06/06/2010

Os nazis de arestora

Xosé Manuel Beiras Torrado


* Artigo completo en Galicia Hoxe (aquí).


Unha manchea de inteleituais xudeus de ben, encabezados por Einstein e Hannah Arendt, definiran ao partido sionista de Menahem Begin como "estreitamente emparentado cos partidos nazifascistas". Así que a cousa ven de lonxe. Que foron os proprios xudeus demócratas os que dende hai tempo deron a alarma. E que, si, sen dúbida ningunha, os gobernantes de Estado sionista de Israel son os nazis de arestora.
Non só iles, claro está. Os Bush de Falconcrest, senior e junior, por caso, tamén. Refirome, claro, á saga da "familia" da que forman parte, a fundada pola parella Reagan-Thatcher e integrada pola sua proxenie, pola sua "prole" inversa á do proletariado, a dos "monsters" que dende aquela rexen os destinos do planeta enteiro.
Levamos xa todo un terzo de século a padecermos a emerxencia de mutacións morfolóxicas do fascismo, metástases mutantes dos nazifascismos noutrora agromados, como fleurs du mal anti-poéticas, na fase de "caos sistémico" do chamado período de entre-guerras, dende a primeira mundial do 14-18 até a apocalipse do 39-45. O actual proceso coincide, desta vez, coa entronización do reaccionário neo-liberalismo globalizador como "deus-ex-machina" da crise sistémica desencadeada a comenzos dos anos setenta -e que inda dura.
Daquela, no primeiro terzo do XX, os nazifascismos, tanto como fenómeno socio-ideolóxico canto como reximes políticos, foran a fórmula arbitrada polo grande capital -simbiose do industrial e o bancario- para facer frente ao ascenso do poder do proletariado no centro e tamén na periferia do sistema, e máis para dotárense as potencias emerxentes derrotadas no 18 de instrumental político eficaz na disputa pola hexemonía no sistema-mundo frente á potencia en declive dende fins do XIX -a Gran Bretaña. 
 Mais, arestora, a estrutura do sistema en crise é moi distinta da dos anos trinta: está globalizada e hexemonizada por un capital financeiro transnacionalizado -co corazón sempre, iso si, na metrópole ianqui. E correlativamente mudou a morfoloxía do nazifascismo instrumentalmente útil nesta nova etapa.
Mais, alén das raiceiras socioeconómicas e de clase dos nazifascismos, están as suas dimensións xenofóbicas, racistas, etnocidas e xenocidas. As que, na versión nazi-hitlerián, entronizaron o racismo "ario", determinaron a aberrante estratexia do exterminio dos "unter-menschen", os "sub-humanos" xudeus, ziganos ou eslavos, e desembocaron na apocalipse da "solución final", o estarrecedor xenocidio padecido moi primordialmente polos xudeus europeus. Mesmamente, a memoria desa traxedia, vergoña perene na conciencia da humanidade, torna máis revoltante aínda o proceso freudiano de metamorfose da vítima en verdugo protagonizado dende hai meio século até agora mesmo polo Estado sionista de Israel, coa delictiva complicidade activa dos USA e do seu vasalo europeu, a UE. Un Estado confesional integrista criado coa coartada de "limpar" a má conciencia dun "Oucidente" que bailara o rigodón cos nazifascismos dos anos trinta, no canto de islolalos e esganalos cando inda era tempo de evitar a apocalipse. Un Estado belicista instalado ás portas dun "espazo vital" para este IV Reich de "fascismo pluralista" que é o imperial sistema-mundo globalizado, co cometido de garantir, pola ameza e a violencia, a espoliación dos recursos enerxéticos vitais que ese espazo acobilla. Un Estado racista que leva meio século a teimar na expropriación do territorio e até, a poder ser, no exterminio do povo palestino, o xesucristo dos nosos días.

Um comentário:

AFP disse...

Foi traduzido para o castelhano no espaço em rede da revista "Sin Permiso". Pode-se consultar o artigo neste endereço:

http://www.sinpermiso.info/textos/index.php?id=3397