Había ben tempo, si. Díxenllelo a algúns dos rapaces e rapazas que inda ficaban a latricar no vestíbulo do Compostela ao remate de aquela xornada de doce horas de traballo seguidas, sen máis interrupción ca o intervalo pra xantarmos xuntos a meiodía. Había ben tempo que non me sentía tan reconfortado no meu labor político: "Déchedesme a primeira grande alegría destes últimos dez anos" -foi o que lles dixen, o meu xeito de lles transmitir a miña ledicia polo que viña de acontecer ao longo de aquela intensa xornada de diálogo e debate sen cancelas. Era un sentir, non un pensar, unha emoción, non un razonamento, o primeiro que me compría comunicarlles, do que precisaba facelos partícipes. O exercizo do pensamento, o matinar, a análise, a reflexión partillada, ocuparan todo o proceso dialóxico colectivo que se desenvolvera durante os últimos meses, e que desembocara nesa xornada do trinta de xaneiro na que o logos señoreara no recinto onde dous centos de persoas moi diversas exerceran, con insólita franqueza, cadansua capacidade discursiva encol de interrogantes sentidos e entendidos como cruciais para os cidadáns comprometidos en combates sociais e políticos emancipadores na nosa nación. E ese proceso tería que proseguir de alí en diante nunha nova etapa, niso concordáramos tod@s, ou case. Mais, naquel intre preciso, a necesidade de comunicación máis perentória, o que máis me compria transmitir, era unha vivencia emocional, non unha avaliación de resultados -iso xa viría despois. Vivencia de leda gratitude cara os artífices dese proceso. Era moi arriscado o desafío que encararamos cando decidiramos pór a andar aquela "rolda de rebeldia", e o resultado provisório, lonxe de resolverse en fracaso, constituía un logro espranzador. Tiñamos dereito a estarmos ledos: gañarámonos o dereito á alegría -e eu quería expresárllela e compartírmola.
Máis logo, xa de volta na casa, posto a debullar o porqué desa ledicia, a racionalizala, a analisar a sua razón de ser, coidei dar con algunhas das suas fontes. Unha delas nacía da comprobación de que, antre uns e outros, foramos capaces de vencer as reticencias recíprocas que, nos últimos tempos, andaban a dificultar ou, no límite, impedir a interlocución e a reflexión conxunta antre xentes activamente comprometidas no combate da esquerda, só que, unhas, dentro do tecido asociativo cívico e social e, outras, no eido das formacións políticas. Outra delas: a nutrida aportación de achegas por escrito aos temas plantexados durante o proceso previo á celebración da xuntanza do dia trinta, e o xeito libérrimo en que interviran nos debates os asistentes a esa xornada. En fin, aínda outra, máis "doméstica" ésta: o acerto do EI en confiar o protagonismo da iniciativa e da condución do proceso a un fato de xente moza, que non só demostrou abonda lucidez, criatividade e capacidade de interlocución con tódolos participantes na "rolda", senón que se convirtiu nunha equipa coesionada cunha eficiente "división interna do traballo" -se me permitides empregar, só por unha vez, o argot do economista que disque son. Xente moza, ademáis, toda ela implicada ou conectada con movementos sociais alternativos e anti-sistémicos, feito que a dotaba dunha singular credibilidade na interlocución indispensábel para a boa marcha do proceso. Ese grupo formaba o núcleo da comisión orgaizadora da "rolda", á sua vez deseñada con autonomía abondo para o seu cometido a respeito da direición política do EI, e na que outros membros máis "veteranos" ou políticamente máis connotados, e con máis hábitos adequiridos no funcionamento orgánico de forzas políticas, mantiñámonos nun discreto segundo plano, aportándomos labores complementarios na reflexión e no enlace interno. Noutras verbas: comezamos por aplicar o que nós mesmos predicabamos para as relacións antre grupos políticos e movementos sociais.
Despois estaban os contidos temáticos propostos para o diálogo e os debates, e o método da sua formulación: o acerto da proposta fíxose manifesto pola aquiescéncia que suscitou xa na primeira fase do proceso. Primeiro polo método de formular os temas en forma de enunciados interrogativos, e non de teses prefabricadas e sometidas logo a consulta. Resultaba así evidente que, sen perxuizo de que no EI tivésemos as nosas proprias ideas ao respeito, queriamos equiparar a nosa posición de partida á de tódolos interlocutores convidados ao diálogo, é dicir, a de termos todos que percurar cadansua resposta ás perguntas plantexadas por consenso no inicio do proceso, e facérmolo dialóxicamente no proceso mesmo, sen ningunha aseveración previa que inevitábelmente cobraría carácter de guía do discurso a seguir. E logo, segundo, polos temas en sí mesmos, enunciados nos tres grupos de interrogacións que finalmente habían ser obxeto das tres "xeiras" de debate na xuntanza do Compostela: os modelos de organización política, na "xeira da procura"; as relacións antre "esquerda social" e "esquerda política", na "xeira da irmandade"; e a consecución de "masas críticas" para un cambio radical do modelo de sociedade, na "xeira das mil voces". Evidentemente: tres ordes temáticas -e problemáticas- que constituen arestora outros tantos eixos de análise e debate no seo dos movementos sociais e políticos antisistémicos en todo o planeta -e non por faceren "xogos florais", senón na procura de estratexias e métodos de acción combinada no combate contra a mundialización capitalista. Mais tamén: tres custións cruciais para a estratéxia dun proxecto de emancipación social e nacional do povo galego radicalmente democrático, nutrido no patrimonio acumulado de pensamento da esquerda transformadora e revolucionária, e arraizado na prática de combate cívico, social e político das clases traballadoras e populares. En suma: tres ordes de custións temáticas e problemáticas a pórmos, necesariamente, en común.
Curiosamente, se fago memória e ela non me atraizoa, esas tres ordes de custións estiveran no cerne dos debates habidos no seo do nacionalismo galego dende o periodo do tardo-franquismo até o da post-transición, dende o documento conxunto UPG-PSG até o proceso constituínte do BNG. E tamén enxendraran ou inspiraran os modelos de orgaización ensaiados tanto na "sociedade civil" canto na "sociedade polìtica", e máis as fórmulas de artellamento e "alianzas" antre uns e outros. Ou, se non, refresquemos a memória e vexamos. Primeira custión¨: "É o modelo do partido clásico inoperante? E se así é, de qué modelo debemos dotarnos?". Acaso non foi o debate dese problema e da esperiéncia no contexto sociopolítico da nación galega o que enxendrou a fórmula e orientou o proceso constituínte do BNG na post-transición?. Segunda: a relación e artellamento "entre a esquerda social e a esquerda política". Acaso a resposta a ese problema non fora o deseño dun tecido frentista a dous níveis, no que o BNG era a orgaización que proxectaba na instancia polìtica a rede de "movementos sociais" tecida polo nacionalismo rupturista na "sociedade civil"?. Terceira: cómo acadar "a creación de masas críticas que esixan un cambio radical no noso modelo de sociedade partindo da realidade galega de hoxe". Acaso non foi a acumulación de forzas correlativa á prática de todo o devandito dende o tardo-franquismo o que propiciou a consecución da "masa crítica" necesaria para lograr, no decenio dos oitenta, saírmos do "exilio interior" e, no dos noventa, convirtirmonos no motor e referente hexemónico da esquerda social na nación galega?.
Todo iso aconteceu nunha etapa da nosa historia contemporánea que dista agora de nós entre un terzo e un cuarto de século. A realidade mudou e a historia non se repite. Mudou a realidade dos nosos contextos mundial, continental e peninsuar. Mudou a realidade do nacionalismo galego, tanto na sociedade civil coma na política. E non se non trata de tentar repetir a historia, a nosa própria e peculiar, que a única que podemos facer nós como povo e a única na que podemos incidir nós como xentes do común de esquerdas e nacionalistas. Mais as custións daquela plantexadas e contestadas, no pensamento e na prática, seguen a ser interrogantes vixentes e que reclaman respostas outravolta nun novo contexto. Os que daquela as debullaran, non sei se hoxe están dispostos e volver facelo neste novo contexto. Non mo parece, infelizmente. Pero existen sectores de cidadanía críticamente activa e participativa, colectivos emerxentes na loita sociopolítica emancipadora e novos movementos sociais alternativos que, iles sí, formulanse esas perguntas e plantexanse esas custións no contexto de arestora. E algúns outros que tamén: algúns que xa participaramos nos procesos de debate e acción de outrora -mais que sabemos que as mesmas perguntas teñen respostas distintas en contextos sociohistóricos diferentes, inanque apunten a metas e obxetivos análogos. Eis a razón de ser da "rolda de rebeldía": seguir a cuestionarmos o que se dá por resolto, mais que non o está -seguir a partillarmos a rebeldía en rolda fraternal e solidária. Eis tamén a celmosa sustancia da miña fraternal ledicia.
Nenhum comentário:
Postar um comentário