Wáshington, 7 de novembro do 2017. Onte, o presidente do Congreso, Dennis Kucinisch, prestou xuramento como presidente da Unión, en substitución do presidente Jef Bush, que fuxira a Riad, Arabia Saudita, a bordo do avión presidencial, en busca de refuxio no arquiprotexido complexo do seu pai, situado nos terreos do palacio da familia Bin Laden. O vicepresidente Dick Cheney, en coma desde o mes de agosto tras sufrir un décimo quinto ataque cardíaco, foi declarado incapaz. O presidente Kucinich anunciou axiña un amplo paquete de medidas destinadas a pór fin á Gran Depresión, que empezou coa crise financeira mundial do 2007. Fixo un chamamento á calma e pregoulles ós dirixentes do Exército Revolucionario do Tea Party (Partido do Té), que ten asediada a capital, Wáshington, que cancelasen o ataque previsto para hoxe, 100º aniversario da Revolución Bolxevique. O comandante Dick Armey dixo estar disposto a reunirse para estudar a posibilidade dun cesamento do fogo coa condición de que os seus milicianos puidesen levar as súas armas á casa.
Ao parecer, o presidente Kucinich ordenoulle á infantería de Mariña que asaltase a sede de Goldman Sachs en Manhattan a primeiras horas desta mañá. Aínda que chegan noticias de disparos de armas curtas, infórmase de que a maioría dos 6.000 empregados da empresa foron desaloxados sen loita e van camiño de diversas prisións situadas na área metropolitana de Nova York. O director executivo Timothy Geithner foi capturado no aeroporto La Guarda cando trataba de subir a un reactor privado con destino, presuntamente, a Riad. Segundo unha fonte anónima, Geithner queixouse de que o presidente Bush deixouno tirado a pesar de prometerlle protección. O presidente Kucinich anunciou que Geithner se enfrontaba ós cargos de fraude, estafa e evasión de impostos. O caso remóntase ó ano 2012, pero quedara en suspenso cando a ex presidenta Sarah Palin lle ordenou á fiscalía que detivese a súa investigación sobre o ministro de Facenda. O presidente Kucinich dixo que Goldman, o derradeiro banco que quedaba nos Estados Unidos, sería nacionalizado. Aseguroulles ós titulares de depósitos que o banco volvería abrir o luns baixo a administración dun grupo de xestores nomeados polo presidente e dirixidos por William Black. Todos os depósitos asegurados quedarán garantidos, pero crese que outro tipo de dereitos non serán respectados. Infórmase de que axentes da FBI procederon a confiscar todos os activos dos empregados actuais e anteriores de Goldman. Ditáronse así mesmo ordes de detención contra os ex ministros de facenda Paulson, Rubin e Summers.
O paquete de medidas do presidente Kucinich comprende unha anulación universal e completa das débedas. Con arranxo ó devandito plan, todas as débedas de particulares considéranse nulas. As consecuencias diso non están totalmente claras, pois os índices de falta de pagamento chegan xa ó 95% en case todas as modalidades de débeda. Diversos economistas declararon que o novo presidente non fixo senón recoñecer a realidade existente, pero outros sosteñen que lles deu protección legal ós okupas que se negaron a abandonar durante os dez últimos anos as súas vivendas, sobre as que pende unha hipoteca impagada. O movemento a escala mundial en favor do Ano Xubilar veu presionando a favor desta redención da débeda desde que estalou a crise.
As medidas propostas, que se bautizaron como New Deal 2.0 comprenden tamén unha garantía universal de emprego que lle proporcionaría traballo e salario a unha poboación sen emprego estimada en 75 millóns para o conxunto do país. O plan parece facerse eco dunha proposta que o daquela congresista Kucinich lle presentou á Cámara en 2011. Os fondos para este programa proporcionaríaos Wáshington, pero os proxectos formularíanse e xestionarían a escala local. No seu momento, Kucinich sostivera que o programa se faría cargo dos traballadores tal como son e no sitio onde están", proporcionándolles un salario vital ós participantes e servizos e infraestruturas útiles ós seus municipios. Á pregunta de como o Estado pagaría o programa, o congresista Kucinich respondeu o seu momento: "Mediante créditos bancarios, por suposto, que é o único xeito de gastar que ten un Estado soberano". Con todo, o seu proxecto de lei non superou o trámite en comisión; descubriuse que o operador de fondos de alto risco Pete Peterson levara a cabo unha ampla campaña de contribucións a favor de todos os membros da comisión que se opuxeron á lexislación (e aínda que nunca foi acusado de delito, sempre se sospeitou que podía existir unha conexión).
O presidente Kucinich anunciou tamén un novo Plan Marshall para unha Europa devastada pola guerra, que se sumiu practicamente na anarquía cando a Unión Europea se derrubou a finais de 2010. Fixo un chamamento ó exército das Brigadas Vermellas italianas para que puxeran fin ó seu asedio de Berlín. Prometeu pór en marcha unha ponte aérea de alimentos para millóns de europeos famentos, ós que seguirían produtos industriais, co fin de axudar ás nacións europeas a que empezasen a producir con vistas ó consumo interior. Avogou por pór fin á austeridade fiscal e sostivo que, posto que cada nación adoptara a súa propia moeda ó afundirse o euro, todas estaban en condicións de "gastar con cargo a créditos bancarios". Por conseguinte, "todo o que é tecnoloxicamente factible é financeiramente factible".
Wall Street recuperouse inmediatamente despois de coñecérense estas noticias, alcanzando o nasdaq un novo máximo próximo ós 250, mentres o Dow marcaba 1.150 (os niveis máis altos desde o Gran Crac de outubro do 2011). O dólar subiu tamén coas noticias ata o nivel de 52 $ por cada RMB de China. O optimismo contaxiouse ós mercados xaponeses, manténdose o ián preto dos 132 por dólar.
Na súa declaración, o presidente Kucinich dixo que o longo "pesadelo" estaba chegando á súa fin. Empregou un ton conciliador cando respondeu a unha pregunta sobre as actuacións do goberno do presidente Obama nos primeiros anos da Gran Depresión, que moitos cren que creou as condicións para o Gran Crac. "Mire, o presidente Obama, do mesmo xeito que os seus sucesores, seguiron os consellos dos economistas (que non paraban de predicar máis e máis austeridade fiscal), de xeito moi semellante a como médicos pouco atinados adoitaban desangrar os seus pacientes ata matalos. Estaban, e aínda están, desorientados. Prométolles que excluirei a todos os economistas do goberno. Non pedirei nin seguirei o consello dos economistas". Ó cabo de dez anos de sufrimentos no curso da segunda Gran Depresión, a nación enteira daba un suspiro de alivio.
O presidente mencionou as experiencias de China, a India e Boswana, as únicas nacións que lograron escapar á Gran Depresión. Recordou que, exactamente dez anos antes, o PIB dos Estados Unidos e o nivel de vida do norteamericano medio eran moitas veces superiores ós de calquera desas nacións. De feito, Botswana adoitaba ser obxecto de burla por mor das súas políticas, que provocaran hiperinflación. E, con todo, cada un daqueles países establecera garantías de emprego e desenvolvera programas que lograron a plena ocupación con estabilidade de salarios e prezos. E namentres o desemprego aumentaba escandalosamente en todo o mundo, esas tres nacións gozaban de plena ocupación e duns niveis de vida á alza. De feito, os tres países superaran a mediana estadounidense do nivel de ingresos reais dos fogares. O presidente Kucinich dixo que Botswana ofrecera enviar asesores para axudar a encarrillar de novo a política fiscal e monetaria dos Estados Unidos. Proclamou que se acabaron os días de desatinada austeridade fiscal e prometeu "gastar o que faga falla para que os traballadores e as fábricas da nosa nación traballen a pleno rendemento".
Segundo noticias relacionadas con estas, un grupo de economistas declarou o seu apoio ás medidas do presidente Kucinich. Entre eles figura o antigo presidente da Reserva Federal Alan Greenspan, que ó comezo da depresión retractouse da súa crenza na economía de libre mercado. Co tempo foise desprazando máis cara á esquerda, facendo súas reformas que van desde a medicina socializada ata a abolición da propiedade privada dos medios de produción. Mentres algúns economistas rexeitaron as declaracións públicas de Greenspan como saídas de ton "dun vello senil", outros sinalaron que as súas declaracións resultan notablemente convincentes en comparación coas que adoitaba facer cando era presidente. Antigo discípulo de Ayn Rand, os recentes testemuños de Greenspan inclúen escuras invocacións a Marx, Lenin e Rosa Luxemburgo. Veu tamén avogando pola eliminación da Reserva Federal, co argumento de que a política monetaria e a política fiscal deben elaborarse conxuntamente no Ministerio de Facenda.
________________________________________________________
Notas: (*) Algúns dos sucesos aquí apuntados non foron contrastados cos feitos. **(**) De feito, ningún dos sucesos aquí apuntados ocorreu aínda, aínda que algúns deles son bastante probables..
Nenhum comentário:
Postar um comentário