26/10/2012

Porque a dereita non ve (ou non quere ver) a relación entre pobreza, depresión e suicidios?

Sergi Raventós. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Á Revolta entre a mocidade, proxecto de formación e contra-información en galego aberto á colaboración e participación. Véxase tambén o artigo publicado neste blogue e directamente relacionado co presente artigo: "Ultraliberalismo e suicídio" de Héctor Rodríguez VidalAntom Fente Parada (11/4/2012).

Amais, na Galiza, Xosé Manuel Beiras, que encabezou - como é ben sabido- a coalición electoral Alternativa Galega de Esquerdas-, situou na cerna do debate durante a campaña a relación entre recorten en sanidade e morte. En Grecia desde a entrada da troika o descenso da esperanza da vida foi alarmante, em palabras de Beiras "Feijoo mata máis xente que ningún grupo terrorista do Estado" (aquí). Isto xerou un cruce de acusacións que sitúaron a Beiras, aos ollos das galegas e dos galegos, como auténtico lider da oposición. Os mercenarios do grande capital como Cospedal, na típica falacia ad hominem da dereita ultraliberal e reaccionaria, retrucou que Beiras "perdeu o xuízo" (aquí) e que "non estaba capacitado" (aquí). Pola súa parte, Esperanza Aguirre tamén entrou na polémica: " Beiras debería visitar a su médico, porque lo veo un poco desatendido" (aquí). A resposta de Beiras (aquí) foi "aos imbéciles e escuros non lle fago caso". O caso demostrou a dificultade da dereita para contrarrestar evidencias que toda a cidadanía percibe perante a oposición do BNG ou do PSOE centrada en dados crípticos para a cidadanía. 



Recentemente conmemoráronse os días mundiais da saúde mental e da pobreza. O día mundial da saúde mental é o 10 de outubro e xa levan 20 edicións e o día para a erradicación da pobreza é o 17 de outubro e con esta son 19 os anos desde que o institucionalizou a Asemblea xeral da ONU. Estes días mundiais serven habitualmente para lembrar, informar, explicar, reivindicar e/ou denunciar a situación a escala mundial de diferentes realidades xa sexa da pobreza, da SIDA, do medio ambiente, da visión, do Alzheimer ou da saúde mental entre outras moitas. Son, na maioría de casos, actos moi institucionalizados nos que entre outras cousas poden lucirse os representantes da clase política facendo discursos grosos e de face á galería. En ocasións aparecen algúns estudos interesantes e noticias actualizadas da situación a conmemorar.

Este ano o tema central que se escolleu para o día mundial da saúde mental foi a depresión. A depresión, como é sabido, non é transmisíbel e pode afectar a calquera, a xente nova e a maiores e é unha das enfermidades de máis ampla distribución. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) estímase que actualmente hai uns 350 millóns de persoas afectadas a nivel mundial e, segundo algúns estudos, unha de cada dez persoas presenta depresión maior e case una de cada cinco tivo o trastorno nalgún momento durante a súa vida.

A depresión preséntase habitualmente con estados de ánimo moi baixos, perda de interese, sentimentos de culpa, baixa autoestima, alteracións do soño e apetito, mala concentración, etc. Acompáñase tamén de estados de ansiedade. Estes trastornos poden volverse crónicos e levar a dificultades serias para poder realizar as tarefas diarias. É moi importante saber que a recuperación desta enfermidade é posíbel e alcanzábel aínda que nalgúns países os medios dispoñíbeis son escasos e os recortes sanitarios están a dificultalo considerabelmente. Hai, está claro, tamén diferentes formas de depresión, mais de todo iso non imos tratar neste artigo.

Infórmase nun documento (1) realizado para o día mundial pola Federación mundial para a saúde mental que a situación económica levou nos estados desenvolvidos a un aumento do desemprego, as débedas e a inseguridade económica, o cal resulta nun incremento da depresión na poboación. Así pois vai xurdindo cada vez máis evidencia a partir de diversas crises anteriores (de EEUU, Asia, a antiga URSS) e a actual que hai unha asociación entre a crise e a psicopatoloxía e particularmente a depresión e o suicidio (2).

A diferenza entre unha tristeza normal e a depresión é importante. De maneira que, fronte a circunstancias adversas como a morte dun ser querido, a perdida de status social, a humillación, as perdas económicas, etc. espérase unha resposta psicolóxica que é por suposto normal. "O que sería anormal é que o noso estado de ánimo non se alterase neste tipo de situacións de risco. Unha falta de reacción a unha situación deste calibre talvez sería máis propia dun organismo do reino vexetal que non dun ser vivo sofisticado cognitivamente como o ser humano" (3). Así pois, é importante diferenciar entre unha resposta adaptativa dunha resposta disfuncional, a pesar da dificultade en facelo.

Esta é unha enfermidade na que é moi importante un enfoque interdisciplinar en saúde mental e na que se traballe conxuntamente en equipo profesionais do campo da Psicoloxía, do Traballo Social, a Enfermaría, a Educación Social, a inserción laboral, etc. e onde non haxa unicamente só psiquiatras administrando medicación (4) para poder dar resposta a esta realidade complexa.

Relación entre pobreza e depresión

No mesmo documento recoñécese que as persoas que viven preto da liña de pobreza e con baixos ingresos están sometidas a unha grande tensión psicosocial, e tamén que a través da influencia dos pais pode afectar á saúde mental dos nenos, o cal pode levar a déficits no desenvolvemento cognitivo, emocional e físico dos mesmos. Así mesmo o desemprego, o empobrecemento e as distorsiones familiares teñen probabilidade de producir ou precipitar unha serie de problemas de saúde mental como depresión, alcoholismo e suicidio. Un tráxico exemplo que se destaca serían os suicidios en masa de agricultores na India tras a reforma da agricultura a mediados da década dos 90.

Nun estudo moi detallado sobre os custos da depresión realizado pola Generalitat de Catalunya editado en marzo do 2011, xa co goberno de CiU, apúntase que hai unha clara asociación entre depresión e ansiedade, a probabilidade de estar no paro e un uso máis frecuente de servizos, e isto pode asociarse a un custo máis elevado. Así mesmo a depresión relaciónase coa pobreza, o paro e outros factores (5).

Sobre a pobreza

Coincidindo co día mundial da pobreza cifrouse en máis de 1.000 millóns as persoas que viven con menos de 1 dólar ao día; 30.000 nenos de menos de 5 anos morren a diario de doenzas que puidesen ser evitadas e máis de 500.000 mulleres morren cada ano durante o embarazo ou no parto.

Polo que respecta a Catalunya nun estudo da Deputación de Barcelona que se elabora cada 5 anos móstrase que un 29,5% dos cataláns son pobres (uns 2.200.000), superando á media da UE que é do 21,6%. Un 39% das familias non pode permitirse nin unha semana de vacacións ao ano e o 12,7% non pode permitirse a calefacción (6). [Nota do tradutor galego: na Galiza un de cada 5 galegos viven instalados na pobreza]

Crise e suicidios

 Segundo unha información aparecida este mes en La Vangardia (7), o suicidio xa é a primeira causa de morte dos cataláns de entre 30 e 44 anos e a segunda causa entre os mozos de 15 a 29. Desde o ano 2007, o inicio da crise, hai unha tendencia á alza. No 2007 foron 3.263, no 2008, 3.453 e no 2009, 3.429. Chegouse a cuantificar que por cada incremento do 1% de desemprego dáse un 0,79% de aumento nos suicidios dos menores de 65 anos.

Hai tempo que os suicidios superan aos mortos por accidentes de tráfico e non se fala diso nin a décima parte do que se fala no caso dos accidentes de tráfico. Por cada suicidio consumado, prodúcense un vinte errados, polo que unhas 60.000 persoas mostran cada ano algún tipo de conduta suicida en España. En todo o mundo suicídanse aproximadamente un millón de persoas (8).

A lectura da dereita política

A pesar destas terríbeis estatísticas e da asociación manifesta entre pobreza, depresión e suicidios realizada por diversas axencias e mesmo polo mencionado estudo da Generalitat de Catalunya, o Sr. Boi Ruiz como Conseller de sanidade do actual goberno de CiU manifestou no acto central do día mundial da saúde mental (entre pacientes, familiares, entidades, profesionais...) realizado este ano en Sabadell e segundo o mesmo diario barcelonés máis arriba citado (nada sospeitoso de crítico co goberno de CiU), que isto "acentúase polo descenso dos accidentes de tráfico, que fixeron reducir o número total de falecidos nesas franxas de idade na estrada". É unha cuestión só de ranquin de mortes? E as causas? Cales son os motivos para que suceda isto? Que desesperación leva a unha persoa a tirarse a vida?

Non é a primeira vez que a posición deste membro do goberno de Catalunya cando trata de temas de saúde que teñen unha clara compoñente social e política tira bólas fóra ou ben acode ao manido estilos de vida e á xenética do individuo. Sen ir máis lonxe aínda se lembra o escandaloso comentario do 25 de outubro do pasado ano cando manifestou nunha entrevista que "a saúde é un ben privado e depende dun mesmo e non do Estado, xa que esta depende do código xenético, dos seus antecedentes familiares e dos seus hábitos". A tormenta que desatou foi maiúscula e mesmo Amnistía Internacional emitiu un comunicado lembrando que o dereito ao máis alto nivel posíbel de saúde, tanto física como mental, é un dereito contido en numerosos instrumentos internacionais de dereitos humanos, dos cales o Estado español é parte, e por tanto, está obrigado a cumprilos.

No Informe da Comisión de Determinantes Sociais da mesma OMS do 2008 que tivo un impacto mundial moi considerábel púxose de manifesto que "a acumulación tóxica de factores sociais inxustos e evitábeis, como a desigualdade económica, a precariedade laboral, a contaminación ambiental, a inseguridade alimentar, non ter unha vivenda digna, ou a falta de participación e democracia" dana a saúde e crea inequidades. A Comisión nomea a estes e outros determinantes como son as pensións, o nivel educativo, as desigualdades entre homes e mulleres (o traballo reprodutivo e en especial a violencia contra as mulleres) e a participación social e política, as "causas das causas" da saúde e a inequidad en saúde.? (9)

As declaracións do Sr. Boi Ruiz son todo un exemplo de como a ideoloxía ultraliberal vai en contra da investigación científica e dos estudos e informes sobre a importancia dos determinantes sociais na saúde. Cando non reman a favor da súa corrente, estes representantes dos intereses do sector privado elúdenos ou ningunéanos, mais nin moito menos o Sr. Ruiz está só nesta ofensiva. No ámbito académico, en revistas ultraliberais ou en laboratorios de ideas (think tanks) conservadores realizouse unha valoración negativa e moi crítica do Informe da Comisión dos Determinantes Sociais da OMS por diversos motivos: por non ter en conta o papel fundamental do crecemento económico e a globalización, desacredítase tamén o papel beneficioso da protección social, repróchase que non se valore a importancia da responsabilidade persoal sobre a saúde ou as liberdades individuais ou ben se descualifica academicamente, entre outras críticas (10).

En relación aos aspectos relacionados coa pobreza tamén vén sendo habitual entre a dereita un discurso de culpabilizar ao pobre como sospeitoso de nugalla e de dilapidar o diñeiro público, como se puxo de manifesto o ano pasado cos recortes da Renda Mínima de Inserción en Catalunya. A intervención do Conseller de Empresa e Ocupación aínda resoa nas paredes do Parlament de Catalunya como unha das intervencións máis brutais contra os pobres que se escoitaron xamais na historia recente. Mena, que así se chama este Conseller, debuxaba un panorama funesto no que se perdeu "o espírito do programa da RMI", que "atrapa á xente na cronicidade e o lumpenproletariado", equiparou a inmigración (sobre todo a magrebí) con fraude e puxo como mostra que algo non funciona cando a RMI "cóbraa xente de até 104 nacionalidades", caricaturizou tamén a algúns perceptores da RMI como suxeitos que se gastan o diñeiro -en telefonía, en veterinarios ou mesmo en ONG's- ou se estrañou que "algúns volveron doutro país a cobrar o talón", ou mesmo "un que cobra unha RMI que é fillo dun directivo dunha multinacional"... (11).

 Nesta mesma liña de visión dos pobres tamén o pasado 5 de outubro o xornal El País nun artigo (12) titulado "Culpables de ser pobres" analizaba como o discurso político vai buscando xustificar a sorte do máis desfavorecido e neutralizar calquera resistencia ás medidas de axuste. Se a crise é debida a "unha catástrofe natural que non se pode controlar e ten consecuencias para todos, haberá que resignarse, aceptar os sacrificios e colaborar para saír dela", dicía o artigo.

Todo o mundo lembrará lindezas como o "que se fodan" da deputada do PP Andrea Fabra cando se debatía sobre as prestacións dos parados ou as comparacións odiosas que estabeleceu o deputado de CiU Duran i Lleida entre payeses cataláns e campesiños andaluces.

Parece pois evidente que para a dereita ultraliberal ignorar ou nega evidencias científicas como as expostas máis arriba e culpabiliza ás vítimas da súa pobreza ou de mala saúde por fumar ou beber e non comer froitas e verduras ou por aproveitarse do sistema de prestacións, por citar algúns exemplos, formaría parte tamén dun mecanismo de lexitimación dos recortes sociais, de continuar co desmantelamento dos servizos públicos e do grave aumento das desigualdades sociais que está a padecer a poboación do Reino de España.

Recoñecer os determinantes sociais da saúde e as causas das causas da pobreza sería admitir que están a facer todo o contrario, sería recoñecer que as políticas que están a levar a cabo de desmantelamento do sistema sanitario público, de degradación do sistema de ensino e os servizos sociais, de recortes aos funcionarios, de aumento das taxas universitarias e doutras tantas medidas antisociais en beneficio da banca e do capital son as principais causantes de moitas destas terríbeis realidades que día a día padecen as clases populares. Causas de enfermidade e causas de pobreza. Talvez sexa por iso que "non o ven".

A loita ideolóxica como é ben sabido tamén é inherente á loita de clases e estes son algúns exemplos máis desta loita que se desatou sen cuartel en moitos países. Sería bo telo moi presente nas próximas citas electorais.

NOTAS

(1) Depresión: una crisis global. Día mundial de la salud mental 2012.World federation for mental health.

(2) Sobre este tema xa tratei nalgúns artigos anteriores, ver: http://www.sinpermiso.info/articulos/ficheros/11%20mental.sergi.pdf e tamén http://www.sinpermiso.info/textos/index.php?id=4633

(3) Páxina 238 de “Crisis, salud mental y renta básica” en La renta básica en la era de las grandes desigualdades. David Casassas y Daniel Raventós (eds). Ed. Montesinos, 2011. Barcelona.

(4) A proporción de psicólogos e psiquiatras no Reino de España é inversa respecto a Europa, nos demais estados de Europa os servizos de saúde mental están formados por psicólogos (19) en vez de psiquiatras (11), e no caso do Reino de España dáse en proporción (6,5) psiquiatras e (4,3) psicólogos.

(5) Estudi de costos i càrrega de la depressió a Catalunya (CostDep-2006). Generalitat de Catalunya, Departament de Salut.

(6) http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/10/10/catalunya/1349866090_351512.html

(7) La Vanguardia, 8 de octubre del 2012.

(8) Sobre este tema ver http://www.sinpermiso.info/textos/index.php?id=5004

(9) Comisión sobre determinantes sociales de la salud. Subsanar las desigualdades en una generación: alcanzar la equidad sanitaria actuando sobre los determinantes sociales de la salud. Ginebra: Organización Mundial da saúde; 2008. http://whqlibdoc.who.int/publications/2009/9789243563701_spa.pdf

(10) Ver mais amplamente no artigo de Benach J. e outros http://www.bvs.sld.cu/revistas/spu/vol38_5_12/spu12512.htm

(11) http://www.sinpermiso.info/textos/index.php?id=4390

(12) http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/10/04/actualidad/1349374997_487382.html

Nenhum comentário: