"Unha política monetarista contumaz, ao servizo do capital financeiro, dirixida á criación dun Sistema Europeu de Bancos Centrais (SEBC) e un Banco Central Europeu (BCE) reservados aos máis fortes, centrada tan só en impor uniformidades formais e nominais, e desentendida das diverxencias socioeconómicas reais que vai enxendrar ou agravar".
Non se non trata dunha aseveración escolmada de ningún comentario recente encol das orixes da actual crise do euro. Non señor. É o enunciado de un dos paragrafos da ponencia apresentada por este voso servidor -que non servo nen escravo, fique claro - a un FORUM celebrado en Lisboa hai máis de tres lustros: aló polo equinocio de primavera do 1994. "Que Europa após-Maastricht?" fora o rótulo de aquelas madrugadoras xornadas de análise e debate convocadas conxuntamente polo BNG e a UDP - a orgaización matriz do actual Bloco de Esquerdas portugués -e celebradas no "Padrão dos Descobrimentos" lisboeta, á beira das augasmestas do esteiro do Tejo e frente por frente da fermosísima arquiteitura manuelina dos Jeronimos.
Aquela miña aportación titulábase "A política económica da União Europeia no Tratado de Maastricht". A outra ponencia básica para aquel debate aportáraa Carlos Marques, daquela Secretário Permanente da UDP: "A dimensão social na União Europeia, labirinto do engano?". O meu texto recollía boa parte da miña contribución a un documento do outono do 1992 no que o BNG analisaba e fixaba a sua posición política encol do TUE (Tratado da Unión Europea), e que servira de base para unha longa e intensa campaña de información e debate coa cidadanía, desenvolvida por toda Galiza adiante durante o curso político 1992-93 con inusitada afluencia de público -e que sempre tiven a convición de que constituira unha das claves do enorme salto adiante pegado polo Bloque nas eleicións lexislativas galegas do outono do noventa e tres.
Dei repescado antonte a carpeta na que gardaba eses documentos, despois de moito remexer nos meus inordes arquivos amoreados no faio da casa. Fíxeno motivado pola leitura dunha presa de recentes diagnoses encol da crise financeira da UE, formuladas coincidentemente por diversos analistas de acreditada solvéncia en meios de comunicación alternativos - os convencionais, polo xeral, teiman en só retransmitiren maquinalmente, coma papagaios, o estúpido e estupefaciente "pensamento único" literalmente imperante. E resulta que esas diagnoses coinciden en sinalar a aposta polo euro como clave da especificidade da crise europea dentro da crise global. E resulta tamén que iso nos retrotrae a Maastricht - porque todo comezou en Maastricht, esa cidade que disque antano resistira trunfante o asedio dos "tercios" españois do implacábel Duque de Alba, mais na que ogano o proxecto europeísta se rendira ao asalto do exército mercenario dos mangantes, digo magnates - seica este teclado volve ter lapsus freudiáns tamén il- da especulación financeira global. E resulta, enfin, que os minoritarios cidadáns europeus "euro-escépticos" ou "euro-críticos" que daquela, no meio da eufórica bebedeira "euro-optimista" universal, eramos alcuñados de estragafestas "catastrofistas", acabamos por ser involuntariamente proféticos nos nosos heréticos pronósticos e perturbadoras admonicións.
O Nobel de economía Paul Krugman sinalaba hai poucos días no seu "blog" que, representando gráficamente a combinación das cifras de déficit orzamentario e débeda acumulada de diferentes países en porcentaxes dos seus respeitivos PIBs, a posición nese gráfico dos USA, Gran Bretaña e Xapón era chamativamente semellante á do grupo dos famosos PIGS - os do sul europeu máis Irlanda - ou sexa, os máis convulsionados pola crise "de solvencia": "parécense tanto aos países en crise que, de non sabermos máis, diríamos que viaxan no mesmo barco". Mais, xa que non é asi, dá esta resposta ao aparente enigma: "tódolos países en crise de débeda atópanse na eurozona, mentras que os USA, GB e o Xapón, que non están nela, teñen soberanía monetaria: velaí a diferencia".
Tentarei espricalo para os que non sodes economistas. Os Estados soberanos dispoñen de varias alavancas para conducir a sua política económica: a monetaria, a fiscal, a orzamentaria, a laboral, a arancelaria - e así seguido. En conxunto, constituen un a xeito de sistema de pesos e contrapesos. E duas delas son primordiais para facer frente a unha crise: a monetaria e a fiscal, que poden utilizarse, recíproca e reversíbelmente, coma o acelerador e os freos dun auto, para entendérmonos. Os Estados integrados na UE confiáronlle a política monetaria ao BCE, e ademáis independizárono do poder político - incluído o da propria UE. En troques, a UE non se fixo cárrego dunha política fiscal común: non asumíu responsabilidades en política tributaria. Nun esquema político federal ou confederal, calquer estado membro ten que apandar coas decisións de política monetaria que adopte o poder con-federal, pero ese poder con-federal ten que exercer tamén, simétricamente, as suas responsabilidades en política tributaria: non pode botalas ás costas dos estados membros. Na UE, tanto a realidade económica dos diversos estados membros canto a sua vulnerabilidade e capacidades de reacción á incidencia dunha crise "global" son moi diferentes - ben se botou de ver sempre, inda que os cegos foron sempre tamén moitedume. Mais, chegada a crise, ningún diles pode utilizar unha política monetaria propria -non ten "soberanía monetaria"- pra se defender dela: por exemplo, non pode devaluar a sua moeda, porque carece dela; non pode manexar as tasas de xuro, porque as fixa o BCE. En troques, non pode reclamarlle á UE que asuma correlativamente a política tributaria precisa para resolver o problema orzamentario derivado da crise: ten que apandar il con esa dupla responsabilidade -arrecadar como poda os ingresos fiscais necesarios e facer frente como lle deixen os "mercados" especuladores á débeda derivada do déficit orzamentario. E aturar "soberanamente" os custes económicos, sociais e políticos do fiasco. É algo así como conducir cun só brazo e un só pé - nun veículo non amañado pra minusválidos.
Eis o fundamento da lacónica solución que dá Krugman á enigmática e enganosa semellanza da posición dos USA-GB-Xapón coa dos PIGS tocantes ao déficit e a débeda. Enigmática porque, se o quid da custión está no déficit e a débeda, non se comprende que os segundos esteñan en crise "de solvencia" e os primeiros non. E enganosa porque o déficit e a débeda son o martelo de herexes do "pensamento único" ultraliberal e do seu brazo armado, o perversamente imbécil FMI - dócilmente obedecido polos governos-ovella europeus, despois de ter esmendrellado cos seus xenocidas "plans de axuste" a media humanidade durante decenios, e de ter sido mandado a tomar polo saco por xaponeses e mesmo islandeses inda antonte. Mais, precisamente, o que revela o aserto de Krugman é que o déficit e a débeda non son o problema.
O problema éo a temeraria aposta ultraliberal por unha política obtusamente monetarista e encamiñada á entronización do euro, feita no acordo fundacional da UE en Maastricht - mais diso, se queredes, faremos memoria outro día. O problema está na road to serfdoom, no "camiño de servidume" - parodiándomos ao Hayek volto do revés - que os acólitos dese vello carca, parteiros da UE, nos fixeron percorrer aos cidadáns europeus do común dende aquela en diante. Até tornármonos, coa crise, auténticos escravos do euro. "Ou do euro-dólar?" - cala a boca, galafate!
Nenhum comentário:
Postar um comentário