Na reviravolta do milenio -e non, abofé, por ningunha profecía milenarista- mudaron as tornas para o BNG no contexto externo -dicíavos "onte". Mais, infortunadamente, mudaron asimesmo na sua dialética interna -dicíavos tamén. Duas castes de frenómenos, ben diferentes inanque interactuantes, contribuiron primordialmente a esa mudanza interna -para mal. Os da primeira caste foron consecuencia do proprio éxito do BNG no eido da política institucional, é dicir, do seu veloz ascenso eleitoral, tanto nas institucións municipais canto na cámara lexislativa galega. En primeiro lugar, ese proceso sorbeu cada vez máis enerxías e efectivos humáns cara as funcións institucionais, en detrimento do traballo no seo da "sociedade civil" -poisque a militancia medraba proporcionalmente moito menos ca o apoio eleitoral e a correlativa presenza nas institucións políticas. Mais o tecido social era, por unha banda, o viveiro fornecedor de nova miliancia e, pola outra, a agra aberta para a proliferación do proxecto político estratéxico do nacionalismo, ou sexa, para o avance do proceso de emancipación social e nacional -que non cabía no corsé constitucional e estatutario. Eis, xa que logo, o primeiro problema a resolver: a prática institucional tornábase, a fortiori, "autonomista", mais compría que a loita política nas institucións autonómicas potenciase o avance no proxecto estratéxico que as transcendía, e para iso era preciso pór habelenciosamente ao seu servizo a praxe -discurso e acción- no marco institucional e revitalizar a rede de penetración social necesaria pra a sua difusión. Ora, mesmamente iso, a partir da revolta do milenio, deixouse progresivamente de o facer: a actividade política do BNG deu en escorar máis a cada pouco cara o costado dunha prática institucional autonomista e análoga á usual nos partidos convencionais, nunha deriva que o arredaba do roteiro marcado polo seu proxecto xenuino e da cidadanía máis ilusionadamente identificada con il.
Por outra banda -en segundo lugar- ese proceso eleitoralmente ascendente levara ao BNG a se convirtir en alternativa de governo autónomo -ao superar ao PSOE na cámara galega, no 1997- e a acceder ao governo de cinco das sete maiores cidades -nas municipais do 1999. Ese éxito municipal disque -ou considerouse que- situaba ao BNG na rampla de lanzamento cara a Xunta, mais en realidade esas novas responsabilidades institucionais púñano de imediato perante a coñecida disxuntiva de "xestionar" ou "transformar" o existente -ou acertar na acaída combinación deses dous elementos de oposta natureza, correlacionados respeitivamente coas constricións do marco institucional e as esixencias do proxecto político emancipador. E esa mesma disxuntiva -só que en termos de máis grave dificuldade- pairaba no horizonte, aberto polo famoso "sorpasso", de acceso ao governo autónomo. Ora, infelizmente, non foi ese problema, nen os seus derivados ou concatenados, o centro de gravedade da dialética interna suscitada pola nova posición do BNG no nível da política institucional. Foino a metamorfose do abano de diversas leituras converxentes do proxecto político da frente, ligadas polo principio sobranceiro da cooperación solidária na tarefa común, nun mosaico de desiguais campos de forzas en competición por acadaren cadansúas posicións proveitosas na agra institucional -e velaí a segunda caste de fenómenos causantes da referida mudanza interna... para mal.
Nesa metamorfose interna tivo un rol determinante a executoria do núcleo dirixente da UPG. En parte, coido eu, pola sua leitura pesimista do escenário político tanto intra coma extra-nacional -traducindo un comprensíbel "pesimismo da razón" nun improcedente "pesimismo da vontade"- e en parte, coido eu tamén, pola índole ideolóxico-política desa formación -unha deriva dos constructos M-L da que existen abondas mostras en diferentes contextos na historia do pasado século, na que a perda de referentes e o esluimento dos idearios matriciais confínannos na sua peculiar concepción dos aparellos de poder e o seu control, nunha sucesiva suplantación da clase revolucionaria polo seu partido, e diste pola sua cúpula. O primeiro factor conduciuna a unha estratexia defensiva de "terra queimada" e encastelamento nas cidadelas do territorio nacionalista, coa auto-proclamación como baluarte senlleiro do "patriotismo" dentro da frente e máis a conseguinte avaliación pexorativa do resto dos seus segmentos. O segundo impelíuna a tentar controlar o aparato orgaizativo da frente para acadar así o control da sua presencia e actuación na política institucional.
Esa tendencia, relativamente aletargada durante os felices anos de "viño e froles", reactivouse -"espertou do seu sono"- coa conversión do BNG en alternativa de governo galego, agudizouse co brusco salto adiante no poder municipal, exacerbouse co impacto da involución política no "aznarato" e no escenario internacional, e transformouse en ofensiva interna sen reparos após o fracaso do 2001 en chegarmos á Xunta. Semellante executória, desque foi percibida polos restantes grupos orgaizados dentro da frente, contribuíu a suscitar a metamorfose antes referida, que convirtiu aos máis diles -non todos- en cativos "lobies" ou grupos de presión en percura dun lugar ao sol da U, ou á contra dela -dinámica que ela soubo manexar con habelencia, compre dicilo, para os seus fins. O proceso así conducido lograría reconverter, subrepticiamente, o anovador deseño frentista en leque, xenuino do BNG, na sucesión de círculos concéntricos da vella xeometría frentepopulista precedente. Ou se cadra -coa inestimábel colaboración doutros grupos de cadros dirixentes- transformalo nalgo así como un partido proteiforme -en diversas "correntes" ou "sensibilidades"- con outro partido no seu núcleo -iste, en troques, fundido dunha peza en aceiro "corten". En calquera dos casos, reinstaurar o "centralismo democrático" vertical en sustitución da democracia participativa horizontal de base asemblearia, e a bisección asimérica en maioría e minorías no canto do pluralismo igualitario e operante por respeito recíproco e consenso. Non compre dicir que a metodoloxía seguida para lograr parella metamorfose resultou análoga, en principios e resultados, á famosa terapia aplicada polos médicos do antigo rexime aos pacientes afectados por doenzas infeciosas, que sangaban ao enfermo pra lle extraer os "humores pezoñentos" causantes das calenturas -e poucos sobrevivían a semellante tratamento, claro está. Non. Non riades, que o conto é triste, non si?.
De xeito que a estadea do ideoloxema dos "dous mundos" fixo outravolta reaparición. E nunha versión máis insidiosa e corrosiva, poisque operaba no interior do recinto da propria frente, corroía os vencellos da confianza recíproca indispensábel para manter a coesión entre os diversos sectores ideolóxicos, esmendrellaba o "proxecto común" e esgazaba o corpo militante en dous segmentos xerarquizados: o núcleo "patriótico" e "obreirista" constituído na sua cabeza, e o resto, progresivamente considerado e tratado como "fofo", inconsistente e só valedeiro para recibir, acatar e executar as direitrices e consignas transmitidas por un aparato verticalizado que a cabeza controlaba virtualmente en exclusiva. A supresión do dereito dos militantes de base a participaren direitamente, con voz e voto, nas asembleas nacionais da frente, púxolle o ramo ao proceso de de-construción do deseño fundacional do BNG baseado na democracia horizontal participativa -ou sexa, no principio da "fraternidade".
O resultado foi, claro está, o esclerosamento do sistema arterial do Bloque e a correlativa perda de criatividade e capacidade de liderádego ideolóxico, político e social verbo do común cidadán da nación. Fenómenos moi axiña traducidos na progresiva perda do prestixio e ascendente referencial sobre os espazos cívicos e sociais adxacentes ao eido soarengo do BNG -ou sexa, o máis preciado patrimonio acumulado nos tres lustros precedentes polo nacionalismo galego, a bagaxe máis valiosa para gavearmos no costento camiño cara a hexemonía. Alá vai a rebolos costa abaixo pola aba do monte, coma no mito de Sísifo. Mais non é mito, non hai meigallo. Hai teimudez sectaria, como a do Lassalle outrora denunciada por Marx, século e meio atrás. Hai, portanto, responsábeis, malia que eludan e enmascaren esa sua responsabilidade. Dos que, ensimesmados e ensoberbecidos, esqueceron que é o povo -galego- quen máis ordena. O povo, e non os seus pretensamente infalíbeis intérpretes omniscientes. Alá iles: non quixera eu estar no seu pelexo. Non, abofé.
Nenhum comentário:
Postar um comentário