27/11/2010

Os dous tipos de neoliberalismo

Xavier Vence en Xornal (aquí).
Imaxe tomada de aquí.


Van aló dous anos longos desde que a crise financeira estourou con estrondo. Moitos vimos que se trataba do colapso final dun modelo de economía finanzarizada construída sobre sucesivas burbullas de débeda. Un sistema financeiro desregulado e global –non só a banca senón sobre todo os Fondos e outros chiringuitos– foran creando durante anos enormes cantidades de diñeiro ficticio mediante produtos financeiros a cada paso máis sofisticados e máis ficticios. Unha vez que aquela enorme burbulla estourou o que algúns propuxemos foi a desmontaxe controlada dese modelo e que os que se beneficiaran con aquela enxeñería correran coas consecuencias, cando menos en parte, mediante o encaixe das perdas provocadas e mediante unha política impositiva especificamente dirixida a rescatar para a sociedade parte daquelas ganancias acumuladas e que haberían de servir para facer fronte a unha parte dos inevitábeis custos sociais da crise. Claro está que ese non foi o camiño seguido polas autoridades políticas e económicas do “mundo rico”. Emprenderon unha irresponsable política de rescate dos sectores sociais involucrados entregando os recursos públicos presentes e futuros en programas de gasto, axudas, créditos, avais, garantías etcétera a beneficio daqueles. Algúns inxenuamente crían que se trataría dun esforzo transitorio para remontar a fase baixa do ciclo e que rapidamente todo volvería a rular normalmente. Agora podemos ver o lonxe que estaban da realidades os “expertos” realistas. O certo é que con aqueles argumentos as débedas privadas –sobre todo das propias finanzas– convertéronse en públicas dun plumazo. É difícil poñer cifras exactas a iso pero as estimacións oscilan entre 13-15 billóns de dólares. Poucos serán capaces de calibrar o que esas cifras astronómicas poden representar pero entenderase moito mellor se dicimos que iso equivale a un 21-25% do PIB mundial. Iso é o que nos leva costado o intento de manter con vida ese modelo neoliberal. Claro que aínda non o pagamos e agora empezan a pedirnos contas para que paguemos e garantamos que pagaremos o que resta no futuro. Niso reside todo o secreto da crise da débeda soberana dos países europeos.
O peor de todo é que encaixar un 25% do PIB mundial ás costas dunhas sociedades que xa viñan atravesando dificultades e con capas da poboación importantes nas fronteiras da privación non pode resultar doado. En realidade sorprende a capacidade de lexitimación das medidas adoptadas até agora; certo que o estoicismo mostrado até agora polas sociedades afectadas deriva do feito de que sacrificios realizados víronse con pasaxeiros pero a situación é bastante probable que mude unha vez que a sociedade perciba que iso era só o principio dun longo período de sacrificios aínda máis dolorosos. Máis aínda, cando perciba que serviron de moi pouco porque a magnitude do burato era tal que non é posible restablecer o curso normal da economía sen antes mudar as bases do modelo. Despois de todo o feito e asumido polas contas públicas resulta que a banca seguen tendo unhas débedas duns 4 billóns de dólares –cando menos– que deben renegociar. Outro 7% do PIB mundial que se engade ao anterior.
O dramático é que diante dese panorama insoslaiábel só se perciben dous tipos de respostas entre as forzas de goberno: os defensores do neoliberalismo puro que quere cargar toda a conta sobre o gasto público social e o liberalismo máxico que cree poder resolvelo en base a estímulos monetarios e dándolle a manivela do diñeiro ficticio. Pero ningún dos dous pretende tocar as bases do modelo nin os impostos ás grandes fortunas e as rendas do capital e especulativas.

Nenhum comentário: