07/06/2010

A relixión do Mercado

Eric Toussaint. Membro do Comité para a anulaçom da dívida eterna do nomeado como "terceiro mundo" (CADTM). Artigo tirado de aqui.

O 98 por cento dos 3 billóns de dólares que chimpan de país en país acotío empréganse para operacións especulativas. Ao pobo dos crentes se lle invita a entrar en comuñón cos deuses mercados mediante a pantalla de tv ou do computador, o xornal, a radio ou a xanela do banco.


Case todos os dirixentes políticos, xa sexan da esquerda tradicional ou da dereita, xa sexan do Sur ou do Norte, confesan unha verdadeira devoción polo mercado, e en particular polos mercados financeiros. En realidade habería que dicir que eles montaron unha verdadeira relixión do mercado. Cada día, en todas as casas do mundo que teñen televisión ou internet, celébrase unha misa dedicada ao deus Mercado durante a difusión da evolución das cotizacións da Bolsa e dos mercados financeiros. O deus Mercado envía os seus sinais a través do comentarista financeiro da televisión ou da prensa escrita. Isto acontece non só nos países máis industrializados senón tamén na meirande parte do planeta. En Xangai ou en Dakar, en Río de Xaneiro ou en Tombuctú, un pode saber cales son "os sinais enviados polos mercados". En todas partes, os gobernos deron conta de privatizacións e crearon a ilusión de que a poboación podería participar directamente dos ritos do mercado –mediante a compra de accións– e que como contrapartida se beneficiaría se interpretaba correctamente os sinais enviados polo deus Mercado. En realidade, a pequena proporción de poboación traballadora que adquiriu accións non ten o máis mínimo peso sobre as tendencias do mercado.
De aquí a algúns séculos, quizais se lerá nos libros de Historia que, a partir dos anos oitenta do século XX, fixo furor certo culto fetichista. A expansión, así como o poder que chegou a ter o devandito culto, quizais se relacionará cos nomes de dous xefes de Estado: Margaret Thatcher e Ronald Reagan. Salientarase que este culto se beneficiou desde os seus inicios da axuda dos poderes públicos e das potencias financeiras privadas. En efecto, para que este culto atopase certo eco nas poboacións, foi necesario que os medios de comunicación públicos ou privados lle rendesen culto acotío.
Os deuses desta relixión son os Mercados Financeiros, aos que se dedicaron templos chamados Bolsa, e onde só son convidados os grandes sacerdotes e os seus acólitos. Ao pobo dos crentes se lle invita a entrar en comuñón cos deuses Mercados mediante a pantalla de TV ou do computador, o xornal, a radio ou a xanela do banco. Até nos recunchos máis agochados do planeta, grazas á radio ou a televisión, centenares de millóns de seres humanos, a quen se nega o dereito de ter as súas necesidades básicas satisfeitas, son convidados a celebrar aos deuses Mercados. Aquí no Norte, na maioría de xornais lidos polos asalariados, as amas de casa e os desocupados, existe unha rúbrica do tipo "onde colocar o seu diñeiro", malia que unha esmagadora maioría de lectores e lectoras non conta nin cunha acción na bolsa. Págase aos xornalistas para que axuden aos crentes a comprender os sinais enviados polos deuses.
Para aumentar o poder destes deuses sobre o espírito dos crentes, os comentaristas anuncian periodicamente que estes enviaron sinais aos gobernos para indicarlles a súa satisfacción ou o seu descontento. O goberno e o Parlamento gregos, tendo comprendido finalmente a mensaxe recibida, adoptaron un plan de austeridade de choque que fará pagar a crise aos de abaixo. Pero os deuses seguen descontentos co comportamento de España, Portugal, Irlanda e Italia. Os seus gobernos tamén deberán levar como ofrendas importantes medidas antisociais para acougalos.
Os lugares onde os deuses atafegan coa manifestación dos seus humores están en Nova York, en Wall Street, na City de Londres, nas Bolsas de París, de Frankfurt e de Tokio. Para medir a súa satisfacción, inventáronse instrumentos que levan o nome de Dow Jones en Nova York, Nikei en Tokio, o CAC40 en Francia, o Footsie en Londres, o Dax en Francfort, o IBEX en España. Para asegurarse a benevolencia dos deuses, os gobernos sacrifican os sistemas de seguridade social no altar da Bolsa, e ademais privatizan.
Pagaría a pena preguntarse por que a estes operadores se lles outorgou esta dimensión relixiosa. Eles non son nin descoñecidos nin meros espíritos. Teñen nome e domicilio: son os principais dirixentes das 200 multinacionais máis grandes que dominan a economía mundial coa axuda do G7 e de institucións como o FMI –que volveu ao centro do escenario grazas á crise logo de pasar un tempo no purgatorio. Tamén actúan o Banco Mundial e a Organización Mundial do Comercio, aínda que esta non estea no seu mellor momento, ninguén sabe se de novo pode ser a elixida dos deuses. Os gobernos non son unha excepción: desde a era de Reagan e Thatcher abandonaron os medios de control con que contaban sobre os mercados financeiros. Dominados polos investidores institucionais –grandes bancos, fondos de pensións, compañías de seguros, hedge funds...– os gobernos doáronlles ou prestaron billóns de dólares para que poidan cabalgar de novo, despois do desastre de 2007-2008. O Banco Central Europeo, a Reserva Federal estadounidense, o Banco de Inglaterra prestan diariamente, cun tipo de interese inferior á inflación, enormes capitais que os investidores institucionais axiña utilizan en forma especulativa contra o euro, contra as tesourerías dos Estados, etc.
Actualmente, o diñeiro pode atravesar fronteiras sen ningunha imposición fiscal. Cada día circulan no mundo 3 billóns de dólares saltando as fronteiras. Só menos do 2 % desta suma se emprega directamente no comercio mundial ou en investimentos produtivos. Máis do 98 % restante dedícase a operacións especulativas, en especial sobre as moedas, os títulos da débeda ou as materias primas.
Debemos rematar coa trivialización desta lóxica de morte. Necesítamosanceira, expropiar a este sector e polo baixo o control social, gravar con fortes impostos aos investidores institucionais que primeiro provocaron a crise e despois se aproveitaron dela, auditar e anular as débedas públicas ilexítimas, instaurar unha reforma fiscal redistributiva, reducir radicalmente o tempo de traballo co fin de poder contratar masivamente, pero sen diminuír os salarios, etc. En dúas palabras, comezar a pór en marcha un programa anticapitalista.

Nenhum comentário: