Publicado no xornal Galicia Hoxe.
Ao comenzo desta crise financeira, Susan George dicía, con razón, que non era unha crise de diñeiro: "hai hoxe no mundo máis diñeiro que nunca antes na historia da humanidade; o problema é que está máis que nunca concentrado nunhas poucas mans privadas, á marxe do control democrático dos cidadáns e utilizado en dirección inversa ás necesidades de benestar da xente do común".
Ao comenzo desta crise financeira, Susan George dicía, con razón, que non era unha crise de diñeiro: "hai hoxe no mundo máis diñeiro que nunca antes na historia da humanidade; o problema é que está máis que nunca concentrado nunhas poucas mans privadas, á marxe do control democrático dos cidadáns e utilizado en dirección inversa ás necesidades de benestar da xente do común".
Acougade: non pretendo emular a Bartok -nen sequer para poñer "en solfa" ao capital, non estou tan tolo. Nen tampouco ao "Gabo" García Márquez -que escollera ese movemento como fondo musical para a recepción do seu Nobel de literatura. Só collo emprestado ese rótulo para facer un interludio na miña série encol da crise -unha série, por certo, tan ingrata de ler como de escoitala é a música serial dodecafónica, sospeito eu.
O motivo évos ben sinxelo e circunstancial. Veño de aterrar, literalmente, nesta nosa Terra que non é nosa. Literalmente e máis figuradamente tamén. De aterrarmos -o avión, tripulantes e pasaxeiros, e eu no medio diles- despois dunha peripecia de suspense e un periplo extravagante, todo por mor da famosa nube de cinza do volcán islandés: la "Pacha Mamma" est en colère! -comentárame con humor o bó do Massiah na incertidume de se poderíamos ou non emprender viaxe de volta. De volta de México, DF, aclárovos, que inda non volo dixera. O avión, no canto do itinerario habitual e máis curto polo norte, costeando até Labrador, atravesou o Atlántico tropical cara ás Canarias para virar logo rumo ao norte, co que tardou duas horas de máis en chegar a Madrid e eu pillei o enlace con Santiago de chiripa, alancando polas interminábeis terminais de Barajas coa lingua fóra, e sen facer caso da disuasoria información dada pola compañía aérea, segundo a cal ese vóo xa estaba pechado.
En México asistira a parte das xornadas do Foro Mundial Temático sobre a crise, instalado na enorme praza do Zócalo, e logo participara nas sesións do Consello Internacional do FSM que se celebraran a seguida. A viaxe de volta constituiu un brusco descenso dende o ricaz universo do "altermundo" en xestación até os infernos do "sistema-mundo" apodrecido: foi descer en picado do fervedoiro de ideas, debates e propostas de alternativas á crise do sistema, pra aterrar na misérrima realidade deserta de ideas, debates e propostas deste convulso sistema en crise. Eis por qué vos dicía que veño de aterrar non só literalmente, senón figuradamente tamén.
Pois veleiqui que, xa na casa, mentras sorbo aos poucos unha sopa de verduras ecolóxicas do Miguel -non comera quente dende a víspora- leo, nun titular do GH, que o novo macro-hospital de Vigo se fará con capital "privado". Inda hai poucas semanas que asistira a unha enorme manifestación cívica en contra dese alevoso proxecto renartemente privatizador do indispensábel servizo social que é a sanidade pública. É dicir, da sua "mercantilización", da conversión do servizo público de saúde para os cidadáns galegos -que iso ven siñificar o SERGAS- nunha fonte de lucro para o capital privado. Que diso se trata. Porque, a diferencia do capital público, o capital "privado" só inviste se vai tirar beneficios dese investimento. Ao capital público investido en servizos públicos e sociais, abóndalle con cubrir os custes da prestación do servizo. Ao capital privado non: o capital privado precisa cubrir eses mesmos custes e, ademáis, facer un beneficio neto. De non ser así, non lle interesa investir.
Mais, se cada cidadán que acuda ao servizo de saúde vai seguir a recibir asistencia sanitaria gratuíta, daquela de ónde vai tirar ese beneficio o capital privado investido? Moi simples: dos fondos públicos, ou sexa, das partidas consignadas para gasto público sanitario nos orzamentos que aproban as cámaras lexislativas, séxano as Cortes do Estado ou o Parlamento dunha Comunidade Autónoma como a galega, no caso do proxecto hospitalario en cuestión. Eses orzamentos nútrense das aportacións do conxunto da cidadanía en impostos e cotizacións á seguridade social, de xeito que ao cabo son os cidadáns en conxunto os que sufragan o gasto en investimento e funcionamento do servizo de saúde. Mais con esta notábel diferencia: se os fondos públicos finanzan directamente a sanidade, a cidadanía paga o custe do servizo; se o fan por intermedio do capital privado, a cidadanía paga, ademáis dese custe, o beneficio que obten ese capital: o capital privado fai asi negocio cos fondos públicos aportados polos cidadáns para sufragar o servizo público da saúde -choio perfeito, e perfeitamente inmoral. E iso é así tánto se o que se encomenda ao capital privado é a xestión do servizo, como se o é o investimento inmobilizado na construción dun hospital: nos dous casos "mercantilízase" o servizo público, que deixa de ser tal pra se tornar nun negocio lucrativo -para o capital "privado", madia leva, e ás costas dos cidadáns. Para privatizar a xestión dos servizos públicos lévase argumentado arreo co mito da eficiencia empresarial do capital privado e a ineficiencia do público: até resulta un sarcasmo, á vista do fiasco no que o capital "privado" ten sumida á economía do planeta enteiro.
Ás veces pergúntome, cándido de min, se acaso pensarán que o capital "privado" nace do aire ou xurde da nada, como a mítica criación xenesíaca, mentras que o "público" é un pesadísimo saco sen fondo carregado no lombo dos cidadáns. Ben sei que non o pensan, mais teiman en facérllelo pensar aos inxénuos cidadáns. E infortunadamente adoitan conseguilo, sometida a xente do común a un incesante lavado de cerebro colectivo. É unha das claves da mitoloxía contemporán, que diría Roland Barthes, que oculta e transmuta a realidade. Porque a realidade é que o capital é un recurso social en todo caso, resultado da actividade humana, e o que implica que sexa "público" ou "privado" é unha diferencia de titularidade, de rexime xurídico e de lóxica no emprego dese recurso produtivo. Ou sexa, de quen ten a propriedade e o dereito a dispor dil -o indivíduo ou a colectividade- , de cales son as normas que regulan o seu uso -o dereito mercantil privado ou o dereito administrativo público- e con que lóxica se utiliza -a obtención dun lucro particular ou a consecución dun benestar social. Os recursos financeiros -capital en forma de diñeiro-, sexan públicos ou privados, son vasos comunicantes: o poder político é o motor que reparte ese fluído entre os dous compartimentos dun mesmo depósito. Se o poder é democrático -soberanía popular- move o fluído cara o benestar social. Se é autocrático -poder oligárquico- móveo cara o lucro particular da oligarquía. Mais nos dous casos a capacidade do depósito é a mesma: só varía a proporción na que se distribue.
Ao comenzo desta crise financeira, Susan George dicía, con razón, que non era unha crise de diñeiro: "hai hoxe no mundo máis diñeiro que nunca antes na historia da humanidade; o problema é que está máis que nunca concentrado nunhas poucas mans privadas, á marxe do control democrático dos cidadáns e utilizado en dirección inversa ás necesidades de benestar da xente do común". O actual poder político utiliza os recursos financeiros públicos aportados, en impostos e cotizacións, polo común cidadán para engordar ao grande capital "privado" especulador causante da crise. Despois aduce que non ten cartos pra investir en hospitais, invoca a austeridade, e chama polo mesmo capital privado especulador que il engordou con fondos públicos pra que invista en infraestrutura sanitaria -e faga negocio coa saúde da mesma cidadanía que aportou os cartos para o engorde dos mangantes, digo os magnates, da especulación. E disque iso non é delito de lesa democracia? Seráo de lesa humanidade.
Nenhum comentário:
Postar um comentário