22/12/2010

Onde é que está a esquerda?

Joaquim Sempere. Tirado de aquí.

Durante decenios, o monopolio da ideoloxía neoliberal foi case absoluto nos medios de difusión, pero despois do estalido da crise económico-financeira iniciada en 2007 difundíronse diagnósticos e alternativas á mesma cunha nitidez sorprendente. Hai tempo que non se falaba tan claro publicamente destes asuntos. Os propios portavoces do neoliberalismo optaron pola discreción e o perfil baixo ante o fracaso das súas fórmulas e previsións. Pero a claridade e difusión das mensaxes sobre a inxustiza e o perigo do capitalismo neoliberal non se traducen en iniciativa ideolóxica nin política.

E mentres calan os portavoces do poder, os amos seguen co business as usual [negociar por encima de todo], como o ilustran os ataques especulativos contra países enteiros e contra os dereitos sociais e laborais da cidadanía, sobre todo ao decatarse de que non hai apenas resistencia.

Os partidos chamados socialistas seguiron a súa tónica habitual de encartarse ás esixencias do gran capital internacional, tras contribuír con afán ao despezamento dos mecanismos políticos de intervención e regulamentación da economía en todas partes, de modo que non queda máis opción que virarse cara á esquerda. Pero que se observa neste espazo político?

Por unha banda, unha escasa capacidade para atraer votos, unida en moitos casos á fragmentación. Se se suman os votos das forzas alternativas potenciais, non pasan normalmente do 10%. Aos restos de pasadas divisións (comunistas tradicionais, eurocomunistas, trostkistas), súmanse forzas novas (Parti de Gauche e Gauche Unitaire na Franza, Die Linke en Alemaña). Nalgunhas destas forzas novas, como en Die Linke, é importante a presenza de disidentes do partido socialista e dalgúns sindicatos maioritarios, con arraigamento en sectores de traballadores.

Dáse, ademais, outra circunstancia grave: a converxencia de vermellos e verdes, que pareceu cristalizar anos atrás, entrou en crises en moitos países. A expresión máis visible desta crise foi o proceso dexenerativo experimentado en Alemaña por Die Grünen con motivo da súa colaboración co SPD no Goberno federal. Os partidos verdes realmente existentes, e non só en Alemaña, son hoxe unha amálgama pouco coherente, e en moitos casos non se pode dar por descontado que adopten posicións sociais de esquerda nos conflitos por vir. A viraxe á dereita das sociedades europeas non afecta só aos partidos socialistas, senón tamén aos verdes.

Hai, no entanto, un programa implícito que vén sendo formulado desde moitos lugares e que podería ser subscrito por un amplo sector da opinión pública, en España e na UE: eliminación dos paraísos fiscais, reforma fiscal cara á progresividade perdida, taxa sobre as operacións financeiras contra a especulación, homologación da presión fiscal e da lexislación laboral en toda a UE, intervención pública dos bancos para protexer os aforros e facilitar créditos á economía produtiva, redución do gasto en armamento, investimentos masivos en materia de sustentabilidade ambiental (o que se chama New Deal verde: enerxías limpas e renovábeis e técnicas ecoloxicamente sustentábeis), defensa dos dereitos sociais e en particular do Estado do benestar, igualdade de xénero, loita masiva contra a pobreza e a exclusión, considerar a inmigración como unha oportunidade e non unha ameaza.

Ao redor destes obxectivos pronúncianse moitas voces, desde a esquerda radical até sectores da socialdemocracia (como a Fundación Alternativas por boca de Nicolás Sartorius) e dos sindicatos maioritarios, de tendencia moderada; desde vellos e novos comunistas até ecoloxistas.

No Parlamento europeo están A Verdes/Alianza Libre Europea, que agrupa hoxe 32 partidos de 29 países, e a Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, que agrupa 27 organizacións de 21 países. Nestes momentos, os Verdes teñen 55 deputados e a Esquerda, 35. Estes deputados, que representan o 12,2% do total, comparten os obxectivos mencionados e poderían ser un referente importante en cada país para dar a batalla en toda Europa.

Pero, para que todo isto plásmese en iniciativa política, fai falta unha vontade unitaria que catalice a acción dos partidos e organizacións políticas de cada país. E non só isto: máis aló das organizacións políticas representadas nas institucións existe unha esquerda social multifacética, na que temos grupos políticos extraparlamentarios, sindicatos, asociacións de veciños, ateneos e centros culturais, así como redes asociativas varias, incluídas as redes virtuais. Como facer para que toda esta galaxia loite unida contra o neoliberalismo e permita saír da crise co menor dano posíbel para as clases populares?

Seguramente habería que pórse de acordo nun programa de mínimos como o aquí esbozado e deixar aparcadas as diferenzas, así como os prexuízos, as rivalidades, as desconfianzas, os personalismos e os dogmatismos. Se non se comprende que a esquerda verde está gravemente debilitada e acosada e que sen unión todo será en balde, frustaranse as aspiracións de millóns de cidadáns europeos que vemos con impotencia a marcha cara ao desastre.

Nenhum comentário: