23/10/2012

A enganosa maioría do PP


Redacción.




Os resultados do pasado domingo día 21 demostran, nunha análise que pretenda ser meridianamente realista, que a suposta reválida das políticas do tanden Rajoy-Feijoo é auga de castañas. Ora, necesitan como as prantas a luz solar este discurso para xustificarse cando chegue irremediabelmente o "resgate" duro e as contrapartidas made in troikaSó 27 de cada 100 galegos votaron polo PP, aínda que como logo exporemos son aínda menos ca 27. O pobo galego secularmente agredido, amais, manifestou que segue con desexos de loitar e que unha alternativa da esquerda plural debe osixenar e refundar a oposición ao PP, que só ten a maioría absoluta nas urbes de Compostela e Lugo invirtindo en poucos meses a tendencia alcista que tiña nas cidades galegas (pénsese na vitoria de Mariano Rajoy, por exemplo).

Naturalmente, o PP popular e a midia que colabora con el na imposición dun sentido común reaccionario e na hexemonía ultraliberal apresentará estes resultados como un aumento do apoio ao Goberno de Feijoo, cando isto folga dicilo é rotundamente falso. O que si é certo é que o medo segue vivo na sociedade galega é que a doutrina do shock ultraliberal reforza as redes clientelares do PP no rural, aínda cando os gandeiros e as gandeiras sofren unha agresión sen precedentes. O previsíbel é que aumentará a miseria que padecen os galegos (20% dos galegos viven xa na pobreza), o combate no parlamento (sobretodo da man da Alternativa Galega de Esquerdas e do BNG, nada se pode esperar do PSOE) e a loita na rúa. Non se pode descartar, por outra banda, que Rajoy sexa incapaz de acabar a lexislatura (aspiracións soberanistas e democráticas bascas e catalás, novo "resgate", mobilización social e axitación na rúa, desexo por parte do grande capital español dun "goberno técnico" coa participación do PP e do PSOE, etc.).

Até este mesmo ano, en todas as eleccións contabilizábase para o censo electoral tanto os galegos residentes na comunidade autónoma (non digo na nación galega porque hai territorios galegos non incorporados á comunidade autónoma) como no estranxeiro por parte do INE (aquí). A Xunta oferece, no entanto, dados estatísticos seguindo outro modelo (aquí). O censo era de 2.696.513, ou sexa 5.000 galegas e galegas con dereito a voto a maiores que no 2009... no entanto, a procentaxe de abstención é moi semellante á de 2009 cando participaron 238.541 galegas e galegos menos. De por parte, 75.000 persoas votaron en branco ou nulo e Escaños en blanco recebe 17.000 votos. A participación foi do 63'8% porque se mudou o sistema estatístico. Empregando o mesmo sistema que nos pasados comicios a participación foi de 54'42%. Isto explícase porque a Xunta desta volta non contabilizou os abstencionistas residentes no extranxeiro que non solicitaron o dereito a voto.

Censo de 2009: 2.691.570 Participación: 1.706.198 (63,39%) Oficial 64,43%
Censo de 2012: 2.696.513  Participación: 1.467.657 (54,42%) Oficial 63,80%

Por tanto, e seguindo os dados reais e non manipulados, a suposta reválida galega sáldase, en verade, cun 17'5% de perda de apoios do PP só que a lei electoral, totalmente antidemocrática, fai que se dispare en deputados. O PSOE, o PASOK da II Restauración, afúndese irremediabelmente e perde 44% dos votos.

O PP gobernará con maioría absoluta para facer e desfacer ao seu antollo e para continuar coas políticas de miseria (tamén denominadas de "austeridade") representando só a 24'25% da cidadanía galega. Esta baixa porcentaxe, que non é nen moito menos unha maioría absoluta nun sistema electoral de circunscrición única plenamente proporcional, tradúcese en 41 deputados que lle dan os seus 653.934 votos, cando só ten 17.000 votos máis que a suma de PSOE, AGE e BNG. Hai máis, o PP perde 130.000 votos, curiosa "reválida" para o PP agora que o ministro Wert voltou pór a infame palabra na palestra pública. Cada deputado do PP custoulle tan só 15.949 votos como media frente aos 22.233 votos que precisou AGE como media.

O PSOE segue sendo a segunda forza, aínda cando perde cáseque a metade do seu electorado, con 10'89% de apoio dos galegos. Obtén 293.671 votos que lle outorgan coa inxusta lei electoral vixente 18 deputados, con só 93.000 votos máis que Alternativa Galega de Esquerdas que fica en 9 deputados con 200.101 votos.

No cómputo total o PP, o PSOE, a Alternativa Galega de Esquerdas e o BNG (os partidos con representación parlamentar) representarán só 47'95% da cidadanía galega con dereito a voto. No caso do BNG obtén 145.389 votos e 7 deputados.

Se analizamos os dados por concellos o mapa galego do voto emitido segue tinxíndose de cor azul. O PP só non é a forza máis votada na Illa de Arousa (PSOE), en Entrimo (PSOE), en Allariz (BNG), en Vilar de Santos (CxG), n' A Capela (PSOE), en Dumbría (PSOE), en Negueira de Muñiz (PSOE), en Pedrafita do Cebreiro (PSOE), en Carballeda de Avia (PSOE), en Fornelo de Montes (PSOE), en Parada de Sil (PSOE), en Larouco (PSOE), en Castrelo do Val (PSOE) e en Cavos de Randín (PSOE).

Finalmente, indicar que se o PP tivese levara adiante a reforma do número de deputados que tiña prevista (reforzando aínda máis o peso das provincias de Lugo e Ourense) os resultados serían os que seguen (coa maioría absoluta en 31 deputados): PP 34 deputados, PSOE 14, AGE 7 e BNG 6. A esquerda ten que exixir reformar a lei electoral e impor a circunscrición única perante a división provincial tan cara ao centralismo españolista.

Alternativa Galega de Esquerdas
Despois dalgunhas análises bizarras feitas sobre a irrupción da AGE cumpriría lembrar que os 200.101 votos de AGE cobren só unha parte dos 230.000 v0t0s que perde o PSOE e dos 135.000 que deixa polo camiño o BNG. Parte desta fuga haina que procurar tamén nos partidos sen representación que duplican os seus apoios e superan amplamente os 100.000 votos. 
A irrupción desde o extraparlamentarismo de AGE non ten parangón na historia moderna da Galiza, sendo virtualmente a segunda forza política en entornos urbanos e vilegos. Sitúase como unha forza que aposta claramente pola quebra democrática, a chamada Syriza galega vén para ficar e insírese no máis vivo e lúcido da esquerda europea ao carón do Front de Gauche francés, de Die Linke en Alemaña, do Bloco de Esquerdas luso e, por suposto, da Syriza grega. Porén, de por parte, incorpora a tradición da emancipación non só social, senón tamén nacional na pata representada por Beiras e a Anova Irmandade Nacionalista que pulará, xunto a Bildu EH en Euskadi e xunto á esquerda catalá polo fin do réxime da II Restauración bornónica e no avance cara o recoñecemento do dereito a decidir das nacións sen estado do Reino de España.
Dificilmente se poderá negar, á vista dos resultados, que a diganose de AGE sobre a necesidade dun frente único, necesario e urxente para deter a ofensiva ultraliberal, foi todo un acerto. E aí, nese frente único, todo o que non sexa PP e PSOE e estexa contra o ultraliberalismo colle: especialmente penso en renovar a oferta que no seu día Beiras fixo ao BNG comezando a tender máis pontes e facer máis traballo en común. A obra, como dixo Castelao, está sen rematar e hai sitio para todas e todos. O noso obxectivo é sermos hexemónicos na Galiza e iso requer xenerosidade e audacia.
Conclusión

Por moito que os xornais, a TVG e o PP repitan o mantra dunha grande vitoria os resultados do domingo (contra  certo desánimo social da esquerda social visualizado desde o domingo) o certo é que na rúa e na Galiza o PP está morto. Só falla derrotalo electoralmente e iso é cuestión de tempo... con certeza moito menos do que a maioría pensa. A dinámica das cidades, o recrudecemento do combate e da rebelión cívica na rúa, o aprofundamento da crise debido ás políticas procíclicas e ultraliberais do PP no Estado e na Galiza (pasando do outono ao inverno económico), a recomposición da oposición e a súa certa radicalidade (no caso folga dicilo de AGE e do BNG)... son só algúns dos elementos que indican que na Galiza hai alternativa e futuro, mas que para iso é necesario que a xente se organice e involucre porque a política son os asuntos públicos que nos atinxen a todas e todos e non só as estruturas partidarias e os aparatos.







Nenhum comentário: