A Beiras tócalle ler a lección inaugural do curso na USC xusto o ano que se xubila ou, mellor, cando o xubilan. A universidade foi o osíxeno que o salvou do embrutecemento da política institucional. E non se vai, porque a partir de agora entra na categoría de catedrático emérito
Xosé Manuel Beiras gañou a cátedra de Estrutura Económica na USC no ano 70 e aí viviu a Transición, cando a compostelá era a facultade "más roxa de toda España". No 85 obtivo por primeira vez escano no Parlamento de Galicia polo BNG. As dúas actividades eran compatibles xuridicamente, pero non economicamente. Tívoo claro: "Nunca me considerei un político profesional e nunca quixen selo". Optou pola universidade e renunciou ó soldo de deputado.
O vindeiro día 29 lerá vostede a lección inaugural do curso na USC. A piques de xubilarse.
É curioso, xusto cando me xubilan. Ata agora nunca pronunciei a lección inaugural e xa non contaba con ter esa honra. Cando me chamou o reitor hai dous meses foi unha sorpresa. A lección inaugural corresponde ás distintas facultades en rolda e este ano tocáballe a Económicas. Entón seica descubriron que son o máis antigo da facultade. A explicación é pavera. Cando eu saquei a cátedra en 1970 era o segundo catedrático que había na facultade e daquela leu Luis Arellanos. Cando volveu tocar Económicas, a finais dos 70 eu estaba no dique seco, coa crise que tivera, e loxicamente leu outro. Pero cando lle volveu tocar a Económicas saltáronme olimpicamente. E agora tócame, polos pelos.
Que supón para vostede?
Para min é unha satisfacción e unha honra rematar a miña vida estritamente activa lendo a lección inaugural. No ano 85, cando obtiven por primeira vez o escano de deputado, había compatibilidade xurídica, pero non económica, e eu optei por seguir en activo na universidade e renunciar ó soldo de deputado. Estiven así ata o 1999, que pedín a excedencia especial. E en canto deixei de ser candidato á presidencia da Xunta polo BNG no 2003 volvín. Nunca deixei a miña actividade como docente, aínda que foi moi difícil, cando era o único deputado do Bloque e tiña que percorrer o país eu só. Facía 80.000 quilómetros ó ano e teño gastado coches antes de pagalos.
De que vai falar?
Escollín un tema que se titula "Economía Galega e autonomía política". Pero non é un discurso político, porque sempre diferenciei a miña faceta de docente e de político. Fago unha diagnose da economía galega á altura do comezo da autonomía política e cuestiono: esta autonomía, que tipo de política económica necesitaba? Tiñan as institucións potestades para facer esa política económica? O contexto externo era favorábel para que se puidese aplicar? Logo desenvolvo a análise.
Considérase máis docente ou político? Que lle deu máis satisfaccións?
O máis satisfactorio para min foi sen dúbida o traballo universitario. Nunca me considerei un político profesional nin tiven intención de selo. A miña profesión era a docencia, a universidade e a investigación. A política era un combate, un compromiso. A dedicación á política tivo custos moi serios para min, non económicos. A miña produción, case todo o relevante, é anterior ó ano 85. Os meus libros máis apreciábeis sobre a economía galega son anteriores. Se os 20 anos que dediquei á política non llos dedicase, evidentemente podía ter producido moito máis, mesmo para o propio país, porque eu non facía economía abstracta. E tamén podería dedicarme máis ós estudantes, cos que sempre tiven unha relación espléndida. Cando había cursos con máis de 400 alumnos nos 70 eu coñecía polo seu nome a máis da metade. A partir dos 90 cando o traballo político tiña moita envergadura e era máis agobiante, non me podía dedicar da mesma maneira. Eses son os custos.
No plano político, con independencia do desenlace da miña traxectoria política, o balance é que pagou a pena. Contribuín a que o proxecto nacionalista pegase un salto moi importante dos oitenta ó 2000. E iso é satisfactorio.
Pero sempre me salvou ter o osíxeno da miña actividade na universidade. Para min era osíxeno. Fundamentalmete polo contacto cos alumnos: un vai cumprindo anos pero sempre te relacionas con xente da mesma idade e iso é moi osixenante. A min iso salvábame dunha cousa terríbel, e é que a política institucional é moi embrutecedora, porque te amputa. Eu víao ó meu arredor, e no caso dos políticos profesionais, que chega un momento en que non saben cómo é o país e a xente, só o coñecen polas estatísticas, porque están moi enclaustrados mentalmetne nas paredes institucionais. En etapas en que eu estaba moi acosado, que me trataban de energúmeno, de terrorista... o contacto cos estudantes permitíame saber se iso que se dicía é certo. E aínda me dicían "Señor Beiras, fai falta aínda máis leña".
Cal é o seu horizonte agora?
Evidentemente, o vital acúrtase notabelmente. Pero non renuncio á actividade política no espazo do nacionalismo, pero non teño a perspectiva dunha carreira política con responsabilidade de goberno ou cousas polo estilo. Aínda que nunca se sabe, ó mellor teñen que chamar ós reservistas... E para min é un alivio que no canto de ser un catedrático xubilado sexa emérito, aínda en activo.
Non está moi conforme coa xubilación.
Eu non pido a xubilación, a min xubílanme. Eu sempre defendín a universidade pública: a universidade ou é pública ou non existe. Se a universidade é pública, os contratos tamén son públicos. Se un profesor é un funcionario, ten que ter unha xubilación. En cambio nunha universidade privada, por exemplo as americanas, non hai xubilación porque non hai funcionariado, e mentres ti esteas en condicións de funcionar como docente e investigador renóvanche o contrato. Cando se trata do saber, pode ocorrer que un aínda estea en condicións cando lle chega a hora da xubilación, e ten moito que facer para formar os máis novos e dirixir investigación. Pérdese un activo, e é un aspecto que habería que resolver. A figura do emérito resólveo en parte, pero é un parche. Por outra banda, tamén pode dar lugar a unha drenaxe de cerebros da pública á privada e isto desnutre a universidade pública.
É vostede moi crítico co Espazo Europeo de Educación Superior.
Unha das cousas que me preocupan máis é o proceso de deterioro constante da universidade pública en Europa, que vai a unha privatización do ensino superior mediante a anemia das universidades públicas. Estabelécese unha especie de xerarquías entre as universidaded "de alto rango" e as de "rango inferior", que estarán confinadas no 1º e 2º ciclo, pero non competirán no 3º ciclo, nos máster, posgraos e a investigación... Hai risco de que a universidade galega quede confinada niso. Non estou en desacordo coa integración europea, pero si completamente en desacordo coa mercantilización que se está facendo dos bens sociais e culturais que Europa conquistou. Hoxe o Ulyses de Joyce non se publicaría, porque ningún editor asumiría o risco económico. Se a mercantilización se aplica ó ensino, ó pensamento, á investigación... a universidade vaise a pique.
Nenhum comentário:
Postar um comentário