23/10/2012

Reino de España: as eleccións que preceden a treboada

Antoni Domènech, G. Buster e Daniel Raventós. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Á revolta entre a mocidade.



A calma que precede ás treboadas adoita ser enganosamente longa. Esa é a impresión que teñen da situación no Reino de España The Economist ou o Financial Times. E non só económica. Transcorre o mes de outubro con provisión de elementos novos nunha crise que é financeira e económica, que é social e que o é tamén de configuración político-territorial. Debúxase claramente no horizonte unha verdadeira crise de réxime, o fin de traxecto da Segunda Restauración borbónica.  

Galiza e Euskadi

As eleccións galegas serviron de momentáneo anticiclón das Azores na cadea de frontes frías que, en forma de eleccións autonómicas, ameazan do centro á periferia a hexemonía territorial do PP: Galiza e a Comunidade Autónoma Vasca o 21 de outubro, Cataluña o 25 de novembro (a tan só dous meses e medio da manifestación do 11 de setembro), e probabelmente, a Comunidade de Madrid a un ano vista. Todo iso despois do mantemento do goberno do PSOE en Andalucía, coa participación de EU, e a volta ao de Asturias, cos apoios parlamentarios de EU e UPyD. A insistencia no carácter "autonómico" das eleccións, sen implicacións de índole xeral,  non pode ocultar o temor a que a erosión do apoio social aos recortes do Goberno Rajoy reflectida en todos as inquéritos- termine atopando unha canle de expresión electoral. Así o entenderon Feijoo e Rajoy na precampaña, nun pacto de distanciamento mutuo, aínda na común defensa das idénticas políticas de axuste e privatización neoliberais.

O dato decisivo destas eleccións autonómicas, en Galiza como en Euskadi,  é que a suma dos votos do PP e do PSOE, os dous alicerces da Segunda Restauración, segue diminuíndo, e en proceso acelerado. En Galicia, o gañador, o PPG, despois de tres anos de goberno monocolor de Feijoo, perde 137.566 votos (un 17,42%) e o PSG, 231.707 votos (un espectacular 53,95%). En Euskadi, o PSE, despois de tres anos de goberno de Patxi López apoiado parlamentariamente polo PP, perde 106.173 votos (33,37%) e o PP, 16.241 votos (11,11%). A erosión do electorado da dereita española continúa, mais o ferido electorado de centro-esquerda non pode esquecer o que considera a traizón neoliberal do Goberno Zapatero, incluída a chafalleira modificación express de última hora, acordada co PP o pasado ano, da sacrosanta e intocábel Constitución.

Destaca en Galiza a fulgurante irrupción da "Syriza galega", a AGE brillantemente capitaneada polo veterano Beiras en alianza con EU e con varios grupos ecoloxistas, que nunha campaña lóstrego e sen apenas financiamento conseguiu máis de 200 mil votos (un 13,3% do sufraxio emitido) e 9 deputados. A crise das formacións de oposición tradicionais, o PSG e o BNG (que perdeu tamén o 53% do seu electorado) é o que explica que a visíbel erosión do sostén social da dereita non tivese tradución institucional, permitindo a Feijoo aumentar en 3 escanos a súa maioría parlamentaria. Fágase o milagre e fágao o diaño: o discípulo máis avantaxado de Rajoy pode agora, sen ruborizarse demasiado, presentar os seus resultados como unha lombeirada indirecta á política económica e social neoliberal do goberno do PP en Madrid.

No caso da Comunidade Autónoma Vasca, todos os partidos perden votos e escanos a favor de EH Bildu, formación que, cos seus 21 escanos, abre a posibilidade dunha abafadora maioría parlamentaria soberanista.  O PNV, con 27 escanos, atópase queiras que non ante unha disxuntiva que quere evitar custe o que custe: ou unha maioría parlamentaria soberanista ou unha coalición co PSE. Queda unha terceira fórmula, a dun goberno minoritario ao que non se quererá censurar, precisamente para que non teña que elixir entre as outras dúas opcións vetadas... polo momento.

Tanto en Galiza como en Euskadi a énfase na crise económica e social buscou situar en segundo plano a crise territorial, á espera das eleccións catalás do próximo 25 de novembro. Non vai ser a dereita española do PP a que expoña outra cousa que o statu quo como instrumento das súas políticas de axuste fiscal, como se viu na Conferencia de presidentes autonómicos do pasado 2 de outubro. A crise territorial só se converterá nunha crise constitucional a partir dunha renovada maioría de CiU en Cataluña, cuxa primeira esixencia é un réxime fiscal propio, similar nos seus efectos ao vasco. EH Bildu tiña sobre todo interese en crear as condicións obxectivas dunha maioría soberanista que arrebatase ao mesmo tempo espazo político ao PNV; ese interese traduciuse en campaña nun discurso de "novo estado europeo", cuxa concreción final, con todo, foi a posición conxunta dos dirixentes do PNV e CiU, Urkullu e Máis.

Aínda que se seguen acumulando factores na crise territorial, os resultados electorais en Galiza e Euskadi reforzan evidentemente a fronte da resistencia antineoliberal coa irrupción de Alternativa Galega de Esquerda e de EH Bildu, que recollen os votos pola esquerda de todos os outros partidos e convértense en elementos imprescindíbeis para a construción de alternativas de esquerda máis amplas.

Se un Rajoy que goberna cun programa improvisado que ninguén votou pode aprazar agora, grazas a Feijoo, as consecuencias internas no PP da súa crecente crise de lexitimidade, o certo é que Rubalcaba teno farto máis difícil no PSOE. Despois de 9 meses de "oposición responsábel", incapaz de romper coa herdanza do xiro neoliberal de maio de 2010 do Goberno Zapatero, o PSOE dun Rubalcaba convertido en mero capataz de deputados segue sendo o partido máis castigado, cunha incontido hemorraxia de votos que, cando non van parar a outras forzas de esquerda, flúen dereitas ao sumidoiro dunha abstención comprensibelmente desencantada da impotencia da política. A pantasma da "pasokización" -o desfondamento das súas bases tradicionais, a esclerotización dos seus vasos de capilaridade social, como en Grecia- é real, como o proban a perda de máis da metade do seu electorado en Galiza e a deserción dun terzo dos seus votantes en Euskadi. As enormes presións internas, que obrigaron a Rubalcaba a barallar contraditoriamente e  bo tuntún o naipe dos chamamentos á "unidade nacional" fronte á crise económica e territorial co naipe do apoio declamatorio á folga xeral do próximo 14 de novembro, só poden acelerar unha crise interna, en que o PSOE se xoga o ser ou o estar, ou o que é o mesmo -vese xa no PSC-, a súa supervivencia, non xa como forza hexemónica do centroesquerda, senón como alicerce principal da Segunda Restauración.

O Consello europeo e as meditaciones sobre o rescate

Con todo e con iso: máis importantes aínda que os resultados electorais autonómicos e as tendencias que estes debuxan, foron as conclusións do Consello Europeo do pasado venres 19, que viñeron a revisar, e en boa medida a revogar, as do pasado mes de xuño.  O atraso da entrada en vigor do mandato de supervisión bancaria do BCE até o 2014 apraza á súa vez a posíbel recapitalización directa dos bancos españois a través do MEDE. A pesar de que segundo Rajoy "40.000 millóns non son tan importantes", un aumento equivalente a 4% do PIB da débeda soberana fai trizas a súa estratexia de negociación desde maio deste ano para o resgate do sector financeiro español, torna inverosímiles os seus xa incríbeis orzamentos para o 2013 e abócalle inevitabelmente a un resgate da débeda soberana española nun cenario enrarecido e con moita menor capacidade de negociación. E iso se é posñibel, e cando o sexa.

Porque a promesa do presidente do BCE Mario Draghi de intervir nos mercados secundarios se fose necesario para salvar ao euro -en que descansado a redución parcial da taxa de xuro e do diferencial da débeda soberana española- quedou finalmente suxeita á caprichosa interpretación as circunstancias que a farían aconsellábel. A Bundesbank alemá puido quedar en minoría, polo momento, á hora de interpretar a necesidade de dúas desas intervencións no pasado. Pero agora Draghi e a maioría do consello do BCE teñen que calibrar non só a gravidade conxuntural do estado de saúde da moeda única como consecuencia dos ataques especulativos contra a débeda soberana dun estado membro, senón tamén as consecuencias de actuar sen o acordo do parlamento alemán e con perigo dos efectos retroactivos dunha decisión contraria do Tribunal Constitucional de Karlsruhe. Os matices de análises convértense así en dúbidas tácticas, e esas dúbidas, en parálise estratéxica.

De modo, pois, que a enérxica oposición de forzas significativas do arco parlamentario alemán a financiar con máis diñeiro do contribuínte xermano os erros comerciais crediticios da banca privada de estados membros como o Reino de España vólvenos a situar na primeira casa deste grotesco xogo da oca: o Goberno Rajoy refinanciará o buraco negro da banca privada española exclusivamente co diñeiro dos contribuíntes españois. Sen preguntarlles previamente e someténdolles ás consecuencias sociais cruelmente inéditas dunha depresión económica que -avisa o FMI- prolongarase até o 2018. Xa pode concluír Rajoy que o Consello europeo deu un pequeno paso no proceso de construción europea; porén supón un grande paso cara ao abismo para a débeda soberana e a economía española.

Para tranquilizarnos, o Ministerio de Economía informa de que ten cubertas en 90% as súas necesidades de colocación de débeda de 2012 e que a media da taxa de interese a medio prazo dos bonos españois está no 5,5%. Non parecen argumentos demasiado convincentes para a banca española,  a francesa e o resto dos tenedores de bonos (sen esquecer ás comunidades autónomas que pediron á súa vez o rescate), que esixen canto antes que o Goberno Rajoy solicite o rescate e a intervención do BCE para asegurar no mercado secundario os seus beneficios e afastar calquera perigo de quita da débeda (que calcula en definitiva o diferencial co bono alemán). Non axuda, desde logo, a acougar ese nerviosismo o que Italia situase no mercado o día 18, e polo si ou polo non, bonos a catro anos por valor de 18.000 millóns de euros!

Porén o cronograma de Rajoy xa non está nas súas mans, senón nas da chanceler  Merkel e o seu ministro de finanzas Schäuble. En plena precampaña electoral alemá. A "urxencia" do rescate deu paso á "virtualidade" do rescate, o que significa que a aplicación das medidas de axuste e recorte procíclicas, eufemísticamente denominadas "reformas", deben ser capaces de producir no prezo dos bonos os mesmos efectos nos mercados que a intervención do BCE... E se non, mala sorte.

Un orzamento incríbel, unha crise de réxime en marcha

Cualificar todo o anterior de política económica "seria", ou aínda atribuírlle algún impacto causal previsíbel, é cousa de todo punto risíbel. En calquera caso, lévanos inevitabelmente á cuestión dos orzamentos de 2013, cuxo debate parlamentario se inicia esta semana. Un proxecto que establece unha previsión de caída do PIB cifrada nun  -0,5%, cando o FMI prevé que sexa de -1,5%, non merecería maiores esforzos analíticos. Exemplos maiúsculos da teimosía no erro da política de axuste fiscal: que o déficit público non fai máis que crecer e situarase en 90,5% a finais de ano; que ningunha das administracións públicas poderá cumprir os obxectivos marcados, a pesar da gravidade dos recortes; que o servizo da débeda xa é equivalente a todas as partidas ministeriais; que a presión fiscal caeu en 6 puntos do PIB (co índice de desigualdade Gini máis alto da eurozona); e que, en fin, e por terminar nalgún sitio, os ingresos fiscais caeron  de 41% a 35% do PIB, moi lonxe da media da eurozona, facendo insustentábel o financiamento do gasto social do noso "estado do medioestar". Sen exemplo histórico nos anais parlamentarios, todos os grupos van presentar emendas á totalidade do proxecto.

Non é, pois, de estrañar, que os inquéritos de opinión aponten, unha tras outra, á falta de apoio cidadán ás políticas neoliberais do PP. A do CIS de setembro e a de Metroscopia de outubro son humillantes neste sentido. Desde comezos de setembro, a cadea de protestas sociais, sectoriais e xerais, irá in crescendo, para desembocar na próxima folga xeral do 14 de novembro e na esixencia dun referendo sobre as políticas neoliberais do Goberno Rajoy.

A idea de que vivimos un fin de réxime é fácil de enunciar. Menos o é sacar as consecuencias políticas da diagnose. Un fin de réxime caracterízase tamén por isto: os distintos representantes políticos, incluso os máis mediocres, ven crecientemente empuxados a abandonar rutinas, e a tomar certa distancia dos intereses que rutinariamente dicían representar en tempos tranquilos. Entre outras cousas, porque eses intereses fanse superlativamente tornadizos nas condicións dunha crise económica, social e política vertixinosamente acelerada. O (bo) dirixente político deixa entón de ser un leal e prudente axente fiduciario deses intereses, e a forza mesma das cousas empúxalle a pensar en situacións extremas e nos cambios que esas situacións provocarán, tamén nos intereses sociais por el representados. E hai que dicir que neste punto as forzas políticas de esquerda levan atraso: é verdade que empezan a dicir que estamos nun cambio radical de época, pero para, a continuación, insistir até a obsesión en problemas mais ou menos pequenos e máis ou menos rutineiros, coma se a que está a caer fose un accidente máis ou menos pasaxeiro, e non a peor crise capitalista mundial desde os anos 30, e non o inopinado descarrilamento a cámara lenta da Eurozona, e non a máis grave crise constitucional española desde o final da ditadura franquista, e non a máis atroz manifestación de impotencia da política democrática ante a insolente exhibición de poderes económicos privados de carácter transnacional. Por iso a audaz aldrabada de Mas en Cataluña tomou por sorpresa a tantos. Porque as dereitas patrias -a catalá e a vasca, pero tamén a española- empezaron a comprender mellor o que está en xogo. E o que está en xogo, vai máis aló da capacidade de Rajoy de atrasar a petición do rescate, as eleccións xerais, o debate sobre o modelo territorial, ou o que faga falta, até esgotar o seu período gobernamental cun mandato cidadán desvanecido e unha lexitimidade disipada. O que está en xogo é se o Reino de España sobrevivirá á crise da eurozona. Admítense apostas.
Postar um comentário