05/07/2010

Fórum mundial dos dereitos humáns

Xosé Manuel Beiras Torrado. Artigo publicado originalmente no xornal Galicia Hoxe.


Escribo a lume de carozo recén chegado de aló, e espelido por intermitentes groliños dun Porto de dez anos, galano da miña irmá Pepa, a do Rompido, no linde oriental do Al-Garb, ou sexa, o confin oucidental do califato de Bagdad, máis logo do de Córdoba. Recén chegado de aló, díxenvos. Aló é Nantes, neste caso, a capital histórica da Bretaña que, curiosamente, e absurdamente tamén, non está hoxe dentro do territorio demarcado como "rexión" bretona polo Estado francés. A rexión -ésta si- nantesa, no treito final do curso do Loira, é a máis meridional das cinco que integran a Bretaña histórica, da que Nantes era a capital, sede real, primeiro, e logo ducal. Pra que non haxa dúbidas diso e a simples perceición visual reavive a cotío a memoria colectiva, a realidade física da cidade conserva incólumes duas pétreas testemuñas históricas ben elocuentes, malia seren inertes e silandeiras. Unha éo o castelo-pazo dos Duques de Bretaña: impoñente castelo medieval coa famosa Torre da Ferradura, que contén no seu recinto amurallado o elegantísimo pazo ducal renacentista. A outra está na catedral gótica do s.xv - resplandecente interior de esbeltísimas naves con lanzais colunas exentas de chapiteis que gavean rectilíneamente até as abóvadas: no cruceiro, o monumental mausoleo do Duque Francisco II e a sua dona, fermosísima obra renacentista encarregada pola famosa Duquesa Ana de Bretaña, máis logo raíña de Francia.

O deseño napoleónico uniformista e centrípeto do Estado francés convirtiu eses cinco territorios en "departamentos" administrativos -como as provincias en Celtiberia. Porén, os cinco conservaron a sua identidade bretona, até os tempos da ocupación nazi nos que, segundo me dicía o meu amigo Yann Choucq, o governo de Pétain "segregou" o departamento nantés. Ora, decenios máis tarde, cando o Estado francés procedeu á rexionalización administrativa do territorio meiante a agrupación de departamentos -coma eiquí coas "comunidades autónomas"- e se formalizou unha "rexión bretona", o de Nantes non foi re-integrado nela, senón incluído na denominada "Pays de la Loire". De xeito que, dicíavos, a actual Bretaña ten a sua auténtica capital localizada extramuros dos seus lindes "administrativos". Pavero, non si?. Mais qué nos vai sorprender a nós!: por mor de peripecias histórico-políticas ben diferentes, mais con análogas consecuencias, aínda están extramuros da "comunidade autónoma" galega nada menos que as antano Galiza(s) Bracarense e Asturicense. Así que os bretóns tamén teñen, coma nós, a sua Bretaña "irredenta". As orgaizacións bretonas reclaman arestora a reunificación do territorio histórico do seu país: alí estaban en festeira manifestación reivindicativa, no eirado da "Cité des Congrès", cando aló chegamos o Choucq e máis eu pra participarmos no IV Forum Mundial dos Dereitos Humáns que ía desenvolverse durante catro xornadas nese moderno recinto, moi espacioso e funcional, sito á beira mesma do Canal Saint Félix, a un tiro de pedra do casco antigo da cidade.

Yann Choucq e máis eu somos amigos dende hai máis dun cuarto de século. Amigos e máis camaradas e viciños, mar por medio -o mar que media antre a Mariña lucense galega e o Morbilhan bretón, onde o Choucq naceu. Coñeceramonos a comenzos dos oitenta, durante o proceso de xestación do que ía ser a Conferéncia de Nacións-sen- estado de Europa (CONSEU), constituída na sua Iª Asemblea en Barcelona, a finais do 1985 -eu viña de resultar elixido por primeira vez deputado do BNG no Parlamento galego. O proceso de xestación desenvolvérase nos anos precedentes, meiante a criación dun Secretariado internacional con sede en Paris e integrado por grupos políticos de diversas nacións europeas inda non emancipadas. Choucq, advogado de profisión, militaba daquela en EmGann, un dinámico partido nacionalista bretón de esquerda, e como tal participaba naquela angueira. Demócrata e republicán incoercíbelmente radical, o Yann éravos, e segue a ser, un home de extraordinaria lucidez, imaxinación e criatividade, cunha insólita enerxía vital que inda agora conserva, e dotado dun temperamento expansivo e optimista e un inestiñábel humor cáustico moi ao xeito do noso -ousarei dicilo na tradición dos nosos máis ilustres devanceiros: antropolóxicamente moi "celta". Sintonizamos e empatizamos de imediato: sintonía ideolóxica e empatía temperamental e afectiva. Naceu así unha amizade e camaradaxe que, malia algúns demorados períodos sen ocasións de nos encontrar, habería perdurar incólume no tempo.

Dende aquela, a andaina da CONSEU proseguíu ininterrumpida deica hoxe, con altibaixos e reviravoltas no camiño, e mesmo cunha relativa metamorfose no xeito de estaren representadas nela os diversos povos que a integran. Até a revitalización e ampliación destes últimos anos, que a conduciu a se artellar con movementos de nacións non europeas, conectar cos dos povos orixinarios americáns, orgaizar con todos iles un espazo peculiar no FSM do 2009 en Belem do Pará, e finalmente criarmos a Rede Mundial dos Dereitos Colectivos dos Povos -formalmente constituida nunha sesión celebrada o pasado abril en Girona. En todo ese itinerario foi constante a activa presencia do Choucq, convirtido entretanto nun moi documentado especialista na dimensión xurídica das "cuestións nacionais" a máis de activo defensor dos "dereitos humáns" no eido do dereito penal internacional.

Foi precisamente en Girona onde nos atoparamos a última vez, coincidíndomos non só na constitución da devandita Rede, senón en participarmos os dous como "observadores internacionais" na segunda rolda das "consultas" populares encol da independencia celebrada nesas mesmas datas. E foi nesa ocasión cando me propuxo participar como ponente nunha das palestras que se estaban a programar no marco do IV Foro Mundial dos Dereitos Humáns a celebrárese a fins de xuño en Nantes. Ese encontro internacional ten lugar na capital bretona cada dous anos dende o 2004. O Foro está acollido ao padroádego da UNESCO, ten como sede a Cité des Congrès nantesa, e orgaízao o "Secrétariat international permanent Droits de l"Homme et gouvernements locaux" coa colaboración dunha serie de entidades, institucións e organismos franceses e internacionais, dende o PNUD (o Programa das NU para o desenvolvemento) ou a WACAP (a Alianza mundial das cidades contra a pobreza) até o Concello e a Universidade de Nantes. Precisamente, unha das institucións colaboradoras é o Colexio de advogados da cidade -eis por qué puido tomar Choucq a iniciativa de convidarme a participar.

Nesta cuarta edición do Foro, a programación estruturábase en catro eixos temáticos cardinais: o dereito á alimentación; os dereitos identitarios dos povos e das minorías étnico-culturais; as liberdades de expresión e de opinión; e os dereitos laborais e sociais no contexto da crise. As duas palestras orgaizadas por Choucq e os seus colegas tiñan estes rótulos: unha delas, "Povos, cidadanía, igualdade, identidade: pódese construir o respeito mútuo dos dereitos na diferencia e a diversidade?"; a outra, "Democracia, orgaización territorial do Estado e proteción das minorías". Semelloume atraínte, de xeito que aceitei encantado e con moita curiosidade polo fervedoiro de opinións e actitudes diferentes e contraditorias que alí seguramente tería lugar. E así foi, nefeito. Mais -escusádeme- xa non hai espazo pra volo contar hoxe. Outro día, se cadra -ou se cadra non. A lume de carozo púxenme a escribir, e fume de leña verde se volveu ao remate. Mea culpa.

Nenhum comentário: