08/11/2010

Para nós nada é sagrado

Diego Taboada Varela. Artigo tirado de aqui. O autor é um sociólogo chantadino formado na UDC e que colabora semalmente em Xornal de Galicia.



“Autonomismo extrovertido e laicismo agresivo”. O primeiro termo é creación repentina do actual presidente da Xunta de Galicia. O segundo termo saiu recentemente da chistera de Joseph Ratzinger. As palabras, e o xeito en que as utilizamos, delatan as nosas filias e fobias persoais, políticas… e mesmo existenciais. Do mesmo xeito que o “autonomismo extrovertido” de Feijóo delata o seu pánico ao que él, por pura lóxica, consideraría un “autonomismo introvertido”. O “laicismo agresivo” de Joseph Ratzinger delata o seu pánico ao que él, por pura lóxica, consideraría un “laicismo pacífico”: o que deixa intactos os privilexios tributarios da súa institución.
Faime gracia o “autonomismo extrovertido” dese españolismo rancio que fai do galeguismo unha marca, un mero cliché mediático de oportunidade. Faime aínda máis gracia ese “laicismo agresivo” que a curia católica se saca da manga para adxectivar despectivamente ás sensibilidades laicas coma demos resucitados que se levantan do nicho coa única intención de perseguir a Xesucristo e impor violentamente unha ditadura comunista e atea inspirada no modelo soviético.
Os estereotipos narrativos e as cousificacións sempre foron un recurso efectivo nas loitas de poder. Ás veces xermolan para disimular a propia ignorancia: é o eterno recurso do medo. Outras veces son intencionadamente construídos, recursos estratéxicos para sementar odio, inseguridade e desconfianza ante o diferente ou o novo.
Dentro de pouco, os galegos estaremos constitucionalmente obrigados a ser “autonómicamente extrovertidos” e “confesionalmente pacíficos”, non vaia ser que nos fagamos máis introvertidos e reivindiquemos un Estado federal. Non vaia ser que nos fagamos máis agresivos e reivindiquemos o divorcio entre lady igrexa e lady Estado. Xa se sabe, é o vello conto que reza que unha cousa é a liberdade, e outra, a libertinaxe. ¡Vaia por Deus!
Autonomismo extrovertido, laicismo pacífico, galeguismo cordial, bilinguismo e plurilinguismo armónico... velaí a receita que fará de nós, os galegos, verdadeiros homes de proveito. Cunhas pinguiñas de capitalismo “de rostro humano” xa estaremos ben preparadiños para andar polo mundo adiante dicindo catro tonterías por cada cinco palabras; entón deixaremos de ser galegos para formar parte da ditadura da gilipollez a escala planetaria. Disolverémonos coma unha cullerada de azucre nun vaso de auga e cantaremos unánimemente, en versión plurilingue e armónica, os benditos milagres da libre economía de mercado.
O máis perigoso dos dogmas, ademais da debilidade intelectual de quen os defende, é as múltiples formas que poden adoptar. Hai dogmas de fe. Hai dogmas científicos. E hai, tamén, códigos de conduta, normas, protocolos, doutrinas e principios morais que se intentan impor, a base de decretazo político, coma verdades incuestionables; o motivo desta vontade de imposición é claro: convencer da incuestionabilidade dos dogmas é predispor ao individuo a guíar a súa vida en base aos mesmos. Facer do porque si toda unha tranquilizadora xustificación para convertir a preguiza mental nun hábito que irrigue a conciencia colectiva dun país enteiro.
Mais nada é sagrado, nin no ceo, nin na terra. Os escépticos somos, queirase ou non, a raza máis honesta do planeta. Para nós, nada é sagrado, todo é cuestionable, e ademais, vivimos e deixamos vivir. ¿Qué máis se nos pode pedir?

Nenhum comentário: