05/10/2009

APORTACIÓNS DO EI Á ASAMBLEA DE GN

A principal motivación da mocidade militante e simpatizante do Encontro Irmandiño de cara á Asamblea Nacional de Galiza Nova do 24 e 25 de Outubro é abrir un debate entre a mocidade galega acerca do desleixo organzanizativo e da deriva ideolóxica en Galiza Nova, todo elo entendido no contexto do ultraliberalismo, que converteu as organizacións políticas en aparatos de poder, asunto analizado na Rolda de Rebeldía á que te convidamos a participar (accede aquí).

Así, nas nosas emendas aprobadas no proceso de asambleas comarcais que pasarán a ser debatidas na Asamblea Nacional, analizamos as seguintes cuestións e plantexamos distintas solucións.


PLANO POLÍTICO


Analizamos as manifestacións do imperialismo, tanto no plano da crise ultraliberal que non só é bancaria, senon, e fundamentalmente, alimentar, enerxética e ecolóxica, coma no plano da dominación militar estadounidense, no modelo ultraliberal da UE do Tratado de Lisboa, contra o que cómpre loitar con maior decisión, e no plano da involución democrática do Estado español. E con respecto ao Estado, quixemos situar o debate estatutario no eixo que lle corresponde: non se trata dunha cuestión de modelo territorial, senon de recoñecemento da realidade plurinacional nunha necesaria reforma da Constitución.


Propoñemos unha análise razoada, tanto sobor das causas que levaron á perda de apoios do nacionalismo e ao afastamento da mocidade transformadora de Galiza Nova, coma acerca da situación da esquerda mundial. Non valen as consignas acríticas; nin Venezuela nin Cuba son panaceas perfectas nin paraísos. Só desde esta premisa a esquerda occidental evitará caer nunha crise como a producida coa caída do muro de Berlín. Acreditamos en que é patrimonio da esquerda a firme oposición ao ultraliberalismo que reside nos movementos sociais inxertados no “Altermundismo”, cos que Galiza Nova debe manter maior diálogo.


Tamén é preciso mencionar a explotación de África, colonizada económica, política e culturalmente.


Somos críticos ca posición que Galiza Nova adoptou con respecto ao BNG no goberno da Xunta. Recoñecendo os avances en política de Mocidade, unha organización coma a nosa debeu promover liñas de traballo propias e debeu ter participado crítica e activamente no deseño das políticas do BNG en lugar de converterse en mera comparsa xuvenil da Fronte. A posición acrítica da Organización con respecto ao AVE ou ao Plano Boloña son exemplos significativos.


En canto ás políticas de Mocidade nos concellos, debemos prestar maior atención ao auténtico etnocidio que vive o rural galego.


Cómpre, pois, recuperar a linguaxe e medidas da esquerda real, cómpre a concienciación das clases oprimidas e a participación de Galiza Nova nos movementos sociais para construir um modelo ideolóxico, económico e social alternativo, ao servizo das maiorías sociais e non do lucro dunha elite. Desto dependerá que esta crise se resolva a favor dos pobos e das persoas e non do capital.


PLANO ORGANIZATIVO


Non foron as carencias do modelo organizativo de Galiza Nova nin a falta de implicación da militancia a que nos fixo chegar á situación actual, senon que esta é resultado da falta de información dos organismos nacionais, do sectarismo, da exclusión das opinións diferentes á tese maioritaria, da falta de debate e diálogo con vontade de integración ou da moderación dos principios ideolóxico-políticos ao tomar unha actitude de comparsa do BNG no Goberno da Xunta. Así, a apatía de gran parte da militancia de Galiza Nova e o afastamento da organización de moita militancia consciente non pode entenderse como unha falta de compromiso, pois precisamente é parte da militancia máis activa e implicada en movementos sociais a que se afastou da Organización. Integrar á mocidade transformadora deste país é o maior reto ao que se enfronta hoxe Galiza Nova, se é que queremos ser unha Organización ao servizo da emancipación nacional e social.


Para isto, propoñemos un reforzamento organizativo nunha liña de maior democracia, propoñendo, por exemplo, que a Comisión Permanente sexa elixida directamente pola Asamblea Nacional, e pluralismo, orientando as nosas propostas a unha base social ampla, á mocidade estudante, labrega, operaria e a colectivos desfavorecidos, e mantendo un diálogo permanente con todo o tecido social que pula pola emancipación nacional.


Para acadar o obxectivo dunha militancia activa e cohesionada hai que pular polo horizontalismo, o fluir constante de información, o respecto polo pluralismo e prestar maior atención á formación, para o cal propoñemos que se fusionen as áreas de Medios de Comunicación e Propaganda da Permanente e se cree unha responsabilidade específica de Formación.


Tamén cremos que é urxente regularizar o sistema de cobro das cotas.


En canto a Comunicación, debemos aproveitar ao máximo as novas tecnoloxías, creando mecanismos de comunicación interna, o que tamén permite unha maior integración na Organización da militancia da Emigración.


Cómpre, ademais, unha maior atención ás comarcas da Galiza irredenta.


En canto á Asamblea de Mulleres, cremos que cómpre abrir un debate profundo en Galiza Nova sobre a diversidade do movemento feminista para que a Asamblea de Mulleres sirva para coordinar aos distintos “feminismos” activos no país e na organización. Non debe excluírse da participación na Asamblea de Mulleres a todo militante, moza ou mozo, que desexe aportar a súa acción e reflexión na loita contra o patriarcado.


Outro Mundo é posíbel, outra Galiza Nova é necesaria!

Um comentário:

AFP disse...

Recomendo a leitura do seguinte artigo de opiniom de Óscar de Lis intitulado "O Partido desaparecido" e que incide no divórcio entre aparato político e sociedade civil que se deu nos últimos tempos.

http://aconjuradosnescios.blogspot.com/2009/10/o-partido-desaparecido.html