15/11/2010

É un mito que a dereita non regula a economía, faino constantemente. Entrevista

David Casassas. Entrevista tirada de aqui. A orixinal apareceu en La Opinión de A Cruña en 9 de Novembro de 2010.

A publicación galega La Opinión A Coruña entrevistou a David Casassas, membro do comité de redacción de Sen Permiso, con motivo da presentación do seu libro La ciudad en llamas. La vigencia del republicanismo de Adam Smith (Montesinos, 2010). A entrevista, que reproducimos a continuación, realizouna a xornalista Isabel Bugallal.

Está empeñado en explicar que o liberalismo que tantas veces invocan os partidos conservadores, incluído o PP, nada ten a ver co ideario do autor de A riqueza das nacións, o economista e filósofo ilustrado Adam Smith. Así o expón en La ciudad en llamas. La vigencia del republicanismo de Adam Smith (Montesinos, 2010) o profesor de Teoría Social da Universidade Autónoma de Barcelona David Casassas, que onte presentou o libro na Coruña convidado pola agrupación dos Novos Republicanos.

-Liberalismo de dereitas?

- A doutrina liberal di: somos libres cando somos iguais ante a lei. A liberdade, pois, non ten fundamentos materiais, polo cal non hai que intervir na sociedade e na economía: iso favorece á dereita.

- Iso dicía tamén Adam Smith?

- En absoluto. O termo liberal, no sentido moderno, aparece en 1812, coas Cortes de Cádiz. Antes do século XIX, o termo 'liberal' significaba, simplemente, 'xeneroso' e neste único sentido utilizárono Adam Smith ou Locke -dos que agora se reclaman herdeiros certos adaíles do liberalismo-. A idea de liberdade de Smith ten unha base material: só hai liberdade cando se goza de autonomía material, un é libre cando é independente, e iso require intervención pública, tamén para Adam Smith. Pero o liberalismo rompe con esta idea.

- Ou sexa que a dereita o interpreta mal.

- Fai unha interpretación moi parcial. Politicamente, é un engano e, academicamente, unha patraña. Adam Smith non cría que os mercados fosen independentes da política, senón que os presentou como o resultado de certa acción política, e esa acción política ten a ver coa defensa dos intereses dunha clase privilexiada ou do conxunto da poboación. Para que "a man invisible" [a autorregulación do mercado] funcione, necesitamos a intervención do Estado na economía; a partir de aí, poderemos promover intercambios en condicións de liberdade e facer que os individuos sexan realmente libres.

- Quizais tería que dicirllo a Esperanza Aguirre ou ao ideólogo de Rajoy, José María Lasalle.

- Cando se fai propaganda a curto prazo e se sesgam os discursos, aténdese pouco a razóns académicas ou de rigor histórico. O mercado pode ser un instrumento da dereita, pero tamén da esquerda, e iso hai que dicirllo. A esquerda fixo moitos agasallos á dereita: "non nos interesa o individuo ou a democracia porque é algo burgués", dixo ás veces, e iso é unha bobada; "non nos interesa a liberdade, senón a igualdade"; "non queremos o mercado"... Coidado! Iso é un desatino. A esquerda ten que entender tamén que sempre houbo e haberá mercado e que o que hai que facer é tomalo moi en serio e regulalo para que o intercambio entre os individuos sexa xusto, pero non acabar co mercado. A esquerda debe repensar o mercado. Nese sentido, interésame moito máis falar coa esquerda que con Aguirre.

- Pouco Estado, pero logo hai que socorrer aos bancos.

- Iso de que a intervención estatal só ten a ver coa esquerda é unha patochada; a dereita intervén na economía, e de que maneira: por exemplo, salvando aos bancos. Pero hai moitas outras formas de intervir na economía: con política social, con políticas públicas, reforzando a posición de independencia da xente para que poida entrar nos mercados como axentes autónomos realmente capaces de obrar. Iso faría que houbese moita máis actividade económica, o que, entre outras cousas, axudaría a saír da crise. Iso da iniciativa privada non está mal, o problema é que está reservada só a uns cantos. Outro mito co que hai que acabar: é mentira que a esquerda queira regular o mercado e a dereita non; a dereita regúlao constantemente, pero en favor das oligarquías.

- Unha receita para Zapatero?

- Alguén que se pretenda de esquerda tería que recuperar o ideal do produtor libre, no sentido máis amplo, propio da economía clásica da Ilustración, e promover políticas que garantan a seguridade material do conxunto da poboación, políticas sociais e de benestar. Unha redistribución máis xusta da riqueza, políticas de sostemento de rendas, unha educación potente, unha sanidade de calidade, servizos de coidados ás persoas... todo isto é condición necesaria non só da igualdade, senón, fundamentalmente, da liberdade. A liberdade só é posible cando estamos nunhas condicións de seguridade non que nos adormentan, como din os liberais, senón que nos estimulan para operar no mercado de forma efectiva.

- Hai unha confusión perversa entre liberalismo político e liberalismo económico?

- Quizabes haxa confusión no feito de atribuír unha xénese liberal a ideas de orixe claramente republicana: as ideas de Locke, de Smith, de quen fixeron a revolución inglesa no XVII e a francesa e a americana no XVIII. Eles non optaron por un mundo liberal no que a igualdade ante a lei é criterio de liberdade. O que pasa é que, nos dous últimos séculos, fíxose unha utilización interesada destes supostos pais do liberalismo político e económico e presentáronos como adaíles dun capitalismo que en ningún modo aseméllase ao que deixaron nos seus escritos. Eles pensaron o republicanismo comercial, unha sociedade libre no mundo da manufactura e do comercio, antes da aparición, no XIX, do capitalismo industrial, que se foi estendendo e que rompeu por completo coa ética e a preceptiva política destes autores. Non sei se aos señores do PP lles interesa, mais os académicos serios sábeno.

Nenhum comentário: