11/07/2010

Encol de minorías e territorios

Non pode haber plenitude dos dereitos "humáns" de calquer indivíduo se son amputados do seu dereito ao exercizo da sua identidade cultural e nacional -ou sexa, da sua adscrición a unha comunidade que constitue un fenómeno colectivo, e portanto implica un dereito colectivo á libre decisión.

Xosé Manuel Beiras Torrado


Conteivos o dia pasado que estaba recén chegado de Nantes, onde viña de participar no IV Forum Mundial dos Dereitos Humáns. Dito sexa de paso, eu gosto máis da expresión francesa, "Droits de l"Homme". Primeiro, porque conserva na sua literalidade un dos dous significantes empregados cando, por primeira vez na historia europea, eses dereitos foron xurídicamente declarados e políticamente constituidos como pear fundamental de toda democracia: refírome evidentemente á "Déclaration des Droits de l"Homme et du Citoyen" dos revolucionarios franceses de 1789-92. Engadirei que, para min, eses dous significantes -"home" e "cidadán"- son indisociábeis, e calquer declaración ao respeito só resulta semánticamente completa se abrangue eses dous conceitos conxugados: ningún "home" pode exercer os seus dereitos se non é "cidadán" -mesmamente, para poder ser titular diles e exercelos, tivo que deixar de ser "súbdito" ou, en francés, "sujet", ou sexa, deixar de estar "suxeito" a un poder do que non fose il mesmo partícipe. E segundo, porque me semella semánticamente máis preciso: dereitos "humáns" sóno todos, poisque tódolos dereitos -o Dereito- son un produto cultural das sociedades humáns, mentras que os dereitos "do home" son, dentro dese conxunto, a específica modalidade xurídico-política xa referida. Certo que esta fórmula verbal pode conlevar, no noso contexto sociocultural, unha involuntaria connotación discriminatoria de xénero -problema solúbel, en todo caso, coa expresión "dereitos do ser humán e cidadán". Xa me liei! -"desculpen as molestias".
Contáravos tamén que un dos catro eixos temáticos dese Forum trataba dos dereitos identitarios dos povos e das minorías etnico-culturais, e era nese eixo no que encaixaban duas palestras nas que o meu amigo bretón Yann Choucq e máis eu iamos intervir: "Povos, cidadanía, igualdade, identidade: pódese construir o respeito múturo dos dereitos na diferencia e a diversidade?", unha delas; "Democracia, orgaización territorial do Estado e protección das minorías", a outra.
Na primeira plantexábase a problemática das interrelacións entre as nocións, principios e valores enunciados no seu rótulo, e desenvolvía a interrogación inicial en varios planos e proxecións diferentes. Un diles, o da viabilidade dos dereitos identitarios e da expresión da diversidade no contexto da mundialización, no seo dos estados onde existe e fronte ás culturas dominantes. Outro, o da posibilidade ou non de lograr, nese marco, a realización do principio de igualdade "entre os Homes", e cómo artellar, nesas condicións, a convivencia entre povos e culturas diferentes. Enfin, se acaso é posíbel integrar nunha comunidade cidadá respeitosa da diversidade ás povoacións inmigrantes que dentro dela constituen minorías.
A xeito de guía introdutoria, Yann Choucq deseñou o croquis das normas xurídicas existentes no Dereito internacional e máis no da UE, e analisou críticamente a sua efectividade. Logo, Aureli Argemí, presidente do CIEMEN, tracexou o panorama dos povos, culturas e nacións-sen-estado existentes no espazo da UE, e máis das suas diversas situacións xurídico-políticas nas ordes institucionais dos diferentes Estados membros. E a seguida, os relatos feitos polos representantes de tres povos non europeus de cadansua problemática, mais nos tres casos nacións territorialmente esgazadas polas fronteiras de varios Estados: os kurdos no Oriente Meio, os amazigs -máis coñecidos por nós coma "berebers"- na Africa mediterrán, e os uighurs nos lindes noroucidentais da China. Un ricaz debate conduciu ao esclarecimento das problemáticas peculiares como variacións arredor dun común denominador temático: a identidade nacional non recoñecida e o negado dereito á sua libre determinación. Non pode haber plenitude dos dereitos "humáns" de calquer indivíduo se son amputados do seu dereito ao exercizo da sua identidade cultural e nacional -ou sexa, da sua adscrición a unha comunidade que constitue un fenómeno colectivo, e portanto implica un dereito colectivo á libre decisión.
De xeito que esa caréncia non se subsana con ningún procedemento de "protección" das "minorías" existentes no ámbito territorial dun Estado -que era o cerne temático da outra palestra, na que a min correspondíame establecer as "conclusións xerais" do debate. E fíxeno centrándome mesmamente na descodificación dos dous significantes claves no enunciado da temática a tratar: "minoría" e "territorio". Fíxeno así porque percibín que inducían a unha certa confusión de perspeitiva nas achegas dalgúns dos intervintes -incluído, solprendentemente, o presidente do "Instituto cultural de Bretaña", que titulaba "Minorías territoriais en Franza" a sua análise do caso bretón.
Nefeito -e vaiamos por partes, sequer en duas "instantáneas". Primeiro a "minoría". É un termo que designa unha parte dun todo. Significa unha noción ideada dende o punto de vista da totalidade. Xa que logo, dende o punto de vista do "outro" que non é a "minoría", e non do dela mesma. Dende o punto de vista dela mesma, a noción de "minoría" carece de sentido -a non ser por "alienación", mesmamente. Porque a "minoría", en sí mesma, é unha totalidade, e non unha parte de nada. Quero dicir que, dende o intre mesmo en que constitue unha comunidade -étnica, cultural, nacional, ou as tres cousas xuntas- é un ente social en sí, e portanto unha totalidade internamente estruturada. Pode ser grande ou pequena, mais non "menor". Aquilo tan lúcido de Risco: "ti dis que Galiza é pequena, mais eu dígoche que Galiza é un mundo". Galiza só pode ser "minoría" considerada como "parte de España", e xa que logo vista dende España, non dende si mesma. Ao revés: Galiza, autoconsiderada en si mesma, ou sexa, dende a consciencia de si mesma, percibe "España" como un seu contexto externo -como o recinto estatal no que ela está engulida. E o asunto non é banal: aí radica nada menos que a disxuntiva entre a autoconciéncia e a alienación como povo e comunidade nacional. Xa que logo, o prerrequisito indispensábel para exercermos @s galeg@s os nosos "dereitos humáns" identitarios como povo e nación.
E logo o "territorio". O territorio é un espazo físico, non un ente social. É unha "cousa", non un colectivo humán. Xa que logo, o "territorio" non é, non pode ser, un suxeito de dereitos. Así que, cando se trata de "dereitos humáns identitarios", o "territorio" non é, non pode ser, o suxeito desa identidade, e portanto tampouco o titular deses dereitos -en concreto, do dereito á autodeterminación ou libre decisión política. O "territorio" non pode "autodeterminarse", madia leva. Inda que sexa o espazo de asentamento dun povo, só pode autodeterminarse o povo que reside nese espazo. Nen sequer é un atributo necesario para a existencia dunha nación -levo insistido nisto moitas veces, ben sabedes. Só está correlacionado co fenómeno "Estado", que é unha superestrutura, un "constructo" -como seica se di agora- xurídico-político, a diferencia da nación que é unha realidade sociopolítica, sabédelo ben tamén.
De xeito que para o artellamento de "minorías" na "diversidade" étnica/cultural/nacional dun espazo político "común", do que compre partir é dos diferentes suxeitos identitarios que configuran esa pluralidade, e non dos distintos territorios nos que, se acaso, se asentan. Vamos: que non val unha "concentración parcelaria". Mais o grave é que ésa é mesmamente a perspeitiva coa que se adoita abordar a cuestión dende os Estados. O que en Franza se denominou "aménagement du territoire" para a xestión dos espazos económicos -e que se empregou asimesmo para a ulterior "rexionalización" político-administrativa. Como no reino de España para a constitucional "organización territorial do Estado" en "comunidades autónomas". Acaido se cadra pra unha estruturación administrativa, pero aberrante para o artellamento de diversas "comunidades nacionais" conforme aos principios da teoría do estado e o dereito constitucional. En resume: o problema a resolver non é "protexer ás minorías" nen "orgaizar o territorio", senón artellar diversos suxeitos políticos titulares de dereitos "humáns" colectivos identitarios. No caso de seren nacións, suxeitos colectivos titulares de soberanía e do dereito a exercela en libre autodeterminación -que queiran que non os "outros". O resto son lerias e farrapos de gaita.

Seica ficaron moi convencidos, e interesados en teren o texto da miña achega -inclusive un diles que é catedrático de dereito público na universidade de Yaundé, no Camerun, mirade por ónde... Aquil mesmo serán chegou noticia da parida do Tribunal (anti)Constitucional español sobre o Estatut dos cataláns. Que diga: do "territorio" catalán do Reino de España. "Porca miseria!" -en italián.

Nenhum comentário: