13/02/2011

Un novo referente político: o Encontro?

Manoel Santos en Galicia Hoxe.

Cando repaso o panorama da esquerda política organizada -e con ansias de transformación social- na Galiza éntrame un deprimente desabafo. Non falo só da que, en forma de fronte ou de partido, concorre normalmente aos diferentes comicios, que iso é xa para desesperarse. Falo das diferentes correntes que en múltiples minifundios ideolóxicos, non tan afastados no fundamental os uns dos outros, mais si salseirados por mil e un matices -moitas veces enriquecedores- e tamén por mil e unha tendencias sectarias e mil e unha desconfianzas mutuas, enchen a terra nosa dun baleiro de opcións políticas ben paradoxal.
A lenta, ás veces tediosa, experiencia do Encontro Irmandiño (EI), é a que hogano esperta en min, e sei que non estou só, un meirande interese -ou se cadra esperanza-, sen desprezar en absoluto outras ideas, ollares e praxes que, se ben poderían sintonizar máis coa miña ideoloxía profunda non están nin o suficientemente desenvolvidas, nin dabondo organizadas, nin tan abertas como para recaer nelas. E como dixen, non temos moito tempo.
No EI amoréanse xentes ben diversas que chegaron á conclusión de que a organización política que nos anos 90 foi quen de acadar uns graos de credibilidade e autoridade case hexemónicos na esquerda social galega, mudou nun aparello inservíbel para a emancipación social -e xa que logo nacional- da Galiza. E tamén está a recaer a atención de moitos que, dende fóra desta corrente e da organización política na que aínda está inserida, laian por ese novo referente político que a esquerda social precisa, por canto a rúa, sendo o máis importante, non abonda.
Porén, atención e dedicación son cousas ben diferentes. A ninguén escapa que unha das discusións centrais do EI é a súa relación co BNG. Para uns aínda é rexenerábel, para outros non, mais todos coinciden en que o EI debe ser quen de xerar a súa propia dinámica política, de aí que o paso máis significativo que estea a dar na III Asemblea é a constitución dun partido político. Só deste xeito poderá traballar organicamente e de xeito independente ao que aconteza no BNG.
Moitos no EI afirman, ou auguran, que esa dinámica política propia levará, por pura osmose inversa -que é o máis eficiente mecanismo para desalinizar e potabilizar a auga- á organización fóra do BNG, pois a rexeneración deste parece pura fantasía. E se cadra, se o EI é quen de se organizar acaidamente, así será.
Porén, pode o EI organizarse, para o que sobre todo precisa sumar moitos e tamén novos efectivos da esquerda social con suficiente dedicación, permanecendo ao amparo do BNG? Dificilmente, por canto a credibilidade da fronte parece tan esgotada como probabelmente a eficacia da súa marca política.
Asemade, se coincidimos en que a construción dun novo referente, cunha nova estratexia e un novo programa, debe agromar de abaixo arriba, é o máis acaído construír primeiro o edificio -o partido- e despois darlle contido como se da Cidade da Cultura se tratase? Poida que non, pero é urxente dar pasos, e o EI dáos...

Nenhum comentário: