28/11/2010

Crises de hexemonía (I).

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (aquí).



[Para unha visión histórica das crises do "capitalismo moderno" e unha comparación coa actual, na que se trata o tema das crises económicas como crises de hexemonía, é moi asequible o artigo de KRÄRTKE, MICHAEL; "La crisis en la que estamos. ¿La Tercera Gran Depresión o la Cuarta", en Sin Permiso, nº 7, revista que xa temos recomendado neste blog].


Á altura de 1999, na súa maxistral obra Chaos and Governance in the Modern World System, Giovanni Arrighi e Beverly Silver encetaban o enunciado das súas conclusións finais coa seguinte proposición: "A expansión financeira global das últimas duas décadas non é, nen un novo estadio do capitalismo mundial, nen o pregoeiro dunha "vindeira hexemonía dos mercados globais". Máis ben é o sinal máis claro de que estamos no medio dunha crise hexemónica". E pronosticaban: "Daquela, pódese contar con que a expansión sexa un fenómeno transitorio, que rematará máis ou menos catastróficamente, segundo como sexa manexada a crise pola potencia hexemónica en declive". Van alá dez anos longos: hoxe sabemos moi ben de qué xeito temerario e belicista foi "manexada" a crise pola "administración Bush II" dos USA - e estamos a pagar as "catastróficas" consecuencias os infelices cidadáns do común de todo o planeta, naturalmente reducidos á condición de súbditos virtualmente desposuídos dos máis básicos dereitos cívicos e democráticos, inclusive o exercizo da soberanía política.
Xa a comenzos dos noventa, Eric Hobsbawm, na sua History of the World 1914-1991, calificara os decenios dos setenta e os oitenta como "décadas de crise universal ou global". Arrighi e Silver, ao relembráreno, diagnostican o proceso crítico aberto nese período como "cambio sistémico", e establecen a súa relación cos procesos históricos de "transición hexemónica". Na introdución desa sua mesma obra, definen o "cambio sistémico" nestes termos: "un proceso de radical reorgaización do moderno sistema-mundo que muda substantivamente a natureza dos compoñentes do sistema, a maneira en que eses compoñentes se relacionan uns cos outros, e máis o xeito en que o sistema opera e se reproduce". Isto equival a dicir que mudan non só os elementos ou estruturas parciais, senón as proprias leis estruturais de composición e transformación do sistema como conxunto ou estrutura global: trátase, logo, dunha transición histórica na "longa duración", que diría Braudel.
Para detectaren e sistematizaren as analoxías antre os ciclos das sucesivas hexemonías na historia moderna do sistema-mundo, Arrighi e a sua compañeira analisan unha tras outra a dos Países Baixos, cuxo declive no s. XVIII abre a transición cara a da Gran Bretaña, en declive á sua vez dende fins do s. XIX para ceder o relevo á dos USA: precisamente o comenzo do declive desta última hexemonía vai vir marcado polo inicio da actual "crise de cambio sistémico", a principios dos setenta. Xa que logo, a crise actual, ademáis de ser sistémica, e pola mesma atinxir a tódalas instancias estruturais do sistema-mundo - económica, ideolóxica e política - é asimesmo a crise da hexemonía da metrópole norteamericán no conglomerado mundial do imperialismo capitalista: a exacerbadamente agresiva política ianqui deste último decenio resulta ser así, paradóxicamente, unha estúpidamente cega e megalómana reacción defensiva dun macro-poder en decadencia - inútelmente defensiva ao cabo, certamente, pero tan mortífera coma os instintivos coletazos espasmódicos dun xigantesco brontosaurio moribundo, que o destrue todo no seu radio de acción deica morrer de vez.
Se antes aludín de esguello ao grande Fernand Braudel, é porque Giovanni Arrighi, o mesmo que Inmanuel Wallerstein, son convictos braudeliáns. Delambos transitan polo camiño aberto por ese egrexio pioneiro na análise e sistematización do proceso histórico de formación, desenvolvemento e mundialización do capitalismo dende o medioevo europeu aos nosos días. E ámbolos dous elaboran cadanseu deseño dun modelo de ciclo hexemónico que se reproduce ao longo da historia do modern world system. As dúas versións gardan moitas concomitancias entre si, están cardinalmente emparentadas. A diferencia primordial estriba na identificación das causas determinantes da dinámica do ciclo hexemónico: mentras Wallerstein remíteas en última instancia a fontes dinámicas esóxenas, Arrighi e Silver baséanas primordialmente na dinámica endóxena do cambio sistémico.
No modelo de Arrighi-Silver - traducíndovolo en termos moi esquemáticos - o ciclo hexemónico consta de tres grandes fases. A primeira é a da hexemonía constituída: nela, o estado hexemónico leva a cabo un proceso de "reorganización sistémica" e protagoniza un período de "expansión sistémica", durante o cal será emulado por outros diversos estados. A segunda é a fase da "transición hexemónica", subdividida á sua vez en duas etapas. Primeiramente, ten lugar a "crise hexemónica", caracterizada por tres fenómenos cardinais: o exacerbamento das rivalidades inter-estatais e máis da competición inter-empresarial; a agudización dos conflitos sociais; e a emerxencia de "novas configuracións de poder". A seguida, esa crise tradúcese en "creba hexemónica": o esborrallamento da hexemonía orixina unha situación de "caos sistémico" que vai caracterizar ese período, durante o cal vaise ir configurando unha nova e alternativa centralización-concentración de "capacidades sistémicas" que acabará por facer emerxer un "novo estado hexemónico". E velaí o inicio da terceira fase, a da "nova hexemonía", na que ese novo centro hexemónico de poder vai operar unha nova reorgaización sistémica, suscitar a sua emulación por outros, e protagonizar o novo proceso de expansión sistémica -co que se reanuda o ciclo no subseguinte período histórico.
Contemplada nunha visión histórica retrospeitiva e a traveso desas claves interpretativas, resulta que a crise á que máis se asemella a actualmente en curso non é a do 1929 e subseguinte Grande Depresión dos anos trinta, senón a "crise finisecular" do XIX: a que se desencadea a partir do 1873, vaise prolongar durante decenios e atravesar inclusive os "felices" anos da famosa belle époque, deica acadar o seu primeiro desenlace en forma de conflito bélico mundial, a Gran Guerra de 1914-18 - e digo "primeiro desenlace" porque, en rigor, non vai ser o desenlace definitivo: o subseguinte período de entre-guerras vai constituir unha prolongación dese proceso de crise sistémica que marca e abrangue o declive da Gran Bretaña como epicentro do sistema-mundo do entón, ou sexa, do conxunto do sistema capitalista ao nível de mundialización acadado naquela altura.
Nefeito, conforme ao modelo que estou a comentarvos - e tal como o proprio Arrighi, falecido no 2009, ten aseverado en artigos e entrevistas destes últimos anos - a Grande Depresión dos anos trinta é a crise "terminal" do período de "caos sistémico" aberto coa Gran Guerra do 14 -18: portanto marca o peche, e non o o comenzo, de aquela "transición hexemónica", co definitivo breakdown da hexemonía británica e o seu tamén definitivo relevo polos USA a partir da IIª Guerra Mundial.
En troques, os últimos decenios do s. XX constitúen a primeira etapa, e non a derradeira, da actual "transición hexemónica": a etapa da "crise hexemónica" que marca o "sinal" (1973) do "longo declive" da hexemonía norteamericán - no que, a partir de 2001-2003, as "guerras preventivas" de invasión en Afganistán e Irak anunciarían o comenzo do "caos sistémico" definitivamente aberto co crack de Wall Street no 2008. De xeito que - teimarei en reiteralo - a fase equivalente á do actual "longo declive" hexemónico dos USA no ciclo históricamente precedente, o británico, sería a que comenza - bulreiros caprichos da historia! - esactamente cen anos antes, coa crise "sinal" do 1873, e vai durar até o estoupido do "caos sistémico" coa Guerra do 14. Por certo, outra bulreira chiscadela da historia - desta vez doméstica: trátase mesmamente da "crise económica da época presente", así rotulada por Alfredo Brañas na sua leición de apertura do curso universitario compostelán do 1892-93... Lembrádesvos?

Nenhum comentário: