Os Estados déronlles aos bancos privados o privilexio de crear cartos emitindo débeda coa escusa de que iso era necesario para financiar a actividade das empresas e dos consumidores. Pero nos últimos trinta anos, a banca internacional multiplicou a débeda para financiar os mercados especulativos e gañar cartos simplemente comprando e vendendo máis cartos, e non para financiar a economía produtiva. Esta é a primeira estafa.
Para dispor de recursos adicionais aos que lles depositaban os seus clientes, a banca ideou formas de vender os contratos de débeda e difundiunos por todo o sistema financeiro internacional. Pero ao facelo, agachaba que millóns deses contratos non tiñan as garantías mínimas e que ao menor problema perderían todo o seu valor, como así aconteceu. Actuando dese xeito e tratando de elevar cada vez máis a rendibilidade das súas operacións, a banca foi asumindo un risco cada vez maior que ocultaba aos seus clientes e ás autoridades e que transmitía ao conxunto da economía. Esta é a segunda estafa.
Para dar conta desas estafas, a banca recorreu ás axencias de calificación que actuaron como cómplices corruptos enganando sistematicamente clientes e autoridades indicando que a calidade deses produtos financeiros era boa cando en realidade sabían que non era así e que, pola contra, se estaba difundindo un risco elevadísimo porque eran, como logo se demostrou, puro lixo financeiro. Esta é a terceira estafa.
Os grandes financeiros conseguiron que os bancos centrais fosen declarados autoridades independentes dos gobernos coa escusa de que estes podían utilizalos ao seu antollo e de que así era mellor para lograr que non subisen os seus prezos. O que ocorreu foi que con ese estatuto de “independentes” os bancos centrais puxéronse ao servizo dos bancos privados e dos especuladores, mirando para outro lado ante os seus desamaños. E así, en lugar de combater a inflación permitiron a subida dos prezos da vivenda, se cadra a máis alta de toda a historia, e constantes burbullas especulativas en numerosos mercados. E lonxe de conseguir a estabilidade financeira o certo foi que durante o seu mandato “independente” tamén houbo o maior número de crises financeiras de toda a historia. Esta é a cuarta estafa.
Para xerar fondos suficientes para investir nos mercados especulativos cada vez máis rendíbeis, os bancos e grandes financeiros lograron, coa escusa de que iso era o conveniente para loitar contra a inflación, que os gobernos deran conta de políticas que reducisen os salarios e aumentasen así os beneficios –que na súa maior parte van ao aforro no canto de ao consumo como lle pasa aos salarios–, e a progresiva privatización das pensións e dos servizos públicos. Esta é a quinta estafa.
Cando o risco acumulado desa forma estoupou e se desencadeou a crise, os bancos e os poderosos lograron que os gobernos, en lugar de deixar caer os bancos irresponsábeis, de encarcerar os seus directivos e os das axencias de calificación que provocaron a crise, lles desen ou prestasen a baixísimo interese varios billóns de dólares e euros de axudas coa escusa de que así volverían axiña a financiar a economía. Mais en lugar de facer isto último os bancos e grandes financeiros usaron eses recursos públicos para sanear as súas contas, para volver ter beneficios ou para especular en mercados como o do petróleo ou o alimentar, provocando novos problemas ou que en 2009 houbese 100 millóns de persoas famentas máis que en 2008. Esta é a sexta estafa.
Os gobernos tiveron que gastar centos de milleiros de millóns de dólares ou euros para evitar que a economía se colapsase e axudar a banca. Como consecuencia tiveron que se endebedar. Como os bancos centrais están dominados por ideas liberais profundamente trabucadas e ao servizo da banca privada, non financiaron acaidamente os gobernos, como si fixeran cos bancos privados, e iso fixo que tivesen que ser os bancos privadosos que financiasen a súa débeda. Así, estes últimos recibían diñeiro ao 1% dos bancos centrais e colócano na débeda pública ao 3, ao 4 ou até ao 8 ou 10%. Esta é a sétima estafa.
Como os bancos e grandes financeiros non quedaron contentos con ese negocio impresionante, dedicáronse a propagar rumores sobre a situación dos países que se tiveron que endebedar pola súa culpa. Iso foi o que fixo que os gobernos tivesen que emitir a débeda máis cara, aumentando así o beneficio dos especuladores e pondo en grandes dificultades ás economías nacionais. Esta é a oitava estafa.
Os gobernos quedaron así amarrados de pés e mans diante dos bancos e grandes fondos de investimento e, grazas ao seu poder nos organismos internacionais, nos medios de comunicación e nas propias institucións políticas como a UE, aproveitaron a ocasión para impor medidas que a medio e longo prazo lles permitan obter beneficios aínda maiores e máis doadamente: redución do gasto público para fomentar os negocios privados, reformas laborais para diminuír o poder de negociación dos traballadores e os seus salarios, privatización das pensións, etc. Afirman que así se combate a crise pero en realidade o que van producir é todo o contrario porque é inevitábel que con esas medidas caian aínda máis a actividade económica e o emprego porque o que fan é diminuír o gasto produtivo e “o combustible” que os sustenta. Esta é a novena estafa.
Des que a crise se mostrou co seu perigo e extensión, as autoridades e até os líderes conservadores anunciaron que estaban decididos a pór fin ás irresponsabilidades da banca e ao descontrol que a provocou, que acabarían co segredo bancario, cos paraísos fiscais e coa desregulación que permite que os financeiros fagan calquera cousa e que acumulen risco sen límite con tal de gañar cartos… Mais o certo é que non tomaron nin unha soa medida, nin unha soa, nesa dirección. Esta é a décima estafa.
Mentres está a pasar todo isto, os gobernos, escravos ou cómplices dos poderes financeiros, non pararon de esixirlle esforzos e sacrificios á cidadanía mentres que aos ricos e aos bancos e financeiros que provocaron a crise non lles deron senón axudas constantes e todo tipo de facilidades para que sigan facendo exactamente o mesmo que a provocou. Grazas a iso, estes últimos están obtendo de novo centos de milleiros de millóns de euros de beneficios mentres que cae a renda dos traballadores, dos xubilados ou dos pequenos e medianos empresarios. Esta é a undécima estafa.
Mentres que constantemente vemos que os presidentes de gobernos reciben instrucións do FMI, das axencias de calificación, dos banqueiros ou da grande patronal, a cidadanía non pode expresarse e dicir que todo o que está a acontecer é inexorábel e que o que eles fan é o único que se pode facer para saír da lameira. Esta é a duodécima estafa.
Finalmente, quérese facer crer á xente que a situación de crise en que estamos é o resultado dun simple ou momentáneo mal funcionamento das estruturas financeiras ou até económicas e que se poderá saír dela facendo unhas cantas reformas laborais ou financeiras. Engánannos, porque en realidade vivimos desde hai decenios no medio dunha convulsión social permanente que afecta a todo o sistema social. A verdade é que cada vez hai un maior número de seres humanos famentos e máis diferenzas entre os autenticamente ricos e os pobres, que se acelera a destrución do planeta, que os medios de comunicación están cada vez en propiedade de menos persoas, que a democracia existente apenas deixa que a cidadanía se pronuncie ou inflúa sobre os asuntos máis decisivos que lle afectan e que os poderosos teiman en impor os valores do individualismo e a violencia a toda a humanidade. Esta é a décimo terceira estafa.
O que aconteceu e o que segue acontecendo ao longo da crise é isto, unha sucesión de estafas e por iso non se poderá saír dela até que a cidadanía non se impoña aos estafadores impedindo que sigan a enganala, até que non lles obrigue a render contas das súas falcatruadas financeiras e até que non evite definitivamente que sigan a comportarse como até agora.
Nenhum comentário:
Postar um comentário