21/12/2010

O mellor aforro en pensións: morrer denantes

Isaac Rosa. Artigo tirado de aquí e traducido por nós.

"Hai que vincular as pensións á evolución da esperanza de vida, e mesmo ir máis aló dos 67 anos se é necesario", Pierre Beynet, economista da OCDE-.

Tanto insisten nos problemas que xerará o envellecemento da poboación, tanto repiten iso de que o aumento na esperanza de vida fai insustentábel o actual sistema de pensións, que eu xa me temo que calquera día se lle quente a boca a algún experto, portavoz de organismo internacional ou simple tertuliano ultraliberal, e digan o que talvez pensan pero calan por vergoña: que o mellor aforro sería que morrésemos antes, que non vivísemos tantos anos. Como dicía O Roto, a mellor reforma sería facer coincidir a idade de xubilación coa de falecemento.

Non me estrañaría que até tivesen feito un estudo onde incluísen a esperanza de vida como unha magnitude económica máis, susceptíbel de recortes para que cadren as contas ao final da páxina, e até con propostas para rebaixala. Soa cru, seino, pero cada vez que ouzo aos partidarios das reformas parece que lamentan que vivamos tantos anos.

Á parte de que eses argumentos demográficos son máis que dubidosos -como demostrou Vicenç Navarro-[véxanse varios artigos ao respecto neste mesmo blogue], e de que se poderían facer outras reformas menos lesivas para os traballadores, o certo é que os plans que os mercados, a OCDE, o FMI, Europa e o goberno teñen para nós poden acabar logrando iso: que vivamos menos anos e así gastemos menos en pensións.

Como a lonxevidade está moi ligada á calidade de vida, e viven máis anos as clases altas que os obreiros, non é desatinado pensar que viviremos menos se temos que traballar máis anos e en peores condicións, con menos dereitos sociais, e se ademais quédanos unha pensión de miseria [Oskar Lafonteine dicía que cun ordenado de 1.000 euros após a reforma un pensinista aleman recibiría uns 400€, vid. a entrevista a Lafonteine incluída tamén neste blogue].

Respecto disto último, a aseguradora Axa calcula que as pensións futuras reduciranse en 20% ao ampliar o cómputo a 20 anos e a idade de retiro a 67. É certo que unha aseguradora que vende plans de pensións non é inocente ao asustarnos, pero é obvio que as pensións poden rebaixarse mesmo máis: onte o ministro de Traballo propuña tomar toda a vida laboral para calculalas.

Por suposto, ninguén recoñecerá como obxectivo económico que morramos antes. Pero van camiño de conseguilo.

Nenhum comentário: