Hai uns días a ministra de Economía, Elena Salgado, insistiu nunhas declaracións en que subirlles os impostos ás persoas coas rendas máis altas de España apenas incidiría no incremento da recadación polas arcas do Estado.
Resulta evidente que detrás desta declaración está un dos dogmas fundamentais do discurso ideolóxico neoliberal, aquel que sostén que os beneficios son de apropiación individual polas clases posuidoras e as perdas son socializadas, a través da acción do Estado, entre as clases desposuídas, que ven recortados os seus dereitos sociais e laborais ao tempo que se incrementan as axudas ás clases posuidoras para que non decaia o seu nivel de ingresos.
Obviamente, estamos ante un discurso demagóxico que esquece que os impostos son unha das principais conquistas sociais da historia que se fundamentan nun principio democrático irrenunciable: a redistribución da riqueza entre a poboación, co obxecto de favorecer a igualdade e, xa que logo, a liberdade, fundamentos da democracia.
Neste sentido, para facer posible a función do Estado como redistribuidor da riqueza entre a poboación, propómoslle á ministra que reflexione sobre algunha destas medidas, propostas por numerosas organizacións situadas na esquerda: suprimir o tope máximo ás cotizacións (3.198 euros mensuais brutos en salarios no 2010) e establecer unha imposición proporcional ás retribucións realmente percibidas que se achegue a un salario máximo fixado por lei; aumento do imposto sobre beneficios (imposto de sociedades) das entidades, sociedades e institucións de intermediación financeira (bancos, caixas, compañías de seguros...); recuperación do imposto de patrimonio para as rendas máis altas; redución do IVE nos produtos de primeira necesidade (alimentación...) e aumento do IVE para os produtos de luxo (animais vivos non destinados ao consumo humano, xoias, abrigos e pezas de pel, aeronaves e embarcacións destinados ao lecer...); equiparación da contribución fiscal das rendas do capital e do traballo; incrementar a tributación das Sicav; eliminar o FROB; introducir a taxa Tobin para os movementos financeiros internacionais; creación dun imposto especial para gravar as actividades contaminantes...; e, por suposto, loitar contra a fraude fiscal e a economía somerxida.
Obviamente, sen esquecer outras moitas medidas destinadas a reorientar o gasto público, como a redución do gasto militar, a eliminación das axudas e exencións á Igrexa, a eliminación das axudas ás empresas privadas que duplican a rede pública de ensino e saúde...
Asegúrovos que coa aplicación deste modelo impositivo serían innecesarios os recortes salariais dos empregados e das empregadas do sector público e a redución do gasto público orientado a satisfacer as necesidades fundamentais da poboación con escasos recursos económicos (prestacións por desemprego, axudas diversas...) e a manter unha rede pública e de calidade no ámbito da sanidade, o ensino e a atención de persoas dependentes, garantindo unha saída social da crise.
Nenhum comentário:
Postar um comentário