18/07/2010

A fraude da austeridade

Xosé Manuel Beiras Torrado



Ía escribir "falacia" no canto de "fraude", mais rectifiquei a tempo. Porque a mal-chamada "política de austeridade" non só é falaz, senón tamén fraudulenta. Falaz, si, dixen. E éo porque encobre unha falsidade. Austeridade é o contrario de desbaldimento, destrago, despilfarro -de recursos, ingresos, patrimonio. Ou sexa, o contrario de lles dar aos recursos dos que se dispón un uso indebido, un destino que os destraga inútelmente, unha aplicación que os esteriliza económica e socialmente -que os "bota a perder". Austeridade é o contrario de gasto suntuario, por caso. O contrario do que fan as oligarquías dominantes nunha "sociedade opulenta", do que fai a plutocracia financeira no universo da especulación.
Daquela, unha política "de austeridade", para ser tal, debera de consistir en impedir que os grupos sociais opulentos, as minorías sociais que "nadan na abundancia", os plutócratas que se enriquecen descomunalmente na especulación, destraguen ao seu antoxo as enormes fortunas que amasaron, e consumen así o desbaldimento de inxentes recursos económicos que son necesarios para o benestar do conxunto da cidadanía. Noutras verbas: impedir que se "esterilice" socialmente o "excedente económico" enxendrado pola forza de traballo das xentes do común e do que se aproprian en exclusiva as clases dominantes en calquer sistema no que non se opere unha equidistribución do produto e o ingreso sociais. Ora, nada diso fan as políticas "de austeridade" que andan a decretar, supostamente para remediaren a crise, os governos que padecemos.
E pola contra: nada ten de destrago, e en nada resulta incompatíbel coa austeridade, destinar recursos orzamentarios abondos a finanzar servizos públicos e sociais de calidade na sanidade, no ensino, na cultura, na esculca científica, na seguridade social, na cobertura do desemprego, na atención aos nenos e ás nais, na xubilación dos vellos que traballaron durante toda a sua vida "útil" -ou, non digamos xa, na provisión de fondos para unha "renda básica" que calquer sociedade "civilizada" debera ter establecida a estas alturas da historia. Mais veleiqui o paradoxo: son mesmamente esas castes de "gastos públicos" as primeiras vítimas das políticas que os governos denominan "de austeridade", os primeiros destinos de recursos orzamentarios que se suprimen ou demoucan. Xa que logo, esa denominación encobre un engano, os governos míntenlles aos cidadáns do común: a austeridade que predican é unha falacia.
No entanto, non se non trata só dunha falacia, senón asemade dunha fraude, si, dixen tamén. Vexámolo. A natureza fraudulenta das políticas "de austeridade" radica, para empezar, en que a austeridade non é de ningún xeito o obxetivo que persiguen. Lonxe diso, a finalidade desas políticas consiste en "axustar" o funcionamento económico da sociedade, en todos e calisquer países, aos intereses e criterios de acción dos poderosos especuladores que hexemonizan a manipulación dos mercados financeiros: niso mesmamente consisten os plans de "axuste estrutural" impostos polo FMI -que é o "brazo armado" deses poderes financeiros na economía "global" do actual sistema-mundo, do "fascismo financeiro" ao que se refire Sousa Santos.
Eses intereses están en conflito, por unha banda, coa economía real onde se operan os procesos produtivos de bens e servizos, poisque nese eido, desque comezou a xa ben longa crise de sobreproducción, non poden realizar os beneficios que obteñen meiante a "finanzarización" da economía, é dicir, destinando os capitais a operacións especulativas nos mercados do diñeiro. E por conseguinte están en conflito, por outra banda, cos intereses e necesidades da imensa maioría da cidadanía, que ela si que depende primordialmente de cómo funcionen os procesos que se desenvolven no eido da economía real -os procesos de produción e distribución nos que as xentes do común obteñen os seus ingresos fundamentalmente como traballadores, e non como especuladores financeiros, rendistas nen banqueiros. As políticas de "axuste" disfrazadas de "austeridade" provocan ou aceleran a recesión económica, e portanto degradan as condicións de existencia e benestar da imensa maioría social. Nada que ver, xa que logo, con ningunha caste de "austeridade". Todo que ver, en troques, co asalto final ao "estado do benestar". Marshall Auerback dicíao paladinamente hai pouco: "as elites (financeiras) percuran destruir o Estado social inda que sexa a custe de mancar a recuperación económica: a amnesia colectiva e depravación moral desas elites é verdadeiramente inconcebíbel". E engadía: "as ameazas proferidas polos terroristas do déficit representan un verdadeiro asalto ao noso dereito a traballar".
Mais a fraude non se reduce a iso -a cousa non para aí: é moito máis diabólica. Como di nun seu recente artigo o lúcido catedrático sevillano Juan Torres, "os grandes poderes financeiros e económicos conseguiron vencer aos governos, e están a conseguir que istes (...) leven a cabo programas de axuste que, de non impedírmolo, van supór unha nova derrota histórica das clases traballadoras". Tentarei resumirvos a sua certeira descrición da estratexia seguida por eses poderes. Primeiro, a banca privada conqueriu impor o principio de non permitir que os bancos centrais -bancos de Estado- puidesen finanzar con empréstimos aos governos. A seguida, acaecido o colapso do sistema financiero, reclamaron os servizos de salvamento dos Estados -os famosos "plans de resgate": "os governos tiveron que dedicar billóns de euros a salvar aos bancos, para evitar que a sua creba fixese saltar polo ár o sistema financiero internacional". Como consecuencia, disparouse a criación de diñeiro no centro do sistema e a emisión de débeda pública dos diversos governos -mesmamente para finanzar os devanditos "plans de resgate". Na UE, o BCE (Banco Central Europeu) baixou a tasa de xuro referencial -o "euribor"- até o 1%, para que a banca puidese abrir as billas dos préstamos a empresas e familias. Mais a banca dedicou os tan baratos fondos así conseguidos, non a finanzar a economía real, senón a aproveitarse de que aos bancos centrais non se lles permitía finanzar aos governos... e suscribir ela a débeda pública ao 4 ou 5% -ou sexa, a especular coa débeda que os governos emitiran para salvar á banca da creba. Por riba, banca e fondos especuladores botáronse a propalar rumores de que os governos non ían poder pagar a débeda, para chantaxealos e forzalos a elevar a tasa de xuro da débeda emitida -até "incluso o 10%, coma no caso grego".
Negocio redondo -e chantaxe eficacísima, polo que se bota de ver nos feitos. "Ésa é a orixe dos "plans de axuste" que están a aplicar os governos que cederon a esas chantaxes" -di Torres. E conclue con este aviso ben brechtián: "Non nos enganemos. Non hai razóns de fondo, nen científicas nen sequer de beneficios empresariais, que xustifiquen a redución do gasto público, a reforma laboral (involutiva), a privatización de servizos ou das pensións. Só se percura privilexiar a capacidade de acción das grandes empresas e dos financeiros. Mais iles saben moi ben que, nesas condicións, as crises vanse volver cada vez máis reiteradas e fondas -e por iso tentan impedir que haxa vías de resposta social, (...) que haxa poderes representativos cos que a cidadanía puidese facer frente e dar resposta ao que está por vir, que non é senón unha contínua desorde financeira e unha perda de estabilidade e benestar. O que está en xogo, portanto, non é só unha custión de salarios nen de recortes de gastos de Estado. O que está en perigo é a democracia e a liberdade".
Así que niso vos consiste a política "de austeridade". Xa vedes: se iso todo non é unha fraude descomunal, qué diaño pode ser? -parafraseando a Curros, e en boca do deus Moloch dos fascistas que retratara Castelao: se iso é a austeridade que eu fixen, que o demo me leve. Mais ao cabo, todo encaixa. Na "revolución" do 68 a consigna seica fora: "a imaxinación ao poder". Pois logo, arestora toca: "a delincuencia ao poder" -sen dúbida a consigna que millor lle cadra a esta infernal contrarrevolución enxendrada nas avesías espeluncas do fascismo financiero actual.

Nenhum comentário: