15/03/2011

Por unha organización libertaria e global

Carlos Taibo. Tirado do novo site de Altermundo (aquí) que vos encomendamos encarecidamente visitar para melhorármolo entre todas e todos.

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgKyPcArhrt6iVV14Bkv4juUCM07MQlzjZzcUarbvy02_GwsGGSCTf7YXK7u-pIVkmMli62IJ9RaVO5A5MBh4Z3-rc1sJfzMtWv6rpjs8baKxjZIcgekf08iXhcW5zxbnVqA3m-FMaoguAN/s220/CAW321G7.jpg

Nestas liñas téntase aducir unha puñada de razóns que virían xustificar, nun intre como o presente, a creación, entre nós, dunha organización libertaria de carácter global.

O escenario

1. Os activistas libertarios teñen hoxe en día unha presenza real pero discreta. Maniféstase a través de instancias varias como é o caso de grupos de afinidade, ateneos, sindicatos e movementos sociais de moi diverso tipo. Parece evidente que semellante dispersión, que non deixa de ter as súas vantaxes, desdebuxa un tanto a presenza pública das ideas e das prácticas correspondentes.

2. Un mundo á parte é o sindical, onde se fan valer varias organizacións de carácter anarcosindicalista. Malia que, de novo, exhiben virtudes innegábeis, arrastran como pouco dous problemas. Se o primeiro é o feito, palpábel, de que o discurso sindical, por si só, ten un alcance tan respectábel coma limitado –pode afirmarse que un sindicato é tanto máis interesante e atractivo canta maior vontade mostra de rachar as fronteiras do sindicalismo e abrirse a outros mundos–, o segundo fálanos de como a división e a confrontación marcan moi a miúdo a relación entre as diferentes forzas anarcosindicalistas. Iso é así por moito que pareza certo que as tensións son hoxe máis limitadas que outrora.

3. Sobran as razóns para afirmar que a percepción libertaria do mundo, e as prácticas consecuentes, atrae a máis xentes do que unha primeira lectura pode suxerir. Nela danse cita por igual unha visión similar dos grandes problemas e unha crítica común da orde que padecemos.

4. Por se fose pouco todo o anterior, hai que invocar, tamén, a influencia saudábel que exerce a existencia, orgullosa, dunha poderosa tradición compartida, e iso por moito que en ocasións sexa encarada cunha nostalxia inhabilitadora.

O ámbito

5. Unha organización libertaria de carácter global debe ter por forza un carácter confederal, isto é, debe outorgar unha plena capacidade de decisión autónoma, sen limitacións, ás unidades que a integren. Parece obvio, aínda así, que a incorporación a unha organización de semellante natureza reclama a aceptación previa dun mínimo de regras do xogo e dunha base común de pensamento e de acción.

6. Esa confederación ben podería ter en orixe un carácter ibérico –a xeito do que quixo ser, sen éxito, a FAI oitenta anos atrás–, de necesaria ampliación a outros eidos xeográficos máis amplos, como é o caso, claro, do europeo –non hai que confundir este con o propio da Unión Europea– e do planetario.

O momento

7. A organización en cuestión cobraría corpo nun intre indelebelmente marcado pola crise sen fondo dun capitalismo cada vez máis corroído, incapaz de satisfacer eficientemente os seus propios obxectivos e empeñado nunha loita desesperada por sacar adiante as súas mecánicas naturais de explotación, exclusión e agresión contra o medio natural.

8. Pero esa organización nacería, tamén, da man dunha crítica urxente do que supuxeron ao longo do último século dúas fórmulas de socialismo de Estado: a socialdemocracia, no mellor dos casos empeñada en xestionar de xeito civilizado o capitalismo, e o leninismo, imbuído da certeza de dispor dunha ciencia social que debe ser administrada por unha vangarda claramente separada. Unha e outra foron incapaces de transcender o universo histórico e social do capitalismo, da mesma sorte que unha e outra –a través das urnas ou a través da toma violenta do poder– xeraron sociedades lastradas pola explotación, a xerarquía, as exclusións e as agresións contra o medio.

9. É doado identificar, dende bastante tempo atrás, o auxe de movementos de clara inspiración libertaria, conscientes da necesidade imperiosa de defender a democracia de base e de loitar contra toda forma de xerarquía e separacións. No caso destas instancias, e en particular no de moitos dos que no seu momento describimos como novos movementos sociais, pouco importa a autodefinición como libertarios: maior relevo corresponde ás súas prácticas históricas e á súa conciencia de estar configurando novos suxeitos.

10. A todo o anterior súmase, como un estímulo máis, a reiterada afirmación, formulada desde os sistemas que padecemos, de que o anarquismo, en particular, e a infinidade de fórmulas que se reclaman da autonomía, en xeral, configuran ideoloxías e movementos mortos, acompañada de tramadas estratexias de represión. Esa insistencia é tanto máis rechamante canto que coincide na súa expresión coa xa mencionada e imparábel corrosión do capitalismo realmente existente.

A proposta ideolóxica

11. Á hora de describir as tarefas ás que estamos convocados hai que outorgar prioridade ao termo libertario, que remite a unha realidade máis vivencial e espontánea, que ao termo anarquista, máis vinculado cunha toma de posición ideolóxico-doutrinal. Enténdase ben: non se trata de negar de ningún xeito a venturosa raíz anarquista de moitas das nosas querenzas. Trátase de esquivar calquera formulación que vincule estas con un dogma previamente estabelecido que determina a pureza e lucidez dos uns e a impureza e alienación dos outros. Parece que o adxectivo libertario define de xeito razábel a xentes que comparten, vivencialmente, principios e valores saudabelmente defendíbeis.

12. A organización en cuestión non pode ser sectaria e excluínte no terreo ideolóxico. Pero tampouco pode selo no que se refire aos proxectos de acción. Iso significa que no seu interior deben caber xentes moi diversas –dende insurreccionalistas até pedagogos ultrapacifistas– chamadas a achegar experiencias e modos de facer tamén diferentes.

13. Nesa organización deben darse cita, naturalmente, activistas que traballan nos sindicatos e nos movementos sociais do máis diverso cariz. De ningún xeito tratarase, con todo, de controlar, desde aquela, uns e outros. Todas as experiencias do pasado que acabaron por debuxar vangardas que se autoatribúen a dirección dos movementos de base conduciron a formidábeis fracasos. O respecto pola autonomía de sindicatos e movementos terá que ser ser, daquela, pleno.

14. A ton cunha tradición de fonda raizame libertaria, labor esencial desa organización será promover a construción dun mundo novo desde a base e desde xa. Non hai que esperar a eventuais cambios institucionais nin a unha indefendíbel toma do poder para empezar a crear espazos autónomos e autoxestionados. Isto é, ao cabo, o que lle outorga un perfil diferenciado a unha alternativa libertaria.

15. Parece obvio que unha parte significativa do esforzo da nova organización haberá de consistir en perfilar medios de comunicación novos e descentralizados, e en alentar, en paralelo, o despregamento de fórmulas de pedagoxía libertaria.

16. A organización asentarase na non delegación das capacidades de decisión e, alí onde esta non sexa facedeira, nun control estrito e permanente, desde a base, sobre a acción dos beneficiarios dunha eventual delegación de capacidades. En tal sentido, carecerá de dirixentes, de liberados e de profesionais da política. Como queira que, con toda evidencia, non estamos a falar dun partido político, a organización que nos ocupa de ningún xeito concorrerá a unhas eventuais eleccións. A súa visión estratéxica afastarase, polo demais, do cortopracismo de sempre vinculado coa lóxica electoral.

17. O programa mínimo da organización libertaria seguirá a ser a abolición do traballo asalariado e da mercadoría. Semellante abolición haberá de verificarse en estreita asociación cunha defensa cabal dos dereitos dos pobos do Sur e dos das xeracións vindeiras. Nesa dimensión, a organización –que asumirá unha contestación do capitalismo desde a loita antipatriarcal, a autoxestión e os principios do ecoloxismo radical– proporase contestar a dobre dimensión de explotación sobre os seres humanos e sobre o medio natural que caracteriza ao capitalismo realmente existente.

Nenhum comentário: