13/01/2011

Escolas e mestres: bodes expiatorios

Manuel Pérez Rocha. Artigo publicado en castelán en Sin Permiso (aquí) e traducido polos xestores deste blogue para galego-portugués. O negrito e o subliñado son, coma sempre, de noso. O autor do artigo escribe habitualmente no xornal mexicano de esquerda La Jornada e foi reitor da Universidade Autónoma da Cidade de México. Boa lectura!




A argumentación que se repite unha e outra vez é sinxela e, por iso, serve para efectos de propaganda: a) nun mundo en competencia, a produtividade é determinante para a economía dos países, b) a produtividade depende da cualificación da man de obra, c) a cualificación da man de obra depende da calidade da educación escolar, d) a calidade da educación depende dos mestres. Resultado: os mestres son os culpábeis do atraso e as crises económicas.

Non esaxero. Con algunhas variantes, este é o razoamento que fan moitos políticos, empresarios e líderes de opinión en México e nos Estados Unidos. O profesor Eric Hanushek, prestixioso investigador estadnidense que tivo influencia determinante nas políticas educativas do goberno dese país, afirma sen reservas: O futuro económico de Estados Unidos depende crucialmente da calidade das nosas escolas, e engade: Os logros dos estudantes están directamente relacionados coa calidade dos mestres. Ningún outro posíbel enfoque das políticas escolares ten a efectividade que posúe a política de contratar e reter bos mestres. Desde a época de Reagan até a data, o goberno estadunidense asumiu integramente este postulado, reitérao en multitude de discursos e construíu as súas políticas educativas máis importantes coa premisa de que os profesores cargan coa culpa dos males do país.

No noso país, o organismo privado Mexicanos Primero presentou hai unhas semanas o seu estudo Brechas, no que se describe moitos dos laños do sistema escolar mexicano. Nesa ocasión, o presidente dese organismo culpou á escola non soamente dos problemas económicos, senón de todos os problemas do país (1). Dixo: As desafortunadas consecuencias sociais dos nosos pobres resultados educativos son evidentes: emprego insuficiente, baixa remuneración e pobreza estendida; pouca competitividade; inseguridade; corrupción; unha democracia puramente electoral, non participativa; manipulación electoral; patrimonialismo e dependencia; abusos en materia de dereitos humanos; insalubridade; inequidade. Este organismo privado está patrocinado por grandes capitais e empresarios, entre eles Televisa. Que propoñen para resolver tan graves problemas? Meter en cintura aos mestres mexicanos, para o que formulan un plan de acción. O director de Mexicanos Primeiro sinalou como meta central que cada neno teña un grande mestre. Están a seguir, ao pé da letra, a narrativa da dereita estadunidense.

Hoxe só unha inxenuidade extrema admite que o mundo económico está constituído por países que compiten e triunfan en función da súa eficiencia. En realidade, por encima dos países, no sistema económico actual quen compiten e dominan o mundo son grandes e medianos negocios industriais, comerciais e financeiros, e organismos internacionais ao seu servizo, que triunfan non precisamente pola súa eficiencia e produtividade, senón pola súa forza financeira e a aplicación de prácticas comerciais de todo tipo, entre elas acaparamento, especulación, enganos e fraudes.

En Estados Unidos, o Economic Policy Institute (EPI) fixo unha análise da infundada e inxusta inculpación ás escolas e os mestres. Nun artigo redactado por dous dos seus investigadores, Lawrence Mishel e Richard Rothstein, publicado na revista The American Prospect e titulado As escolas como bodes expiatórios, demostra que nese país o emprego, a escolaridade, os salarios e a produtividade relaciónanse de maneira totalmente distinta á que sostén o xuízo que se fai ás escolas e os mestres. Por exemplo, de 1990 a 2006 a produtividade nos Estados Unidos creceu constantemente, apoiada pola mesma forza de traballo que en 1990 fora sinalada como culpábel da perda de competitividade fronte ás empresas europeas e asiáticas, e culpábel tamén dos baixos salarios. Demostra, así mesmo, con abundantes cifras, que ese notable aumento na produtividade non se viu reflectido nos salarios, os cales se estancaron, e mesmo descenderon, a partir de 2001.

Tamén é falsa, pola súa geralización, a afirmación de que a produtividade das actividades económicas dependa da cualificación da man de obra. En Estados Unidos o incremento na produtividade non foi precedido por algún programa notábel de formación de man de obra. Así mesmo, resulta falso afirmar que hai unha deficiente preparación da man de obra para enfrontar os retos dos avances tecnolóxicos, pois as empresas estadunidenses moveron moitas das súas plantas a rexións e países que sen dúbida teñen unha man de obra menos cualificada. Pon como exemplo á industria automotriz que trasladou as súas plantas a México. Poderiamos engadir outros exemplos, como o da industria electrónica e moitas maquiladoras, tanto estadunidenses como doutros países.

Igual que en México, en Estado Unidos os últimos anos acentuouse a concentración dos ingresos e a riqueza. Nese país, en 1980 o un por cento da poboación con máis altos ingresos recibía 8 por cento do ingreso total, hoxe recibe 20 por cento. Nin en Estados Unidos nin en México fai falta, como din algúns, facer primeiro o pastel para despois repartilo, nin é certo que a deterioración dos ingresos dos traballadores obedeza á inadecuación das súas competencias para o traballo, pois o desemprego alcanza con particular agudeza aos sectores cualificados.

O diagnóstico que en Estados Unidos e en México culpa de tantos males ás escolas e os mestres é totalmente falso e busca, como sinalan os investigadores do EPI, desviar a atención que debería prestarse ás políticas erradas en canto á honestidade dos nosos mercados de capital, o rendemento de contas das nosas corporacións, as nosas políticas fiscais e a administración monetaria, os nosos investimentos nacionais en investigación, desenvolvemento e infraestrutura, e o xogo limpo no sistema comercial. Tamén os mexicanos de México Primeiro escorrentan estes cuestionamientos ao sistema socioeconómico e político que os enriquece de maneira obscena, e apúrannos a aceptar que só a educación de calidade cambia a México.

Notas do blogger:
(1) Aínda non coñecendo o organismo citado, polo nome nom é difícil aventurar que se trata dum think tank de extrema-direita na onda do Tea Party ou das FAES. Nom por acaso o grito de ordem das concentraçons genofóbicas da extrema-direita no Reino de Espanha é "los españoles primero".

Nenhum comentário: