30/01/2012

Primeira valoración da XIII Asemblea Nacional do BNG

Tirado do site do Movemento Galego ao Socialismo (aquí).

O noso principal obxectivo nesta Asemblea Nacional era fundamentalmente contribuir ao debate de ideas, e así o fixemos durante todo o proceso asembleario, por medio das nosas intervencións sobre o informe de xestión, a defensa do noso voto particular e as diversas emendas que presentamos.

Así, temos que felicitarnos porque boa parte das nosas achegas foron incorporadas ao documento base. Salientamos a recuperación definitiva das Asembleas Nacionais abertas ao conxunto da militancia, a potenciación da acción social da organización, unha política de pactos non subordinada ao PSOE, a esixencia de que os nosos cargos públicos non participen en actos que contradigan os principios laicos e antimilitaristas ou a aposta pola presenza organizada do BNG nas comarcas da Galiza irredenta.

En definitiva, un traballo firme e construtivo de cara a reforzar unha liña política claramente soberanista e de esquerda para o conxunto do BNG, que contrastou coa actitude doutras correntes que renunciaron a exporen e defenderen o seu modelo político e organizativo para o BNG. O noso contributo foi participarmos activamente na asamblea, coa prioridade posta na defensa das nosas teses políticas e non na repartición de postos nos organismos.

Nun contexto extremamente polarizado, e no que se promocionou fundamentalmente o debate de caras e non o de proxectos, a candidatura do MGS obtivo un resultado que garante a nosa presenza na executiva e de aumentala no Consello Nacional. Só podemos xulgar positivamente que por primeira vez se consolide no seo do BNG un espazo político claramente soberanista, independentista e de esquerda con vontade maioritaria e con moito futuro.

Non vai faltar quen interesadamente pretenda valorar o resultado da Asemblea só en base á escolla dun ou doutro Portavoz Nacional ou candidato á presidencia da Xunta. Para nós, ese non era o debate central desta Asemblea, de feito criticamos abertamente o excesivo personalismo na escolla do candidato ás eleccións autonómicas. Porén, dado que ninguna das candidaturas maioritarias obtivo a maioría absoluta dos votos, non refugamos da nosa responsabilidade de tomar posición a respecto da elección do Portavoz Nacional en segunda volta.

Así, desde o MGS valoramos os dous compañeiros que se presentaban á Portavocía Nacional, mais pensamos que a recente actuación pública de deslexitimación do BNG por parte do compañeiro Xosé Manuel Beiras non está á altura do seu contributo histórico. Por outro lado, apreciamos o labor do compañeiro Guillerme Vázquez no período anterior, especialmente a nivel orgánico, e valoramos o seu respecto cara as posicións minoritarias, en concreto a que nós representamos, así como a súa contribución a reforzar neste tempo unha mensaxe política máis clara en defensa das clases populares e dos dereitos nacionais de Galiza. Non somos nós en todo caso os responsábeis de ter presentado esta asamblea como unha “batalla” polos cargos e non para debater a liña política da organización.

O certo é que chegamos a esta asemblea con un clima interno moi deteriorado pola formulación da propia asamblea como unha competición de “gañar” ou “perder”. Os resultados, moi igualados entre as dúas tendencias maioritarias fan temer que persistan estas dinámicas letais para a convivencia. Correspóndelles a aqueles que presentaron a asemblea nestes termos esforzárense agora para recuperar a confianza e a fraternidade necesarias.

En conclusión, faise necesario consolidar a tímida viraxe á esquerda iniciada na anterior Asemblea Nacional, desde o respeto ao pluralismo e desde o poder que emana da base militante, para facer do BNG un instrumento político verdadeiramente útil, para traballar a prol dun outro modelo económico e social e para trascender o actual marco xurídico-político e conquistar a soberanía da nosa nación.

Nenhum comentário: