26/12/2010

O passamento das universidades

Terry Eagleton. Artigo tirado de aquí e traducido para o galego-portugués por nós. Eagleton é catedrático de Literatura Inglesa na Universidade de de Lancaster, no Reino Unido. Trata-se dum dos críticos anglosajons mais reconhecidos do mundo e desde sempre ligado com a tradiçom marxista de Raymond Williams.


Están a piques de desaparecer as humanidades das nosas universidades? A pregunta é absurda. Sería como preguntar se está a piques de desaparecer o alcol dos pubs, ou a egolatría de Hollywood. Igual que non pode haber un pub sen alcol, tampouco pode existir unha universidade sen humanidades. Se a historia, a filosofía e demais se desvanecen da vida académica, o que deixarán tras de si serán institucións de formación técnica ou institutos de investigación empresarial. Pero non será unha universidade no sentido clásico do termo, e sería enganoso denominala así.

Tampouco, emporiso, pode haber unha universidade no sentido pleno do termo cando as humanidades existen isoladamente doutras disciplinas. A maneira máis rápida de devaluar estas materias -á parte de desfacernos enteiramente delas- estriba en reducilas a un agradábel complemento. Os homes de verdade estudan Dereito e Enxeñaría, mentres que as ideas e valores están para os miñaxoias. As humanidades deberían constituír o núcleo de calquera universidade digna dese nome. O estudo da historia e a filosofía, acompañado de certo coñecemento da arte e a literatura, debería contar tanto para avogados e enxeñeiros como para quen estudan en facultades de artes. Se as humanidades non se atopan tan gravemente ameazadas nos Estados Unidos é, entre outras cousas, porque se contemplan como parte integral da educación superior como tal.  

 Cando xurdiron na súa actual configuración a finais do século XVIII, as chamadas disciplinas humanas tiñan un papel social crucial, que consistía en nutrir e protexer a clase de valores para os que unha orde social filistea tiña pouco do seu precioso tempo. As humanidades modernas e o capitalismo industrial estiveron máis ou menos emparellados ao nacer. Para conservar un conxunto de valores e ideas asediados, facían falta entre outras cousas institucións coñecidas como universidades, apartadas dalgún modo da vida social de todos os días. Ese isolamento significaba que o estudo humano podía ser lamentabelmente inútil. Mais permitía así mesmo ás humanidades emprender a crítica do saber convencional.

 De cando en vez, como a finais dos anos 60 e nestas últimas semanas en Gran Bretaña, esa crítica lánzase á rúa, e dedícase a confrontar como vivimos en realidade con como poderiamos vivir.



Do que fomos testemuñas no noso tempo é da morte das universidades como centros de crítica. Desde Margaret Thatcher, o papel de mundo académico consistiu en servir ao status quo, non en desafialo en nome da xustiza, a tradición, a imaxinación, o benestar humano, o libre xogo da mente ou as visións alternativas de futuro. Non cambiaremos isto simplemente cun maior financiamento das humanidades por parte do Estado, por oposición a un recorte que as deixe en nada. Cambiarémolo insistindo en que unha reflexión crítica sobre os valores e principios debería ser central para calquera cousa que aconteza nas universidades, e non só o estudo de Rembrandt ou Rimbaud.

 En última instancia, as humanidades só poden defenderse pondo de relevo  até que ponto son indispensábeis; e isto significa insistir no seu papel vital no conxunto da aprendizaxe académica, en lugar de protestar dicindo que, como a algún parente pobre, custa pouco aloxalas.

 Como pode lograrse isto na práctica? Financieramente falando, non ha lugar. Os gobernos están empeñados en reducir as humanidades, non en estendelas.

 Puidese ser que investir demasiado en ensinar a Shelley significase quedar atrasados respecto dos nosos competidores económicos? Pero non hai universidade sen indagación humana, o que significa que as universidades e o capitalismo avanzado son fundamentalmente incompábeis. E as implicacións políticas que iso leva van bastante máis aló da cuestión das taxas estudantís.   

Nenhum comentário: