmente diñeiro do Banco Central Europeo ao 1,25% de interese, e préstanllo a países como, por exemplo, España ou Italia, ao 6,5%... De aí a importancia desmesurada e escandalosa do tres grandes axencias de cualificación (Fitch Ratings, Moody's e Standard & Poor's) pois da nota de confianza que atribúen a un país (3) depende o tipo de interese que pagará este por obter un crédito dos mercados. Canto máis baixa a nota, máis alto o tipo de interese.

Estas axencias non só adoitan equivocarse, en particular na súa opinión sobre as subprimes que deron orixe á crise actual, senón que, nun contexto como o de hoxe, representan un papel execrábel e perverso. Como é obvio que todo plan de austeridade, de recortes e axustes no seo da zona euro se traducirá nunha caída do índice de crecemento, as axencias de cualificación baséanse niso para degradar a nota do país. Consecuencia: este deberá dedicar máis diñeiro ao pago da súa débeda. Diñeiro que terá que obter recortando aínda máis os seus orzamentos. Co cal a actividade económica reducirase inevitabelmente así como as perspectivas de crecemento. E entón, de novo, as axencias degradarán a súa nota...

Este infernal ciclo de "economía de guerra" explica por que a situación de Grecia se ha ir degradando tan drasticamente a medida que o seu goberno multiplicaba os recortes e impuña unha férrea austeridade. De nada serviu o sacrificio dos cidadáns. A débeda de Grecia baixou ao nivel dos bonos lixo.

Dese modo os mercados obtiveron o que querían: que os seus propios representantes accedan directamente ao poder sen ter que someterse a eleccións. Tanto Lucas Papademos, primeiro ministro de Grecia, como Mario Monti, Presidente do Consello de Italia, son banqueiros. Os dous, dunha maneira ou outra, traballaron para o banco estadounidense Goldman Sachs, especializado en colocar homes seus nos postos de poder (4). Ambos son así mesmo membros da Comisión Trilateral.

Estes tecnócratas deberán impor, custe o que custe socialmente, no marco dunha "democracia limitada", as medidas (máis privatizacións, máis recortes, máis sacrificios) que os mercados esixen. E que algúns dirixentes políticos non se atreveron a tomar por temor á impopularidade que iso supón.

A Unión Europea é o último territorio no mundo no que a brutalidade do capitalismo é ponderada por políticas de protección social. Iso que chamamos Estado de benestar. Os mercados xa non o toleran e quéreno demoler. Esa é a misión estratéxica dos tecnócratas que acceden ás rendas do goberno mercé a unha nova forma de toma de poder: o golpe de estado financeiro. Presentado ademais como compatible coa democracia...

É pouco probable que os tecnócratas desta "era post-política" consigan resolver a crise (se a súa solución fose técnica, xa se resolveu). Que pasará cando os cidadáns europeos constaten que os seus sacrificios son vans e que a recesión se prolonga? Que niveis de violencia alcanzará a protesta? Como se manterá a orde na economía, nas mentes e nas rúas? Establecerase unha tripla alianza entre o poder económico, o poder mediático e o poder militar? Converteranse as democracias europeas en "democracias autoritarias"?

Notas





(1) Un billón = un millón de millóns.

(2) En España, por exemplo, o 45% da débeda soberana posúeno os propios bancos españois, e os dous terzos do 55% restante, os detentan establecementos financeiros do resto da Unión Europea. O cal significa que o 77% da débeda española foi adquirida por europeos, e que só o 23% restante áchase en mans de establecementos estranxeiros á UE.

(3) A nota máis elevada é AAA, que, a finais de novembro pasado, só posuían no mundo algúns países: Alemaña, Australia, Austria, Canadá, Dinamarca, Francia, Finlandia, Países Baixos, Reino Unido, Suecia e Suíza. A nota de Estados Unidos foi degradada, en agosto pasado, a AA+. A de España é actualmente AA-, idéntica á de Xapón e China.

(4) En Estados Unidos, Goldman Sachs xa conseguiu colocar, por exemplo, a Robert Rubin como Secretario do Tesouro do Presidente Clinton, e a Henry Paulson nesa mesma función no gabinete de George W. Bush. O novo presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi, foi tamén vicepresidente de Goldman Sachs para Europa de 2002 a 2005.

Fonte orixinal: http://www.monde-diplomatique.é/?url=editorial/0000856412872168186811102294251000/editorial/?articulo=1f197f01-9a45-4451-81b0-4ffe3a916e07

Nenhum comentário: