25/10/2012

A guerra de clases nun futuro sen crecemento

Harold Meyerson. Artigo tirado de Sin Permiso  e traducido por Á revolta entre a mocidade. Harold Meyerson, columnista do diario The Washington Post e editor xeral da revista The American Prospect, está considerado pola revista The Atlantic Monthly como un dos cincuenta columnistas máis influíntes de Norteamérica. Meyerson é amais vicepresidente do Comité Político Nacional de Democratic Socialists of America e, segundo propia confesión, "un dos dous socialistas que podes encontrar camiñando pola capital da nación" (o outro é Bernie Sanders, combativo e lexendario senador polo estado de Vermont).




Supoñamos que o crecemento da economía norteamericana se retarda até quedar nunha pinga. Non me refiro ao próximos catro meses nin ao próximo ano, nin sequera á próxima década. Refírome de aquí en diante.

Ese é a previsión que fai o economista da Northwestern University, Robert Gordon, nun novo traballo [1] que foi obxecto de amplos comentarios. [2]

Escribe Gordon que se produciron tres revoluciones industriais nos últimos 250 anos: a primeira centrouse na máquina de vapor e os ferrocarrís; a segunda baseouse na enerxía eléctrica, o motor de combustión interna e a fontanaría doméstica; e a terceira afunde as súas raíces nos computadores e Internet. Ao substituir a forza humana pola potencia mecánica no proceso de produción e acelerar enormemente o transporte e a comunicación, afirma Gordon, a segunda revolución elevou a produtividade e a riqueza bastante máis que as outras dúas.

Certamente, as ganancias de produtividade en Norteamérica e o aumento correspondente da riqueza retardáronse en décadas recentes comparados cos niveis dos que historicamente gozaban os Estados Unidos. Internet, segundo escribe Gordon, está a incrementar a nosa capacidade de consumir máis que a nosa capacidade de producir, mentres que os beneficios da segunda revolución  .viaxes en avións a reacción, a urbanización, o control da temperatura no interior dos edificios - non están sometidos a unha grande mellora. De acordo con iso, sostén, un crecemento lento será a norma para o que resta deste século aínda novo. E debido a que a desigualdade económica retardará o noso progreso aínda máis, todo o mundo, salvo o 1% máis rico, verá o crecemento do seu consumo retardado até unha taxa anual de só o 0,2 %, un nivel bastante por baixo do que xulgamos que é a norma norteamericana, e incompatíbel co que pensamos que é o soño americano.

Se Gordon leva razón (e presenta unha argumentación plausíbel, aínda que sexa discutíbel)  entón desfarase a esencia mesma do excepcionalismo norteamericano. Os Estados Unidos son o único país do mundo cuxo existencia coincide coa da Revolución Industrial. Nacemos cando naceu o crecemento e desde hai moito tempo considerámolo un dereito de nacemento. Máis que ningún outro país, dependemos do crecemento para aliviar os nosos conflitos económicos. Unha Norteamérica sen crecemento por forza sera un país diferente, no que o conflito de clase será máis aberto, duradeiro... e necesario.


Poida que Gordon sexa demasiado pesimista achega do futuro da innovación, pero as súas proxeccións das constricciones que a desigualdade, a globalización e outros gravames presentarán ao crecemento parecen completamente plausíbeis. Se deu con algo, temos por diante décadas de estancamento. Que significará iso para nosa país e a nosa política?

Os tempos duros crean épocas de parvicie. Os norteamericanos poden atopar bodes expiatorios do estancamento, como xa fixeron moitos cos inmigrantes ou os sindicatos do sector público. Pero o estancamento permanente podería conducir así mesmo á creación dunha política de clase, que, de acordo cos parámetros doutros países, estivo en boa medida ausente da experiencia norteamericana -salvo no caso dos ricos. Posto que o crecemento retardouse nos 70, os ricos tentaron conseguir e conseguiron cambiar os códigos fiscais, as regulamentacións financeiras, as leis de gasto das campañas políticas e o poder de negociación colectiva dos traballadores, o que lles permitiu reclamar unha porción sen precedentes da produción do país.

O estancamento a longo prazo, no entanto, podería chegar a transformar esta guerra de clases unilateral nunha guerra de clases con dous bandos. Se se desvanece o crecemento - ou se os opulentos seguen reclamando unha porción tan inmensa da nosa riqueza que o crecemento desaparece para todo o mundo, salvo para eles - entón o único camiño que podería adoptar o 99% para mellorar a súa sorte sería explicitamente redistributivo.


Historicamente, as clases medias e traballadoras norteamericanas libraron moitas batallas parcial e indirectamente redistributivas, por suposto: cando o Movemento Progresista creou o imposto sobre a renda, cando o New Deal creou a Seguridade Social e outorgou aos traballadores o dereito a organizarse, cando a Gran Sociedade creou Medicare e a presente administración creo o Obamacare. Cada unha destas vitorias viuse precedida de anos de axitación sobre o terreo por parte de sindicatos, grupos de dereitos civís e, ocasionalmente, asociacións profesionais. Pero as mobilizacións tiveron ás veces as súas cousas. As súas vitorias foron incompletas no mellor dos casos ou acabaron cedendo (no concernente aos dereitos dos traballadores e a progresividad fiscal). As súas loitas nunca foron todo o explicitamente redistributivas que deberían ser se Norteamérica deixase de crecer.


Converter a distribución de riqueza e poder nun xogo de suma cero esixiría que eses grupos se centrasen máis radicalmente nun número reducido de grandes campañas - pór coto ás finanzas, aumentar a progresividade fiscal, financiar publicamente as eleccións, aumentar as prestacións sociais de bens elementais como a educación e a atención sanitaria, e nivelar o campo de acción dos traballadores que tentan organizarse. Con todas as fisuras raciais e culturais que dividen Norteamérica, o xurdimento dun movemento redistribucionista sería algo extraordinario. Pero considerando o lento crecemento e o estancamento da renda de décadas recentes, aínda cando os ricos seguían facéndose cunha parte cada vez maior da nosa riqueza, hai moito tempo que se precisa que xurda un movemento así.


Addendum: Abstract do texto aquí comentado de Robert J. Gordon ("Terminou o crecemento económico norteamericano? Unha innovación vacilante enfróntase a seis ventos en contra")

Este traballo [3] expón cuestións fundamentais sobre o proceso de crecemento económico. Pon en cuestión o suposto, case universal desde as achegas seminales de Solow na década de 1950, de que o crecemento económico constitúe un proceso continuo que durará sempre. Non houbo practicamente crecemento antes de 1750, e así pois non hai ningunha garantía de que o crecemento vaia a continuar indefinidamente. Así a todo, este traballo suxire que os rápidos progresos realizados nos últimos 250 anos ben poderían resultar un episodio único na historia humana. O traballo céntrase soamente nos Estados Unidos e considera o futuro a partir de 2007, simulando que a crise financeira non se produciu. O seu punto de partida é o crecemento do PIB real per cápita no país de fronteira desde 1300, o Reino Unido até 1906 e os Estados Unidos máis tarde. Nesta fronteira, o crecemento acelerouse despois de 1750, alcanzou a cima a mediados do século XX, e ha ir retardándose desde entón. Este traballo trata de "canto máis podería descender a taxa de crecemento de fronteira?"

A análise vincula períodos de crecemento lento e rápido ao desenvolvemento no tempo das revolucións industriais (RIs), é dicir, a RI1 (vapor, ferrocarrís) entre 1750 e 1830; a RI2 (electricidade, motor de combustión interna, auga corrente, retretes domésticos, comunicacións, entretemento, produtos químicos, petróleo) entre 1870 e 1900; e a RI3 (computadores, a Rede, teléfonos móbiles) entre 1960 e a actualidade. Mostra evidencias de que a RI2 foi máis importante que as demais e resultou en boa medida responsable de 80 anos de crecemento relativamente rápido da produtividade entre 1890 e 1972. Unha vez que as invencións derivadas da RI2 (aeroplanos, aire acondicionado, autoestradas interestatais) concluíron o seu ciclo, o crecemento da produtividade entre 1972-1996 foi moito máis lento que antes. Por contraposición, a RI3 reavivou só un crecemento efémero entre 1996-2004. Moitas das invencións orixinais e derivadas da RI2 só podían suceder unha vez: a urbanización, a velocidade no transporte, a liberación das mulleres do arduo traballo de carrexar toneladas de auga ao cabo do ano, e o papel da calefacción central e o aire acondicionado para conseguir unha temperatura constante ao longo do ano.

Aínda cando continúe a innovación no futuro ao ritmo das décadas anteriores a 2007, a EE.UU. enfróntanse a media ducia de ventos en contra que están en proceso de lastrar o crecemento económico na metade ou menos da taxa do 1.9 % anual experimentada entre 1860 e 2007. Entre eles cóntanse a demografía, a educación, a desigualdade, a globalización, a, enerxía/medio ambiente, e o exceso de débeda dos consumidores e o Estado. Un provocador "exercicio de substracción" suxire que o futuro crecemento do consumo per cápita para o 99 % de distribución da renda podería caer por baixo do 0.5 % anual durante un período de varias décadas.

NOTAS: [1] Robert J. Gordon, "Is U.S. Economic Growth Over? Faltering Innovation Confronts the Six Headwinds", NBER Working Paper nº 18315, agosto 2012, http://www.nber.org/papers/w18315
[2] Martin Wolf, "Is unlimited growth a thing of the past?", Financial Times, 2 de octubre de 2012 ; Robert J. Samuelson, "The great Reversal", The Washington Post, 8 de octubre de 2012 .
[3] NBER Working Paper No. 18315, agosto de 2012. 
Postar um comentário