O sindicato agrario reclama a súa derrogación e advirte que privatizar esta competencia, transferida polo Estado á Xunta en 1986, podería ser inconstitucional.
O Sindicato Labrego Galego ofreceu hoxe unha rolda de prensa para facer un chamamento a todas as organizacións sociais de Galiza de cara a facer fronte común contra a Lei de Augas aprobada polo Goberno da Xunta. Compareceron o membro da Executiva do SLG, Manuel Docampo, e a secretaria xeral, Carme Freire, e ambos coincidiron en sinalar que esta lei é a máis grande agresión sufrida por Galiza na era democrática. Mentres que Docampo advertiu que "se privatiza un elemento indispensable para a vida das persoas e dos animais, e para a produción de alimentos", Freire foi máis alá e afirmou que "se privatiza o noso dereito a vivir".
Dende o punto de vista legal, Manuel Docampo explicou que as competencias sobre a auga foron transferidas polo Estado Español á Xunta no ano 1986, a través do Real Decreto 2.792. O feito de cederlle estas competencias a unha empresa como Augas de Galicia que, dende o punto de vista xurídico, funciona como unha sociedade anónima (ao ser Augas de Galicia un organismo de dereito privado), fai que a lei impulsada pola Xunta podería estar raiando a inconstitucionalidade.
Parte desta campaña consistirá en pedirlle aos concellos que se manifesten en contra da lei negándose a colaborar no cobro do canon. Neste senso, o SLG mantivo, nas últimas semanas, encontros cos principais partidos políticos que se van presentar ás eleccións municipais (PP, PSOE, BNG e EU).
A secretaria xeral do SLG tamén chamou a atención do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e pediulle que deixe de tomarlle o pelo ao pobo galego, en referencia ás súas declaracións de que a Lei de Augas non se ía aplicar. Freire replicou dicíndolle que "se creou unha lei para despois non aplicala, o mellor que pode facer é derrogala".
Finalmente, Carme Freire advertiu que "a auga é un recurso público e natural que non ten prezo e, polo tanto, non a imos pagar. Imos parar esta Lei de Augas, pese a quen pese, especialmente a aqueles que pretendían especular e facer negocio a costa deste dereito fundamental para a vida. Se a auga é nosa, toda esta loita tamén vai ser nosa, e o Goberno que aprobou esta lei lesiva e agresiva para toda a cidadanía vai ter que derrogala porque no lle imos dar tregua para que a aplique".
* Lembramos que o sábado, 26 de febreiro, o Encontro Irmandiño organiza unha xornada sobre a privatización da auga en Cuntis (máis info).
Nenhum comentário:
Postar um comentário