31/10/2009

GRISESCURO, PERO SEGUE CASE NEGRO

Valoración do EI sobre a Asamblea Nacional de Galiza Nova

As mozas e mozos do EI queremos facer pública a nosa valoración da úndecima Asamblea de Galiza Nova, valoración que tenta ser ponderada, unha vez analizadas con sosego as impresións iniciais.
En primeiro lugar, no tocante aos nosos obxectivos, contribuír ao debate ideolóxico e organizativo en Galiza Nova, considerámonos satisfeitos pois, a pesar de que a nosa presenza numérica na Asamblea foi mínima (motivada pola desgana e apatía de moitos militantes de Galiza Nova, situación que non se analizou nesta Asamblea á que só acudimos, na xornada do sábado, un 25% da afiliación), participamos en todos os debates expondo a nosa postura e abrímonos aos posicionamentos dos demais. A este respecto, destacamos como positivo o clima de debate participativo en comisións, grazas ao esforzo militante de moitos compañeiros e compañeiras en presentar emendas e ao dos membros da Permanente en transaccionar algunhas, coma as que presentou o Encontro Irmandiño sobre a situación de África, Colombia, a valoración da capacidade productiva do rural no eido das políticas municipais ou a atención ás relacións co tecido asociativo da Galiza irredenta. A pesar de que non foron comprendidos moitos dos nosos posicionamentos, sobre todo a busca de maior integración de Galiza Nova e o BNG (que non subordinación, pois só estando máis integrados co resto da Fronte se evita actuar de comparsa dela e algúns desaxustes organizativos), foi un pracer contrastar as nosas opinións co resto da militancia e coñecer a moitos compañeiros e compañeiras comprometidos con Galiza. Tamén valoramos coma un avance a maior democracia que supón a elección da Permanente directamente pola Asamblea Nacional, e animamos a os demais grupos e militantes non adscritos de Galiza Nova que defendan tamén maior democracia interna no BNG, nomeadamente o retorno ao pleno asamblearismo.
Mais con esta valoración positiva do ambiente do debate en comisións non queremos esquecer o xeral por causa do particular; e para nós, o cerne da cuestión é que Galiza Nova non resolveu o que, ao noso xuizo, é a súa principal eiva: a desconexión coa esquerda social (e non quere isto dicir que non sexamos conscientes de que individualmente moitos dos militantes de Galiza Nova participamos activamente dela). Algunhas das resolucións desta Asamblea Nacional poñen unha barreira entre a organización e todas as forzas nacionalistas de fóra de Galiza Nova: hai medo en "confundirse" cos movementos sociais ou que se "dilúa" o noso discurso, non se admite claramente o papel que na emancipación nacional están a desenvolver os centros sociais, non se acepta a defensa da lingua fóra do nacionalismo... As mozas e mozos do EI entendemos que o proxecto común do nacionalismo emancipador na Galiza excede, con moito, os límites de Galiza Nova e o BNG. A Fronte e a súa organización xuvenil son hoxe un máis entre os proxectos nacionalistas e, para que volvan ser estructuras válidas para emancipación nacional (se é que aínda é posíbel), non podemos teimar en manter a imaxe ou perfil da organización sobre as ideas ou o traballo. Se persistimos no ENSIMISMAMENTO Galiza Nova só será un fin en si mesmo, un aparato, e isto é difícil de cambiar a pesares da vontade, estamos certos, de militantes de todas as correntes e independientes, pois para mudalo hai que facer unha auténtica transformación que, ao noso xuizo, non se produciu e non vemos claro que se produza.
Seguiremos a participar individualmente en Galiza Nova, alí onde o consideremos, mais a nosa actividade como colectivo centrarémola na relación en pé de igualdade co movemento asociativo urbano e rural, cos centros sociais, cos movementos da órbita do Altermundismo, e na programación de actividades útiles á sociedade galega. Non temos medo a mixturarnos neste tecido social porque cremos que para recuperar a iniciativa política debemos volver á base, diluirnos con ela, volver ser unha solución efervescente, e a metáfora é de Xosé Manuel Beiras, na que pouco a pouco se vaian precipitando certos compoñentes de cara a un obxectivo común: a emancipación social e nacional que hai que volver comezar sen dirixismos.

Nenhum comentário: