O capitalismo ten lexións de apoloxistas. Moitos fano de boa fe, produto da súa ignorancia e polo feito de que, como dicía Marx, o sistema é opaco e a súa natureza explotadora e predatoria non é evidente ante os ollos de mulleres e homes. Outros deféndeno porque son os seus grandes beneficiarios e amasan enormes fortunas grazas ás súas inxustizas e inequidades. Hai ademais outros ("gurús financeiros", "opinólogos", "xornalistas especializados", académicos "benpensantes" e os diversos expoñentes do "pensamento único") que coñecen perfectamente ben os custos sociais que en termos de degradación humana e ambiental impón o sistema. Pero están moi ben pagados para enganar a xente e proseguen incansabelmente co seu labor. Eles saben moi ben, aprenderon moi ben, que a "batalla de ideas" á cal nos chamou Fidel é absolutamente estratéxica para a preservación do sistema, e teiman niso.
Para contrarrestar a proliferación de versións idílicas acerca do capitalismo e da súa capacidade para promover o benestar xeral examinemos algúns datos obtidos de documentos oficiais do sistema de Nacións Unidas. Isto é sumamente didáctico cando se escoita, máxime no contexto da crise actual, que a solución aos problemas do capitalismo se logra con máis capitalismo; ou que o G-20, o FMI, a Organización Mundial do Comercio e o Banco Mundial, arrepentidos dos seus erros pasados, van poder resolver os problemas que angustian á humanidade. Todas estas institucións son incorrixíbeis e irreformábeis, e calquera esperanza de cambio non é máis nada que unha ilusión. Seguen propondo o mesmo, só que cun discurso diferente e unha estratexia de "relacións públicas" deseñada para ocultar as súas verdadeiras intencións. Quen teña dúbidas que vexa o que están propondo para "solucionar" a crise en Grecia: as mesmas receitas que aplicaron e seguen aplicando en América Latina e África desde os anos oitenta!
A seguir, algúns datos (coas súas respectivas fontes) recentemente sistematizados por CROP, o Programa Internacional de Estudos Comparativos sobre a Pobreza radicado na Universidade de Bergen, Noruega. CROP está facendo un gran esforzo para, desde unha perspectiva crítica, combater o discurso oficial sobre a pobreza elaborado desde hai máis de trinta anos polo Banco Mundial e reproducido incansabeemente polos grandes medios de comunicación, autoridades gobernamentais, académicos e "expertos" varios.
Poboación mundial: 6.800 millóns, dos cales...
* 1.020 millóns son desnutridos crónicos (FAO, 2009)
* 2.000 millóns non teñen acceso a medicamentos (www.fic.nih.gov)
* 884 millóns non teñen acceso a auga potábel (OMS/UNICEF 2008)
* 924 millóns “sen teito” ou en vivendas precarias (UN Habitat 2003)
* 1.600 millóns non teñen electricidade (UN Habitat, Urban Energy)
* 2.500 millóns sen sistemas de drenaxes ou sumidoiros (OMS/UNICEF 2008)
* 774 millóns de adultos son analfabetos (www.uis.unesco.org)
* 18 millóns de mortes por ano debido á pobreza, a maioría de nenos menores de 5 anos (OMS)
* 218 millóns de nenos, entre 5 e 17 anos, traballan a miúdo en condicións de escravitude e en tarefas perigosas ou humillantes como soldados, prostitutas, serventes, na agricultura, a construción ou na industria téxtil (OIT: A eliminación do traballo infantil: un obxectivo ao noso alcance, 2006)
* Entre 1988 e 2002, o 25% máis pobre da poboación mundial reduciu a súa participación no ingreso mundial desde o 1,16% ao 0,92%, mentres que o opulento 10% máis rico acrecentou as súas fortunas pasando de dispor do 64,7 ao 71,1% da riqueza mundial . O enriquecemento duns poucos ten como o seu reverso o empobrecemento de moitos.
* Só ese 6,4 % de aumento da riqueza dos máis ricos sería suficiente para duplicar os ingresos do 70% da poboación mundial, salvando innumerábeis vidas e reducindo as penurias e sufrimentos dos máis pobres. Enténdase ben: tal cousa lograríase se tan só se puidese redistribuír o enriquecemento adicional producido entre 1988 e 2002 do 10% máis rico da poboación mundial, deixando intactas as súas exorbitantes fortunas. Pero nin sequera algo tan elemental como isto é aceptábel para as clases dominantes do capitalismo mundial.
Conclusión: se non se combate a pobreza (nin se fale de erradicala baixo o capitalismo!) é porque o sistema obedece a unha lóxica implacábel centrada na obtención do lucro, o que concentra a riqueza e aumenta incesantemente a pobreza e a desigualdade económico-social.
Despois de cinco séculos de existencia isto é o que o capitalismo ten para ofrecer. Que esperamos para cambiar ao sistema? Se a humanidade ten futuro, será claramente socialista. Co capitalismo, en troca, non haberá futuro para ninguén. Nin para os ricos nin para os pobres. A sentenza de Friedrich Engels, e tamén de Rosa Luxemburgo: "socialismo ou barbarie", é hoxe máis actual e vixente que nunca. Ningunha sociedade sobrevive cando o seu impulso vital reside na procura incesante do lucro, e o seu motor é a ganancia. Máis cedo que tarde provoca a desintegración da vida social, a destrución do medio ambiente, a decadencia política e unha crise moral. Aínda estamos a tempo, pero xa non queda demasiado.
Nenhum comentário:
Postar um comentário